17/02/2004
A Universidade de Santiago participa nun proxecto para levar á televisión as súas investigacións
As 75 universidades de todo o mundo que conforman o Grupo Compostela, entre as que se atopa a Universidade de Santiago, participan no proxecto "Compostela Media. É unha iniciativa que pretende elaborar unha serie de televisión, baixo o título “Europa investiga”, que dea conta dos proxectos de investigación que se están a desenvolver no ámbito universitario. De momento, o produtor executivo da Compañía Audiovisual Es-Doce, Larry Levene, visitou estes días o campus compostelán e entrevisouse con varios investigadores para falar do proxecto, que se podería empezar a rodar en setembro.
Máis información no xornal da
USC e en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
16/02/2004
Porto acolle hoxe a inauguración da XXIV edición do Festival de Cine Fantástico
Hoxe comeza no Porto unha nova edición do Festival de Cine Fantástico, Fantasporto. E esta cita intenacional co terror e coa fantasía ten como nome destacado Filmax Factory, a división de terror da compañía que dirixe Julio Fernández. Pero hai máis, até o vindeiro 1 de marzo, poderanse ver na cidade portuguesa 150 longametraxes, con retrospectivas a Boris Karloff, Lucio Fulci, Herchel Gordon e Leni Riefenstal e 50 curtametraxes, ao longo de 200 sesións de cine. Entre os filmes galegos e rodados aquí estarán “Trece Badaladas” e “Dagon”.
Máis información no web do
festival e na ficha de Trece badaladas
. Amplía a nova>>
11/02/2004
Ourense e Pontevedra sitúan a Galicia como única comunidade que gaña espectadores
A Federación de Entidades e Empresarios de Cine de España (Feece) convocou unha rolda de prensa para dar conta dos nefastos resultados de recadación e espectadores de cine no estado. E a única comunidade que aumentou con respecto ao 2000 a asistencia ás salas foi Galicia. Ese mesmo informe dá conta de que o perfil de espectador galego é novo e prefire as películas americanas ás europeas. A situación é desigual por provincias xa que, aínda que a Coruña é a provincia con máis espectadores e redacadación, son Ourense e Pontevedra as que rexistraron un maior aumento. Polo demais, a Xunta comprometeuse ante os directivos da Feece a subvencionar a fondo perdido ás salas de cine do rural que recaden menos de 60.000 euros ao ano.
Máis información en
La Voz de Galicia, El Correo Gallego e en Cine por la Red
. Amplía a nova>>
09/02/2004
Cultura gastará 3.7 millons de euros en subvencionar os produtos audiovisuais en galego
Longametraxes, telefilmes, series de televisión, producións multimedia, documentais, videocreación.... todos os produtos audiovisuais que se desenvolvan este ano en Galicia e en galego poderán acollerse ás subvencións que concede a Consellaría de Cultura para este ano, segundo fixo público no Consello da Xunta. Entre os requisitos destacan: estar en galego, que sexan produtoras que teñan, polo menos un 25% en Galicia e poderán acollerse a esta medida todas as actividades do proceso produtivo, é dicir, desde a rodaxe até a postprodución. E para todo isto a Consellaría de Cultura pretende destinar máis de 3.7 millóns de euros que, segundo contabilizan, se concretarán en seis longametraxes, tres películas para televisión e máis de corenta curtametraxes e documentais.
Máis información no
Consello da Xunta (en pdf)
.
Amplía a nova>>
05/02/2004
"A fraga maldita" promove planetacorto.com para a distribución de curtametraxes de autores noveis
A produtora coruñesa "A fraga maldita" presentou "Planetacorto.com", un sitio web que distribúe en formato dixital curtametraxes de autores noveis, recursos útiles para a realización de curtas, foros de discusión e intercambio e aberto a autores de todo o mundo hispano. Segundo os promotores, "planetacorto.com é un servizo para novos realizadores e produtores xa que fornece dun xeito sinxelo de distribución a pezas audiovisuais que teñan difícil acceso ao público por outros métodos máis convencionais".
