27/06/2005
Casimiro Torreiro imparte un curso de crítica cinematográfica no Consello da Cultura
Inmersos na era do audiovisual a Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega organiza un Curso de crítica cinematográfica. O coñecido crítico Mirito Torreiro será o encargado de impartir un obradoiro teórico-práctico que ofrecerá unha visión xeral da evolución da crítica e da historia do cine, así como unha reflexión sobre a situación actual da crítica cinematográfica. O obradoiro producirase no Consello da Cultura entre os días 20 e 22 de xullo.
Máis información e inscrición no web do Consello da Cultura
. Amplía a nova>>
23/06/2005
Os traballos de Curtas 04 van da man do Consorcio Audiovisual de Galicia ao Cinema Jove
As cinco curtametraxes que forman parte do catálogo Curtas 04 máis “A Boa Caligrafía” e “Metamorfose” están no Mercado Internacional máis importante do estado español. É o cinema Jove de Valencia (18-25 de xuño) ao que as producións galegas asisten baixo o paraugas do Consorcio Audiovisual que facilitará un espazo con material para o ver os traballos e un lugar de encontro cos compradores e distribuidores. Ademais, de xeito paralelo ao Mercado desenvólvese o Festival Cinema Jove no que “Mintoauromaquia, Paulo no labirinto” é unha das finalistas.
Máis información no web do Festival Cinema Jove
. Amplía a nova>>
23/06/2005
Galicia prepárase para celebrar a noite de San Xoán
Hoxe é día 23 de xuño, e todo o mundo está atarefado en preparase para a noite máis curta do ano a golpe de cacharela. Empanada e sardiñas acompañarán ás lumieiras que arderán esta noite por toda Galicia. Pero hoxe tamén haberá un oco para Perecho, Oberón e Helena, é dicir, os protagonistas da última produción de Dygra. Trátase de “O soño dunha noite de San Xoán”, unha adaptación libre do clásico de Shakespeare, que se estrea hoxe e que poderemos ver nas carteleiras a partir do 1 de xullo.
Máis información sobre diferentes tradicións na nosa hemeroteca e sobre “O soño dunha noite de San Xoán” na súa ficha
. Amplía a nova>>
22/06/2005
Lugo acolle a rodaxe da segunda entrega de "Un Mundo de Historias"
O casco histórico lucense será o escenario de “A biblioteca da Iguana” a longametraxe para televisión que dirixe Antón Dobao e que coguioniza con Miguelanzo Prado. A película será rodada en galego, terá versión en catalán e forma parte do proxecto “Un mundo de historias”; un programa que pretende adaptar catro obras narrativas para televisión. A rodaxe comezará o vindeiro día 4 de xullo. Mentres, desde a semana pasada, o actor Carlos Iglesias dirixe en Suíza a súa ópera prima “Un franco, 14 pesetas”. Unha longametraxe coproducida por Adivina Produciones, a TVG e a produtora de Eduardo Campoy, Drive Cine .
Máis información sobre o proxecto “Un mundo de historias” na nosa hemeroteca
. Amplía a nova>>
10/06/2005
A Universidade de Vigo estrea o seu proxecto de televisión dixital con fins académicos
UVigo tv é a canle de televisión para retransmitir contidos educativos que ten a Universidade de Vigo. Logo dunha temporada en probas acaba de abrir para as necesidades de profesores, investigadores, alumnos e persoal de administración dos tres campus que ten a institución viguesa. Nesta canle os usuarios poderán gozar dun novo servizo de televisión dixital que combina a programación en directo co vídeo baixo demanda.
Máis información no Duvi e no web de UVigo tv
. Amplía a nova>>
09/06/2005
A exhibición das curtas finalistas abre unha nova edición de “Mundos dixitais”
Desde hoxe ata o vindeiro 2 de xullo o Centro On de Caixa Galicia de A Coruña exhibe “Mundos Dixitais 2005”. Unha mostra que proxecta “Tadejo Jones”, “True Color”, “Vita Ex Musica”, “Workin’progress” e “The Steadfast Tin Soldier”, é dicir, os traballos finalistas do festival internacional que ten o mesmo nome. É a fase previa do festival que se desenvolverá na Coruña do 25 de xuño ao 2 de xullo, que inclúe conferencias e obradoiros dirixidos por especialistas en animación e efectos especiais.
Máis información no web do evento
. Amplía a nova>>
07/06/2005
Leonardo Sbaraglia protagoniza a nova produción de Continental e Celso Bugallo comparte pantalla con Carmelo Gómez
“O concursante” é a nova produción que está a poñer en marcha Continental. Unha longametraxe que será dirixida polo ourensá Rodrigo Cortés e na que participarán Juan Diego, Mabel Rivera, Myriam Gallego, o actor arxentino Leonardo Sbaraglia e, aínda sen confirmar Luís Tosar. Por outra banda, Celso Bugallo trasladarase ata Béjar o vindeiro luns para comezar a rodaxe de “Angoso” un thriller de José Sánchez Cabezudo e no que participarán Carmelo Gómez. Por último, Carlos Amil (A Coruña, 1959) presenta hoxe o seu novo proxecto cinematográfico, baseado no libro “Benanventurados os que se dan a man”..
Amplía a nova>>
07/06/2005
Gerardo Herrero recibirá unha homenaxe na VIII Semana de Cine de Betanzos
Betanzos inaugura cada final de xullo as citas dos eventos cinematográficos de verán máis destacados. Esta edición, que xa suma a oitava, homenaxea ao produtor e cineasta Gerardo Herrero. Pero non será a única cara coñecida que se paseará por Betanzos do 27 ao 30 de xullo xa que, segundo se anunciou na presentación oficial do programa, teñen confirmada a súa asistencia Marta Belaustegui, María Bouzas, Ariadna Gil, Adriana Ozores e Federico Luppi.
Máis información en La Voz de Galicia e La Opinión
.
Amplía a nova>>
02/06/2005
Un libro recompila todas as longametraxes rodadas en Galicia
Levaba meses falándose del, pero onte presentouse en Compostela. Falamos de “Rodado en Galicia”. Un volume no que o crítico e xornalista Miguel Anxo Fernández recompilou información (desde fichas técnicas ata críticas) de 138 películas que teñen en común que foron rodadas no noso país. O volume foi editado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellaría de Cultura. Tanto o autor do libro como as entidades responsables indicaron que se trata dun volume aberto xa que se irá ampliando a medida que se vaian rodando máis películas no noso país.
Máis información no web do Consorcio Audiovisual , en La Voz de Galicia e El Correo Gallego
. Amplía a nova>>
01/06/2005
Antón Reixa roda en Vigo unha das historias da súa segunda longametraxe Hotel Tívoli
Vigo acolle estes días a rodaxe da segunda longametraxe de Antón Reixa. Trátase de “Hotel Tívoli”, título que engloba once historias de amor que teñen como fío común un chisqueiro que vai pasando de man en man. A rodaxe, que comezou no mes de abril en Lisboa, rematará en agosto logo de pasar por Groenlandia, Arxentina e Dinamarca. A película está rodada en sete idiomas: danés, inglés, alemán, galego, euskera e catalán aínda que o idioma que predomina é o castelán. O filme, que ten previsto chegar ás carteleiras no 2006, conta con uns corenta actores entre os que destacan Carlos Blanco, Luís Tosar, Mabel Rivera, Miguel de Lira e Marta Larralde.
Máis información na súa ficha
.
Amplía a nova>>