15/03/2005
Un traballo sobre os problemas da sociedade serbia gaña o premio de Play-Doc a mellor longametraxe
“Casting” é un filme que conta a historia dunhas mozas serbias que se presentan a unha selección para un anuncio publicitario. O traballo feito por Goran Radovanovic foi galardoado como mellor longametraxe en Play-Doc, o I Festival Internacional de Tui. O premio consistía en 1.000 euros e unha peza tallada de granito que reproduce unha cámara. O premio a mellor curtametraxe foi para “Untertage/Days Under” de Jiska Rickels dotado cunha estatuíña e 500 euros. Por último, na categoría “Atlántico” o premio foi para “Xustiza” de María Ramos. O xurado, no que figuraban Margarita Ledo, Daniel Domínguez e Luís Tosar, entre outros, concedeu dúas mencións especiais: unha para “Terra quente” de Francisco Vargas e outra para “Café con leite” de Manuel Zayas.
Consulta o palmarés no web do Festival
. Amplía a nova>>
11/03/2005
O Festival de Cine Independente de Ourense presenta as bases da décima edición
A décima edición do Festival de Cine de Ourense quenta motores. Xa son públicas as bases das producións a competición e as do cartel que anunciará un certame que se celebrará do 12 ao 19 de novembro na cidade das Burgas. O prazo de presentación remata o 31 de xullo e este ano aumenta a contía dalgúns premios (os grandes premios Calpurnia á mellor película e curtametraxe, ao do público a mellor longametraxe e ao mellor documental). En total repartiranse 42.200 euros en premios.
Consulta as bases do cartel e das producións no web do festival
. Amplía a nova>>
10/03/2005
Dygra, Filmax e Ignacio Benedeti presentan os seus proxectos no Cartoon Movie de Berlín
Berlín acolle desde hoxe unha nova edición do Cartoon Movie, un dos foros especializados en animación. Alí, os representantes das productoras dos países da UE presentan os seus proxectos cinematográficos para os vindeiros anos. Entre as dez produccións estatais que asistirán ao certame destaca a participación de Dygra, que leva tres proxectos: “O soño dunha noite de San Xoán”, da que ofrecerá unha proxección de 20 minutos ademais dos visionados oficiais; “O espírito do Bosque” continuación da primeira longametraxe feita pola productora coruñesa e “Noite de paz”, unha comedia de Nadal para un público familiar. Pola súa parte, o selo de animación de Filmax, a empresa que dirixe Julio Fernández, trasládase ata a capital alemana para presentar “Gisaku”. Completa a participación galega, a produtora Ignacio Benedeti Films que leva o proxecto da que será a primeira longametraxe de animación "Linko Killer Machine".
Consulta a listaxe de participantes no web do Cartoon Media (en inglés)
. Amplía a nova>>
09/03/2005
Arranca en Tui o primeiro festival de documentais de Galicia
Este xoves comeza en Tui Play Doc, ou o que é o mesmo, o festival que pretende crear un punto de encontro entre realizadores do xénero documental. Coa proxección da curtametraxe cubana “Kung fu 2003” (teatro área panorámica, a partir das 12:00 horas) arranca a sesión competitiva que conta de 14 traballos repartidos en catro seccións (curtametraxe, longametraxe, premio do eixo atlántico e documentais de música). Os gañadores saberanse o domingo nunha gala que presentan a poeta Yolanda Castaño e o actor Tamar Novas. O abono para asistir a todas as proxeccións custa sete euros, da dereito a unha consumición e inclúe un desconto nos concertos que se celebran paralelamente ao festival.
Máis información no web de Play Doc
. Amplía a nova>>
09/03/2005
Castelao, a filial de Filmax, é a produtora que máis recada nas carteleiras
“O Maquinista”, “O lobo” ou “P3K: Pinocho 3000” son producións da productora “Castelao Productions” e que a sitúan á fronte das compañías que máis recadaron no estado no que vai de ano. Segundo os datos do Ministerio de Cultura, as seis películas que a empresa aínda mantén en carteleira supuxeron un ingreso de 1.689.540 euros con 338.114 espectadores. Castelao é un dos múltiples selos que integran o entramado de Fílmax, a empresa que dirixe o galego Julio Fernández.