Máis información en
Planetacorto.com; web de A Fraga Maldita
. Amplía a nova>>
04/02/2004
Patricia Ferreira roda en Madrid e A Coruña a súa terceira longametraxe
O tándem Patricia Ferreira e Continental comeza a traballar nun novo proxecto. Trátase da longametraxe "Para que non me esquezas" que protagoniza Fernando Fernán Gómez, Emma Vilarasau, Marta Etura, Roger Coma, Víctor Mosqueira e Mónica García. A terceira longametraxe de Ferreira conta a historia dun mozo –David- que garda os recordos do seu avó e ao que vai axudando a recuperar as lagoas da súa memoria sobre a Guerra Civil, e o impacto do seu contorno cando David morre nun accidente. A rodaxe, que comezou o luns en Madrid, durará oito semanas e trasladarase en breve á Coruña.
Máis información no web de
Continental
. Amplía a nova>>
03/02/2004
Profesionais do audiovisual propoñen os candidatos aos II Premios Mestre Mateo
Até o vindeiro 27 de febreiro está aberto o prazo para que os profesionais do sector poidan propoñer as producións, a calquera das 25 categorías que teñen os Premios Mestre Mateo que convoca a Academia Galega do Audiovisual. Poden optar ao galardón as producións galegas, entendendo como tal aquelas que teñen un mínimo dun 25% de capital galego ou un 50% de equipo técnico ou artístico, e que foron emitidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2003. Pechado o proceso de recepción de candidaturas, enviaranse as papeletas de votación cos seleccionados que asistirán á "Festa dos nomeados" prevista para o día 15 de maio. O 26 dese mesmo mes péchase o prazo das votacións finais cuxo resultado se saberá na "Gala de entrega Premios Mestre Mateo 03", nunha data aínda sen fixar.
Máis información no noso apartado de certames e mais no web da
Academia Galega do Audiovisual
. Amplía a nova>>
02/02/2004
Morre na Coruña o compositor Manuel Balboa con 44 anos
Manuel Balboa era un asiduo da Orquestra Sinfónica de Galicia, coa que gravou varios traballos; cos traballos de videocreación e cos estudos de gravación. Este compositor de 44 anos falecía o sábado na Coruña tras padecer unha longa enfermidade. Deixou numerosos traballos no mundo da composición cinematográfica, como as bandas sonoras de “A ferida luminosa”, “O avó” ou “Canción de Berce” de José Luís Garci. Recibiu un premio Agapi polo seu traballo en “Divertimento” e un dos seus últimos traballos foi a BSO de “Ilegal” de Ignacio Vilar.
Máis información en
La Opinión.
. Amplía a nova>>
02/02/2004
Luís Tosar gaña o seu segundo Goya pola súa interpretación en "Douche os meus ollos"
Os premios da Academia Española da Cinematografía, os Goya, cumpriron este sábado a súa maioría de idade con reivindicacións claras á liberdade de expresión. Na gala, que se prolongou ata as dúas da mañá, a gran vencedora foi o filme “Douche os meus ollos” da directora Iciar Bollaín que recibiu sete estatuíñas. Entre elas destacaba a de Luís Tosar como mellor actor que é o segundo recoñecemento na súa listaxe persoal. E, por outra banda, o tamén lucense Julio Fernández foi o encargado de recoller a estatuíña que premiaba a “O Cid, a lenda” como mellor película de animación.
MÁIS información sobre as fichas de
Luís Tosar e
O Cid en AVG.
Amplía a nova>>
29/01/2004
O sector audiovisual reúnese nun Congreso en decembro para perfilar o seu futuro
En 1994 todos os axentes implicados no sector audiovisual xuntáronse para comentar as súas experiencias. Dez anos despois, o sector adquiriu xa unha certa madurez e aproveitando esa conxuntura a Academia Galega do Audiovisual, acollendo unha proposta do Consorcio, acaba de anunciar a celebración do II Congreso Galego do Audiovisual. A cita será en Compostela do 9 ao 11 de decembro. O principal obxectivo desta cita é o de deseñar, concretar os camiños que han de contribuír a consolidar o sector, é dicir, definir qué papel han de desempeñar no tecido social e industrial galegos, así como a súa proxección ao exterior.
Máis información en
La Voz de Galicia e no web da Academia
. Amplía a nova>>