25/08/2005
Arrinca en Ferrol a rodaxe do filme “Días Azuis”, que se prolongará durante os vindeiros dous meses
A última produción de Continental terá Ferrol coma escenario. Logo de varias semanas de selección de figurantes e outros preparativos, o vindeiro luns comeza na Cidade Departamental a rodaxe de Días Azuis, película que dirixe Miguel Santesmases. Cun setenta por cento das súas escenas rodadas en exteriores, o filme conta a historia de tres irmáns marcados por un feito inesperado. No reparto nomes coñecidos da escena do país coma Javier Pereira ou Cristina Castaño. Está previsto que a rodaxe se desenvolva ao longo dos vindeiros dous meses.
Máis información en Diario de Ferrol e en El Correo Gallego
. Amplía a nova>>
08/08/2005
Un documental aparecido en Portugal documenta en cine o Ano Santo de 1915
Aínda que é nos últimos vinte anos cando máis impulso público se lle está a dar, o Ano Santo xa se celebraba hai ben tempo. Corrobórao o histórico filme que se acaba de atopar en Portugal, que co título “Ano Santo en Galicia”, recolle trinta minutos de escenas desta celebración xa en 1915. A filmación supón a máis antiga longametraxe histórica que existe sobre o noso país e será restaurada polo Centro Galego de Artes da Imaxe, en colaboración coa Cinemateca Portuguesa e a Filmoteca Española.
Máis información en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
04/08/2005
A Asociación de Produtoras Independentes solicita que se revise o proceso de concesión de Televisión Dixital en Galicia
A decisión do goberno saínte da Xunta de outorgar unha das dúas licencias de Televisión Dixital Terrestre do noso país ao grupo Cope non convence á Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) que lle solicitou ao novo goberno que reviste o proceso de concesións. Esta asociación sinala que o goberno de Manuel Fraga optou por unha opción que só prevía a creación de corenta empregos fronte á proposta realizada conxuntamente por diferentes medios galegos que pretendía contratar duascentas persoas para o proxecto.
Máis información en El Correo Gallego e nos nosos arquivos
. Amplía a nova>>
03/08/2005
Juan Pinzás participa no Festival Latino de Cine de Nova York mentres Urbansimulations compite en animación 3D nos ánxeles
“O desenlace” na sección oficial e “Días de voda”, “Érase outra vez” e “O xogo das mensaxes invisibles” fóra de competición son as obras que o Festival Latino de Cine Nova York amosa na retrospectiva que lle dedica ao director vigués Juan Pinzás. O evento celebrarase entre o dezaoito e o vinte e sete deste mes. Un pouco antes saberemos se a empresa coruñesa Urbansimulations renova o premio que conseguiu o ano pasado no certame internacional de gráficos por ordenador SIGGRAPH 2005 que se celebra hoxe nos Ánxeles. Unha reconstrución virtual da futura rehabilitación do Cine Fraga de Vigo valeulle a esta empresa estar presente no evento.
Máis información sobre Pinzás en La Voz de Galicia, en Galicia Hoxe e en AVG; sobre Urbansimulations en Galicia Hoxe
. Amplía a nova>>
28/07/2005
O CGAI e o Museo Carlos Maside recuperan guións cinematográficos inéditos dos irmáns Dieste
A faceta cinematográfica dos irmáns Dieste, Rafael e Eduardo, era completamente descoñecida para case todo o mundo. Por iso, o Centro Galego de Artes da Imaxes (CGAI) e o Museo Carlos Maside vén de editar unha publicación na que se recuperan o traballos destes dous escritores e intelectuais. A obra titúlase “Promesa do vello e da doncela” é o desenvolvemento dun conto homónimo que Eduardo Dieste publicou en 1933. Os dous irmáns tentaron, sen éxito, que se materializara o proxecto xa que estaban nun momento de gran produción audiovisual. Ademais deste guión a publicación coordinada Arantxa Estevez recupera outros tres traballos dos Dieste. A obra está inmersa dentro do proceso de recuperación de autores galegos relacionados co cine.
