Novas | 4171 a 4180 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

28/05/2003
”O bosque animado” gaña un premio en Cannes mentres comeza a distribución internacional de “Ilegal”

A película de animación galega “O bosque animado” gañou o Premio Júnior no festival de Cannes, que rematou o pasado día 25. Ademais, nese mesmo evento a productora Dygra asinou contratos para distribuír este filme en todos os países de Sudamérica e en China. Tamén pechou varios preacordos para levar o seu vindeiro filme, “O soño dunha noite de San Xoán” a varios países europeos. Pola súa banda, a longametraxe “Ilegal”, de Vía Láctea Filmes, será distribuída por todo o mundo logo de que se fixese cargo desta tarefa o Grupo Pi.

Máis información en Galicia Hoxe e no web de “Ilegal”

. Amplía a nova>>

23/05/2003
Unha galega, representante de Bélxica no festival de Eurovisión 2003

Será a primeira vez que Galicia estea moi presente na bacanal da música lixeira do continente: Eurovisión, na cidade de Riga (Letonia) este sábado. E faino a través de Verónica Codesal, unha filla de galegos que é vocalista do grupo belga Urban Trad. Ironías do destino: os belgas –con dúas comunidades lingüísticas duramente enfrontadas entre si- preséntanse cun tema nun idioma inventado, e que é interpretado por unha vocalista, Codesal, que procede doutro país con linguas en conflicto e que agarda poder dicir “nunca máis” ao final da súa intervención. O colectivo galego VA-CA (Via Anticolonial Activa) pide que se apoie a esta cantante desde a casa “provistos de cervexiñas frescas e ramos de codeso”.

Unha entrevista a Verónica en El Correo Gallego ; O Colectivo Va-Ca; artigo con ligazóns en Vieiros

. Amplía a nova>>

19/05/2003
"Galicia hoxe" comeza a súa andaina distribuíndo curtametraxes galegas de balde

“Mamasunción” e “Contar” son as dúas primeiras curtametraxes da colección de cine galego que inicia o acabado de nacer “Galicia hoxe”. A colección está coordinada por Tomas Lijó e repartirán de balde nove entregas co xornal do domingo. A segunda entrega será o vindeiro día 25 con “A ti como se che di adeus” de Jorge Coira e “Amor serrano” de Luís Liste.

Máis información en Galicia hoxeAmplía a nova>>

16/05/2003
O audiovisual galego celebra a súa festa en que estarán os seleccionados aos premios “Mestre Mateo”

A primeira edición dos premios “Mestre Mateo” que concede a Academia Galega do Audiovisual chega cargada de novidades. A primeira delas é a festa que terá lugar esta noite no Hotel Palacio do Carme en Compostela, onde os seleccionados para os galardóns recibirán un diploma acreditativo. Comeza así a conta atrás cara ao 7 de xuño, cando se entregarán os premios. E o audiovisual ten outras citas. A primeira o vindeiro luns, que será cando se presente a serie documental “As viaxeiras da lúa” producida por Ibisa tv. Por outra banda, o vindeiro 18 de xullo (a preestrea será o 10) chegará ás salas comerciais “O agasallo de Silvia”. A película coproducida por Lorelei Produccións será distribuída en Galicia co mesmo número de copias en galego ca en español.

Máis información sobre a festa no web da Academia Galega do Audiovisual; sobre “As viaxeiras da Lúa” no web de Ibisa TV e sobre “O agallaso de Silvia” no seu web . Amplía a nova>>

14/05/2003
Dúas candidaturas compiten pola directiva da Academia Audiovisual e a Agapi renova a súa

María Bouzas e Manolo Gómez son os cabezas de listas das dúas candidaturas que optan á directiva da Academia Galega do Audiovisual para os vindeiros tres anos. A votación terá lugar o vindeiro día 31 no Pazo de Congresos de Santiago. E, por outra parte, outros dos organismos do audiovisual a Agapi (Asociación Galega de Productores Independentes) acaba de renovar a súa xunta directiva. Luís Daura, director de Bren Entertainment e Domingo Díaz, director de EAF Producciones substitúen a Marcos Gallego e a Manolo Gómez como vocais logo de completar o seu ciclo.

