Novas | 3871 a 3880 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

01/03/2005
A Escola de Imaxe e Son da Coruña abre o primeiro museo do cine

Tres proxectores de cinema, material fotográfico, ampliadoras de principio de século... son algúns dos materiais que forman parte do primeiro museo do cine e da fotografía que se inaugura mañá. Trátase dunha aula situada doa Escola de Imaxe e Son da Coruña (a EIS) que abre as súas portas grazas a unha doazón particular. E do museo da Coruña pasamos ao da Estrada que sufrirá nos vindeiros meses un proceso de ampliación. Cunha partida de 30.094 euros destinadas do plan Leader Montes ampliarase a biblioteca, a sala de investigación e do arquivo.

Máis información sobre o Museo do Cine El Ideal Gallego e sobre o museo da Estrada en El Correo Gallego . Amplía a nova>>

28/02/2005
A historia de Ramón Sampedro levada ao cinema por Alejando Amenábar consegue un Óscar

Cumpríronse os prognósticos e “Mar adentro” conseguiu o Óscar a mellor película estranxeira. Un galardón que recolleu o director da película, Alejando Amenábar quen llo dedicou a Ramón Sampedro cuxa historia se rememora na película. Non puido ser a estatuíña para a galega Mara Collazo, que formaba parte do equipo candidato para o Óscar de maquillaxe do filme de Amenábar, que ao final foi para o filme “Unha serie de eventos catastróficos”.

Máis información en La Voz de Galicia . Amplía a nova>>

28/02/2005
O CGAI leva á filmoteca nacional os seus fondos fílmicos máis antigos

As películas do Centro Galego de Artes da Imaxe anteriores a 1952 acaban de trasladarse á Filmoteca Nacional. Unha decisión que xa barallaba o centro e que foi determinante a partir do incendio dunha película que sufriu o CGAI o ano pasado. A Filmoteca Nacional conta cun depósito que garante a seguridade e as condicións de conservacións que precisan esas películas polo seu carácter altamente inflamable. En todo caso, os fondos que o CGAI cedeu en calidade de depósito, supoñen a penas un 5% dos seus fondos.

Máis información no web do CGAI . Amplía a nova>>

25/02/2005
O Consorcio Audiovisual de Galicia presenta o calendario de mercados aos que vai levar producións

O audiovisual galego ten anunciado que o ano 2005 é no que pretende internacionalizar as súas producións e iso pasa por vender os traballos nos principais mercados do sector. Comezou asistindo ao mercado de curtametraxes Clermont-Ferrand a principios deste mes de febreiro. Pero o calendario ten moitas máis citas. A seguinte será do 11 ao 15 de abril cando en Cannes se celebre o MIP TV, un dos máis relevantes do mundo da televisión. Seguiralle o 28 e 30 de abril con MERCADOC, especializado en documentais que se organiza en Málaga ao abeiro do Festival de Cine Iberoamericano. En maio xunto con outras entidades estatais, o Consorcio estará presente baixo a marca Galicia Film Commissión no “Marché dun Film” (entre o 11 e o 21). En xuño chega o momento da animación no MIFA de Annency e remata coa presenza en Cannes no MIP COM do 17 ao 21 de outubro.

Máis información no web da Consorcio Audiovisual Galego . Amplía a nova>>

24/02/2005
Vaca Films e Filmanova inician as rodaxes das súas producións “Cargo” e “Camarón. A película”

O luns 28 comezan novas rodaxes de coproducións galegas. No porto de Barcelona iniciarase a rodaxe de “Cargo”, un thriller con capital estatal (Morena Films, Oberón e a coruñesa Vaca Films) británico (Slate Films) e sueco (Hepp Films) Clive Gordon dirixe un filme que conta a historia de Chris (Daneil Brühl) que queda atrapado nunha cidade africana logo de que a policía lle interveña o seu pasaporte por roubar un brazalete. No porto coincide cun grupo de mariñeiros que discuten sobre unha carga ilegal e decide colarse no seu barco como polizón. Ese mesmo día, iniciarase a rodaxe de “Camarón. A película”, baseada na vida do cantaor que interpreta Óscar Jaenada. Filmanova coproducirá con “Monoria Films” un filme que dirixirá Jaime Chávarri e que distribuirá Buenavista Internacional . Amplía a nova>>