Consulta os datos no web do Ministerio de Cultura e sobre Castelao na súa ficha en AVG
. Amplía a nova>>
07/03/2005
Cataluña, Arxentina e Galicia crean un fondo para a coprodución cinematográfica
O Consorcio Audiovisual de Galicia, o Instituto Catalán das Industrias Culturais e o Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais de Arxentina queren fomentar a produción cinematográfica. Para iso acaban de crear un fondo (cada institución destina 1.500 euros) co que pretenden impulsar coproducións de carácter independente. Esta iniciativa do Consorcio enmárcase dentro do programa “Raíces”, que xa ten outras dúas cinematografías no seu punto de mira: Brasil e o cine árabe.
Máis información no web do Consorcio Audiovisual de Galicia
. Amplía a nova>>
03/03/2005
R presenta o proxecto de televisión interactiva que porá en marcha en dezaoito meses
Dúas cidades galegas, unha do Norte e outra do Sur do país, disporán dentro de dezaoito meses da primeira oferta galega de televisión interactiva. A empresa de servizos de cabo R presentou onte no Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, o seu proxecto neste campo. A empresa prevé que os usuarios dispoñan de posibilidades coma o vídeo baixo demanda, xogos ou a posibilidade de parar ou retroceder a emisión das máis de cento vinte canles que estarán dispoñibles. A presentación do evento, contou coa presenza de representantes do Clúster do audiovisual de Galicia que sinalaron as posibilidades que abre este proxecto para o sector galego ao supor un grande apoio á creación de novos produtos audiovisuais no noso país.
Máis información en Galicia Hoxe e en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
03/03/2005
A promesa e O ano da Carracha comparten 14 candidaturas aos premios Mestre Mateo
A Academia Galega do Audiovisual acaba de facer públicos os candidatos aos premios Mestre Mateo. Un ano no que "A Promesa" (Pórtico de Comunicaciones) e "O ano da Carracha" son as producións favoritas. Ambos traballos teñen catorce candidaturas e veranse as caras nas categorías máis destacadas: longametraxe, á que tamén concorre “A vida que che espera” (Continental); dirección (no dó de galegos Héctor Carré/Jorge Coira) ou nos de interpretación. Luís Tosar, Farruco, Juan Diego, Alfonso Agra e Javier Veiga despútanse a estatuíña a mellor interpretación masculina, mentres que Carmen Maura, María Vázquez, Marta Etura e Verónica Sánchez compiten no apartado feminino. Das 25 categorías establecidas, cómpre destacar o pulso que botarán as series de televisión "As leis de Celavella", "Terra de Miranda" e a máis lonxeva da pequena pantalla, "Pratos combinados". Os gañadores saberanse o vindeiro 20 de marzo no transcurso da gala que terá lugar en Vigo.
Consulta os candidatos no web da Academia Galega do Audiovisual
. Amplía a nova>>
02/03/2005
Un colectivo cultural distribúe unha curtametraxe en máquinas de tabaco
Snuff 2000 é unha curtametraxe do debuxante de banda deseñada Borja Crespo e de Miguel Ángel Martín que fai crítica dos reality shows e da sociedade do espectáculo. Pero a principal novidade desta curta non está no seu contido nin na súa realización senón na súa distribución. O colectivo cultural Ciclo.org poñerá esta curtametraxe na máquina expendedora de tabaco. Custará dous euros, está en minicd e poderase ver no ordenador e nos DVD actuais.
Máis información en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
02/03/2005
A boa caligrafía consegue o primeiro premio no festival de Guijuelo
A última curtametraxe de Alex Sampayo (Lalín, 1978) vén de sumar un novo premio ao seu haber. Tivo lugar esta fin de semana en Guijuelo (Salamanca) onde se celebra un dos festivais de curtametraxes con maior número de producións a concurso. “A boa caligrafía” fíxose co Primeiro Premio Sección Cine dotado con 7.500 euros, ademais dunha mención especial para a actriz protagonista, Rosa Álvarez. Á curtametraxe producida por Ciudadano Frame agárdanlle uns meses moi movidos porque participará o II Festival Nacional de Cine da localidade madrileña de Ciempozuelos, estará en Berlín o dentro da mostra de cine galego que terá lugar do 22 ao 29 de abril e competirá con 104 traballos de todo o mundo na sección oficial do Festival Internacional de Cine de Montevideo.
Máis información sobre a produción na súa ficha
. Amplía a nova>>