Máis información no web do CGAI
. Amplía a nova>>
28/07/2005
Rodaxes, gravacións e proxeccións audiovisuais enchen cidades e vilas de Galicia
Coma todos os veráns, as proxeccións de cine enchen as rúas. Hoxe terá lugar unha nova sesión de Curtocircuíto, o festival de curtametraxes de Compostela que, por mor do tempo, se traslada ao “Mercado de abastos” (de 23:00 a 03:00 horas). Seguindo co audiovisual, Bueu vén de clausurar o festival de curtas “Centolo Films” que acolleu unha rodaxe e o concurso no que gañou o traballo do buenense “A canción de Férmelin”. Na Coruña, o centro Mans acaba de inaugurar o seu espazo de gravación de proxectos audiovisuais. Seguimos na cidade herculina, onde a sala imaxinarte do Centro On de Caixa Galicia acolle unha selección de curtas creada pola compañía independente norteamericana Blur.
Máis información sobre Curtocircuíto no seu web, sobre “Centolo Films” en Diario de Pontevedra, sobre Imaxinarte de Caixa Galicia no seu web e sobre o espazo de proxectos audiovisuais en La Opinión
. Amplía a nova>>
27/07/2005
A Semana de Cine de Betanzos homenaxea á figura de Gerardo Herrero
Gerardo Herrero é un dos productores e realizadores máis prolíficos do estado e un dos socios máis habituais da empresa que dirixe Pancho Casal, a coruñesa Continental. A súa figura e o seu traballo será obxecto dunha homenaxe que lle rende a VIII edición da Semana de Cine de Betanzos que hoxe comeza na capital bergantiñá. Colaboradores, actores que teñen traballado con el e críticos estarán presentes estes días nunhas xornadas que se prolongarán ata o sábado, cando o propio Gerardo Herrero presentará o seu novo filme “Os aires difíciles”.
Máis información no web de AGAPI e en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
22/07/2005
O goberno en funcións concede cadansúa emisora de televisión dixital autonómica a La Voz de Galicia e á Sociedade Radio Popular-Cadena Cope
O Consello da Xunta en funcións adxudicou hoxe dúas licenzas de televisión dixital terrestre de cobertura autonómica ás candidaturas de La Voz de Galicia e da Cadea Cope. Tal e como figuraba no decreto que establecía o prego de condicións, as adxudicatarias deberán emitir, como mínimo, o 60% do total da emisión de programas de produción propia, do que a metade estará obrigatoriamente en galego, ademais de empregar o galego de xeito “usual”. Polo demais, a proposta de La Voz de Galicia supón un investimento de 97 millóns de euros e a creación de 148 postos de traballo, mentres que a da Sociedade Radio Popular, S.A. Cadea Cope propón investir 2.3 millóns de euros e crear 40 postos de traballo.
Máis información no Consello da Xunta (en PDF) e na nosa nova sobre o decreto na nosa hemeroteca
. Amplía a nova>>
21/07/2005
A catalá Mireia Giró gaña o premio de guións de Curtocircuíto cunha historia sobre o amor
“Quérote mal” é o título co que a catalá Mireia Giró acaba de facerse co premio “Proxecto Compostela Plató” que lle outorga 30.000 euros para materializar o seu guión. Co fallo do concurso comeza a exhibición das rúas desta edición de Curtocircuíto 05 que levará hoxe á Praza do Toural as curtametraxes máis tradicionais do audiovisual galego. Ata o 8 de setembro todos os xoves levarase a cabo unha proxección de curtas galegas en prazas públicas compostelás. Pero non é a única nova do audiovisual que se sucede estes días en Galicia, xa que na Coruña, dentro do programa “Cero en Conducta”, Jose Luís Borau irá desmenuzando o seu último filme “Leo”. Ademais, esta mesma tarde Casimiro Torreiro continuará analizando o perfil do crítico e a evolución da crítica na historia do cinema no obradoiro que está a impartir no Consello da Cultura Galega.
Máis información sobre Curtocircuíto no seu web, sobre o seminario “Cero en Conducta” no web do CGAI e no web do Consello da Cultura sobre o obradoiro de Crítica Cinematográfica.
. Amplía a nova>>
19/07/2005
Continental coproduce a película que leva ao cine unha novela de Almudena Grandes
“Os aires difíciles” é a nova coprodución de Continental. Dixirida por Gerardo Herrero aborda os fracasos persoais do seu protagonista, Juan Olmedio un médico de preofesión que traslada a vivir á costa de Cádiz. Baseada na novela homónima de Almudena Grandes, ten prevista a súa estrea en marzo do 2006. Conta no seu reparto con Juan Luís García, Roberto Enríquez, Pilar Castro, Carmen Elías e Alberto Giménez.
Máis información no web de Continental
. Amplía a nova>>