23/02/2005
Luar celebra dunha edición especial que cumpre 500 programas en antena

Os venres da TVG son para “Luar”, o programa que presenta e lidera Xosé Ramón Gayoso e que cumpre 500 números. Por iso, este formato televisivo que leva batendo marcas de audiencia no noso país prepárase para unha celebración fiel ao seu estilo. Nun programa dobre (o deste venres 25 e o do 4 de marzo) traerá ao máis representativo dos 5.000 artistas que pasaron polo plató, recibirá as felicitacións dos seus quiñentos programas desde todo o mundo e haberá espazo para o humor, que foi o sinal de identidade dun espazo que popularizou aos Tonechos.

Máis información en La Voz de Galicia, no noso tema sobre ”Os Tonechos” e na súa ficha . Amplía a nova>>

22/02/2005
A coprodución de Pórtico “A Promesa” compite no festival internacional de cine fantástico de Porto

Ata o vindeiro seis de marzo, o cine fantástico ten unha cita en Porto. Desde hai 25 anos celébrase o Fantasporto, un dos festivais máis importantes do xénero, que este ano inclúe unha película galega a competición. Tratase de “A promesa” a longametraxe dirixida polo coruñés Héctor Carré e que foi coproducida por Pórtico. Como novidade, o festival creou “Fantas Sound” un ciclo especial de concertos que abrangue diferentes estilos musicais. Ademais, coincidindo co seu vintecinco aniversario, o grupo Milladoiro (que tamén cumpre 25 anos) iniciará o vindeiro venres un amplo programa de actividades paralelas.

Máis información no web do festival . Amplía a nova>>

21/02/2005
A Universidade da Coruña ensina nun curso a vender produtos audiovisuais

Un dos retos do audiovisual galego pasa por buscar mercados fóra. Por iso a Universidade da Coruña, Corporación Voz, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Galicia Film Commissión acaban de unirse para crear un curso pioneiro sobre venda de contidos audiovisuais. Titúlase “Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais (CICA) e pretende dar a coñecer técnicas e estratexias para situar as producións nos mercados internacionais. Está aberto o prazo de inscrición e o curso impatirase nas fins de semana a partir de marzo.

Máis información en La Voz de Galicia . Amplía a nova>>

18/02/2005
Dygra diversifica o seu negocio convertendo Filloa Records nun selo discográfico

Filloa Records é a marca que hai dez anos creou Dygra para facer producións multimedia. Pero co paso do tempo a empresa que dirixe Manolo Gómez veu a necesidade de reconducir o seu camiño, pero sempre relacionada co mundo do cinema. Por iso, desde onte Filloa é un selo discográfico. A súa actividade desenvólvese en dúas velocidades. En primeiro lugar seleccionarán as vinte cancións que formarán parte da BSO de “O soño dunha noite de San Xoán”, que logo editarán en DVD con distintos extras como xogos e un karaoke. O segundo impulso da compañía é máis ambicioso e pretenden darlle identidade propia ao selo, aínda que de momento non teñen definido o seu estilo musical. O compositor Arturo Kress será o encargado de dirixir esta nova etapa da filial de Dygra.

Máis información no web da empresa Filloa Records e en La Opinión . Amplía a nova>>

17/02/2005
Carlos Blanco e Roberto Sánchez “Luna” completan o cásting de “Cargo” mentres que Luís Zahera será Pereira en Alatriste

A canteira de actores continúa en racha. A longametraxe “Cargo” que coproduce Vacafilms (achega un 30% do capital) vén de completar a súa nómina de actores. Aos xa coñecidos Luís Tosar, Daniel Bruhl (que saíu en “Goodbye Lenin”) e Peter Mullan (actor en “Braveheart” e “Trainspotting”) veñen de sumarse os galegos Carlos Blanco e Roberto Sánchez “Luna” ( “Coruña Imposible”, “Secuestrados en Xeorxia”). Quen non puido formar parte desta tripulación foi Luís Zahera que renunciou a facer un papel en “Cargo” para facer de Pereira, un dos membros da cuadrilla do personaxe creado por Pérez Reverte. “Alatriste” será dirixido por Agustín Días Yanes (Madrid, 1950).

Máis información nas fichas de Carlos Blanco, Roberto Sánchez “Luna” e Luís Zahera . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org