Máis información sobre as candidaturas no web da Academia Galega do Audiovisual . Amplía a nova>>

14/05/2003
Estréase “Blanca Madison” que chegará o venres ás carteleiras con numerosas copias

Hoxe é día de estreas. Na Coruña Carlos Amil ofrecerá no Pazo de Congresos a súa ópera prima “Blanca Madison”. A historia da cantante de boleros que volve á cidade para planear o asasinato do seu protector, quen abusara dela cando era nova. O filme chegará ás carteleiras este venres con dez copias en galego e oito en español. E esta noite en Vigo estréase “Auga morna” que é o documental co que o Augamorna Grupo Coñecido se presenta ao público.

Máis información en La Voz de Galicia sobre "Blanca Madison" e “Auga Morna” . Amplía a nova>>

13/05/2003
Alex Sampayo gaña o premio de mellor curtametraxe de Vilaboa por "Bobo Furcia"

As produccións galegas seguen a conseguir premios. Se onte falabamos do éxito da coproducción rodada en Galicia “O agasallo de Silvia” no Festival de Lorca, hoxe temos que recordar a mención especial que conseguiu Ignacio Villar con “Ilegal” na categoría de Óperas Primas no mesmo certame. Pola súa parte “Bobo furcia” do lalinense Alex Sampayo gañou o I Certame de Curtametraxes de Vilaboa (Pontevedra) e, quizais aumente a listaxe de premios Carlos Alberto Alonso porque a súa segunda curta “As muxicas” acaba de ser seleccionado para participar no Festival de Torrelavega.

Máis información sobre nos webs dos festivais de Vilaboa e de Lorca . Amplía a nova>>

12/05/2003
“O agasallo de Silvia” é a gran triunfadora da VII edición da Primavera Cinematográfica de Lorca

Mellor película, mellor actriz (Bárbara Goenaga) e mellor guión (Miguel Ángel Gómez e Pilar Gutiérrez) son os tres premios que acaba de conseguir “O agasallo de Silvia”. A coproducción en que participa Lorelei Produccións, Ignacio Benedeti Cinema e a Televisión de Galicia foi a gran triunfadora da VII edición da Primavera Cinematográfica. “O agasallo de Silvia” narra a historia de varias persoas que reciben os órganos dunha moza que acaba de suicidarse.

Máis información no sitio web do filmeAmplía a nova>>

12/05/2003
Zapata promove un manifesto no que solicita sinaturas para pedir que se rode en galego

“Rodar en galego é unha cuestión de vontade”. Baixo esta premisa Xosé Zapata promove un manifesto no que insta a asinar a productores, actores e outros profesionais do audiovisual galego para pediren que as produccións se roden orixinariamente en galego. Argumenta que esta condición non implica ningún custo nin ningunha eiva para a producción que el mesmo ten comprobado na rodaxe de "Sara", un dos seus últimos traballos, rodada en catalán e en galego. O manifesto presentarase o venres 16 de maio ás 18:00 na sede da Real Academia Galega, na Coruña.

Coñece o manifesto coa lista de asinantes. Se queres asinar, manda unha mensaxe electrónica a esta conta. Amplía a nova>>

08/05/2003
Coruña acollerá o Cartoon Future, un foro europeo de novas tecnoloxías do audiovisual de animación

Do 15 ao 17 de maio A Coruña será un foro de encontro de experiencias e innovacións no mundo da animación. Trátase do “Cartoon Future” que xunto co “Cartoon Forum” que se celebrará no 2004 en Santiago fará que Galicia acolla a representantes das novas tecnoloxías de animación. Este foros teñen lugar logo do convenio asinado entre o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Ignacio Otero e a Asociación Europea de Filmes de Animación Cartoon, Marc Vandeweyer.

Máis información en El Correo Gallego e en La Opinión . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org