21/09/2005
Profesionais e políticos están a traballar para definir o futuro do sector audiovisual para os vindeiros catro anos
¿Que pasará coa CRTVG? ¿E co CGAI? ¿Revocará o goberno as licenzas de televisión dixital? ¿Cales son as prioridades por parte da política audiovisual? ¿Contarán coa opinión do sector? Unha parte do que pasa no sector vén definido polas políticas culturais. Por iso, ante o cambio de goberno todos están pendentes das liñas de actuación e as prioridades marcadas desde San Caetano. De momento, o cambio máis notorio é que a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual mudou de sitio dentro do organigrama da Xunta. Pero é moito máis que un cambio e o sector xa está movendo filas..
Amplía a nova>>
20/09/2005
O libro de José Coira sobre Antonio Roman recibe o galardón Líber que concede a Complutense
Antonio Roman foi un ourensán apaixonado do cinema que fixo películas durante corenta anos e do que hai máis 4.000 títulos editados nas universidades españolas. Un feito que levou a José Coira a reeditar coa complutense un exemplar que xa publicara no CGAI sobre o ourensá. O seu traballo, “Antonio Roman. Un cineasta da posguerra”, acaba de ser galardoado pola Universidade Complutense de Madrid co premio Líber á mellor Monografía. .
Amplía a nova>>
15/09/2005
A semana de Cine de Autor de Lugo comeza hoxe homenaxeando á artista Prudencia Grifell
“Señora extraviada” de Lourdes Portillo é a película encargada de abrir hoxe a Semana de Cine de Autor de Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 20:00 horas). Un certame que ten un orzamento de 75.000 euros e que organiza o grupo cinematográfico Fonmiñá e que pretende achegar o cine a Lugo de xeito gratuíto e a baixo custe durante dez días. Prudencia Grifell artista nada en Lugo de maneira circunstancial porque os seus pais estaban de xira por aquí é a persoa homenaxeada nesta XXVII edición. Falando de cine, hai outra novidade en Galicia e é que a Deputación de Pontevedra apoiará a celebración do festival de cine independente “Dúas beiras” que se está a organizar na Vila de Mondariz-Balneario.
Máis información no web do Concello de Lugo . Amplía a nova>>
14/09/2005
O Consorcio audiovisual de Galicia convoca un curso de dobraxe
Seguindo na súa liña de formación, o Consorcio Audiovisual de Galicia acaba de abrir o prazo de inscrición para un curso de dobraxe. Estará impartido por Luís Iglesia, actor con experiencia en radio e televisión, e desenvolverase do 10 ao 29 de outubro na sede do Consorcio e no Sala de Dobraxe que ten CTV no Montouto. O curso está dirixido a actores e persoas que teñan feito cursos de dobraxe e deben inscribirse antes do 26 de setembro.
Máis información no web do Consorcio Audivisual
. Amplía a nova>>
13/09/2005
A mostra de cine árabe Amal pasa á categoría de festival na súa nova edición
Un festival de cine árabe nun dos máis importante centros de peregrinación cristiá do mundo. Soa paradoxal pero é o que acontece coa celebración do Festival Amal, que organiza a Fundación Araguaney e que traerá a Compostela as últimas novidades do cine árabe, entregando ademais premios aos mellores actores, actrices, guións, documentais, filmes e directores, ademais dun premio especial do público. Este é o primeiro ano que este evento adquire carácter de festival, xa que ata o de agora era unicamente unha mostra de cine. O festival desenvolverase entre os días 24 e 30 de outubro.
Máis información en Galicia Hoxe e nos nosos arquivos
. Amplía a nova>>
12/09/2005
Un congreso e a estrea dun filme previsións do audiovisual galego para outubro
O vindeiro 14 de outubro as carteleiras acollerán a estrea de “Somne”, o thriller coproducido por Vaca Films e Lotus Films. Pero a cinta na que participa Goya Toledo, Óscar Jaenada e Nancho Novo poderá verse antes, no marco do Festival de Cine Fantástico de Stiges, un dos máis representativos do sector. No mes de outubro, a Academia Galega do Audiovisual organizará en Galicia o EAVE, acrónimo do “Emprendedores do Audiovisual Europeo”, que xuntará ás 48 produtoras máis destacadas de Europa en Compostela. Un mercado para darlle saída a proxectos de cine, documental e televisión.
Máis información na ficha de Somne e no web da Academia Galega do Audiovisual
. Amplía a nova>>
12/09/2005
Dous profesores de historia do cine confirman que foi en Galicia onde se rodaron as primeiras imaxes
Ata o de agora pensábase que a primeira película Lumiére filmada en España tivo lugar en Zaragoza, a popular “Saída de doce do Pilar de Zaragoza” de Eduardo Jimeno. Sen embargo, dous profesores das universidades de Vigo e Santiago, José Luís Castro de Paz e José María Folgar de la Calle respectivamente, acaban de descubrir que en realidade José Sellier filmou na Coruña as primeiras películas. Foi en 1897 cando captaron as filmacións “Fábrica de gas”, “Oleaxe” e “Praza de Miña”. A descuberta farase pública no transcurso do I Congreso sobre os comezos do cine español (1896-1920) que terá lugar en Valencia do 24 ao 26 de outubro.
Máis información no La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
08/09/2005
Trinta e nove cintas compoñen o cartel da Semana Internacional de Cine de Autor
Entre “Señorita extraviada” e “Outros días que virán” hai oito días de moito cine. Falamos da XXVII Semana Internacional de Cine de Autor que se celebra en Lugo do 15 ao 25 deste mes de setembro. Unha edición que pretende homenaxear a actriz Prudencia Grifell, que naceu en Lugo en 1876, e que conta coas habituais seccións oficiais, o ciclo musical, o infantil e unha selección das mellores películas vistas no 2005.
Máis información en El Progreso e no web do Concello de Lugo
. Amplía a nova>>
06/09/2005
Luís Tosar opta ao premio do Público da Academia do Cine europeo
Adriana Ozores acaba de facerse co premio á mellor actriz no World Film Festival de Montréal(Canadá) polo seu papel en "Heroína", a película inspirada na vida de Carme Avendaño. O galardón únese aos xa conseguidos por esta cinta coproducida por Continental como son os premios a mellor guión e mellor director que obtivo no Festival de Málaga. Por outra banda, Luís Tosar opta ao premio do público que outorga cada ano a Academia de Cine Europeo polo seu papel en “A vida que che espera”.
Máis información en AVG sobre Heroína e sobre Luís Tosar
. Amplía a nova>>
01/09/2005
A galega Mabel Rivera participará nun filme do director Milos Forman sobre Goya
O último filme de Milos Forman, centrado en Francisco de Goya, contará coa presenza da actriz galega Mabel Rivera. “Goya’s Ghosts”, protagonizada por Javier Bardem e Natalie Portman narra a historia dunha das musas do pintor, acusada de herexía e os problemas que esta cuestión trae aos protagonistas. A rodaxe, que está previsto que dure arredor de quince semanas, desenvolverase en inglés.
Máis información en lahiguera.net e na ficha de Mabel Rivera en AVG
. Amplía a nova>>