30/03/2005
Lugo terá unha oficina para facilitar e promover a rodaxe de películas na provincia
Despois da boa experiencia recollida polas Film Commission que hai en Galicia, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Deputación de Lugo veñen de acordar poñer en marcha unha oficina deste tipo na provincia. Unha persoa contribuirá a facilitar ás trámites administrativos para poder rodar unha produción na provincia. Por outra banda, o Consorcio exhibirá este venres 1 de abril, no salón de actos da Deputación, as curtas que foron incluídas no catálogo de Curtas’04.
Máis información no web da Galicia Film Commission
. Amplía a nova>>
30/03/2005
Margarita Ledo estreará este ano dous documentais sobre a Manuel María e Carlos Varela
Logo de iniciarse na realización documental con “Santa liberdade”, Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) presentará este ano dous novos traballos. O primeiro céntrase na figura do pioneiro do documental lucense, e un dos grandes animadores do cineclubismo en Galicia, Carlos Varela. Ledo ten previsto presentar o documental en xuño, cando se cumpre o 25 cabodano de Varela por mor dun accidente. O segundo traballo verá a luz con outro cabodano, será o 8 de setembro e achegarase ao perfil do escritor Manuel María. No traballo pretende achegarse a súa figura desde un punto de vista didáctico. Este documental foi unha encarga da Asociación Socio-pedagóxica Galega, A Asociación de Escritores en Lingua Galeg, CIG-Ensino e A Mesa.
Máis información en El Progreso
. Amplía a nova>>
22/03/2005
O CGAI concentra boa parte dos seus esforzos na conservación dos fondos
Hai un mes, o Centro Galego de Artes da Imaxe informaba do traslado dos seus fondos máis inflamables á Filmoteca Nacional. Pero se trataba só dun 5% dos fondos totais e, segundo asegura o director a La Voz de Galicia, a conservación é un traballo fundamental do CGAI. Un traballo que abrangue desde evitar os fungos que nacen nas películas ata manter a humidade e a temperatura nos dous almacéns cos que conta o centro. Na mesma reportaxe asegura que o CGAI controla electronicamente a conservación duns arquivos nos que hai 2.151 copias cinematográficas.
Máis información en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
21/03/2005
As producións da animación acadan os dous millóns de espectadores
O audiovisual é un sector estratéxico por lei, pero dentro do texto normativo, destácase a importancia da animación. E as cifras, revelan un peso específico do xénero dentro do sector. Segundo os primeiros datos facilitados pola Consellaría de Cultura, e que figurarán no Libro Branco do Audiovisual que se editará antes do verán, as películas de animación feitas en Galicia concentraron a dous millóns de espectadores. E non só iso, as producións que inaugurou Dygra con “O bosque animado”, xeraron uns ingresos de cinco millóns de euros e catro premios Goya. E a factoría segue traballando, xa que as productoras que teñen división de animación, preparan dúas longametraxes neste 2005 e tres para o ano que vén.
Máis información en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
21/03/2005
O Consorcio Audiovisual destina axudas para promover o audiovisual na rede
A rede é outro dos obxectivos que o Consorcio se marcou dentro do seu plan de actividades para o 2005. Por iso, acaba de convocar axudas por importe de 60.000 euros para promover producións audiovisuais galegas a través de internet, unha forma de combarter as estratexias promocionais das grandes produtoras. Cada un dos proxectos seleccionados poderá obter ata 6.000 euros para a realización de sitios web nas que se difundan imaxes e datos.
Máis información no web do Consorcio
. Amplía a nova>>
21/03/2005
Cúmprense dez anos do pasamento de Chano Piñeiro, realizador da primeira longametraxe galega
Chano Piñeiro é o realizador que escribiu as páxinas máis decisivas da historia do audiovisual galego. Foi autor da primeira longametraxe, “Sempre Xonxa” e foi o primeiro en explotar o contorno de Galicia como decorado cinematográfico. Onte, a súa viúva recollía en Vigo o premio especial que concede a Academia Galega do Audiovisual que leva o seu nome e que este ano recaeu na súa figura. Hoxe, cúmprense dez anos do pasamento do realizador por mor do mal de Crohn, unha doenza intestinal.
Máis información sobre Chano Piñeiro na nosa hemeroteca
. Amplía a nova>>
18/03/2005
A Xunta reitera o respaldo para o sector audiovisual cun plan estratéxico 2005-2009
Pérez Varela, o conselleiro de Cultura, convocou para o día de hoxe unha rolda de prensa para facer públicos os primeiros avances sobre o “Libro branco do audiovisual” que prepara a súa carteira. No transcurso da mesma destacou que a Xunta seguirá apoiando ao sector e que prepara un plan estratéxico 2005-20096 que persegue, entre outros obxectivos, conseguir que a produción galega represente o 20% do montante estatal. Ademais, avanzou a creación dun Observatorio Audiovisual de Galicia, un Rexistro Galego de Empresas e o Consello Audiovisual de Galicia. Polo demais, o conselleiro avanzou un “decálogo” con actuacións orientadas a completar a actividade reguladora do sector..
Amplía a nova>>
17/03/2005
O Consorcio Audiovisual convoca a segunda edición do taller de desenvolvemento de proxectos audiovisuais
Chega o momento da non ficción. O Consorcio audiovisual de Galicia vén de convocar a segunda edición do seu obradoiro de desenvolvemento de proxectos audiovisuais. Trátase dun taller teórico-práctico dirixido a profesionais para incrementar o potencial dos seus proxectos de non ficción para televisión. Gloria Saló (T5) Enrique Darriba (Cuarzo TV) Carlos Arias (de Boca Boca), Julia Gil (ABC Guionistas) e Aránzazu Soler (de Dehesa Abogados) serán os relatores dun curso que se celebrará do 23 ao 27 de maio.
Para anotarse e máis información no Consorcio Audiovisual de Galicia
. Amplía a nova>>
15/03/2005
TV3, ETB, Canal Sur e a televisión canaria producen unha comedia negra sobre o Prestige
“Chapapote” é o título do telefilme no que as participarán as televisións catalá, vasca, andaluza e canaria e que pretende ser unha comedia negra sobre o embarrancamento do petrolero Prestige. Segundo publica La Voz de Galicia, a TVG non participará no proxecto porque “o tema non lle interesaba”. Agora mesmo están a buscar localizacións para o filme que se rodará entre xuño e xullo. Entre o reparto figura un único nome galego, o de Celso Bugallo.
Máis información en La Voz de Galicia. Amplía a nova>>
15/03/2005
O Consello da Cultura presenta o Libro branco das artes e da cinematografía
O Consello da Cultura pretende achegarse ao fenómeno da creación audiovisual desde a vertente económica e cultural e coñecer e valorar as necesidades culturais do pobo galego no ámbito das artes visuais. Por iso, hoxe presentou o seu “Libro Branco de Cinematografía e Artes Visuais” no que colaboraron expertos na materia como Jaime Pena, Isabel Sempere, Xosé Nogueira, Miguel Anxo Fernández, Pepe Coira, Raúl Veiga e J. Mª Folgar de la Calle.
Máis información no web do Consello da Cultura, desde onde te podes descargar o libro
. Amplía a nova>>