Novas | 361 a 370 de 4138

<< Anterior Siguiente >>

19/09/2022
Os cineastas Eloy Domínguez e Lois Patiño comparten premio no FIC Bueu

As curtametraxes 'Rompente', de Eloy Domínguez e 'El sembrador de estrellas', Lois Patiño comparten "ex aequo' o Premio R á mellor curtametraxe galega desta edición do FIC BUEU. O Festival Internacional de Cinema de Bueu remataba a parte da competición da súa 15 edición facendo público o palmarés da sección oficial, no que o filme francés 'L'enfant salamandre', do director Théo Degen facíase co primeiro premio. Pola súa banda, o público elixía a cinta 'Vlekkeloos', da cineasta dos Países Baixos Emma Branderhorst. Da mesma orixe (Países Baixos) viña tamén a historia gañadora do Premio Descubertas, 'Minimal sway while starting my way up', da realizadora Stéphanie Lagarde. O director Salvador Sunyer leva o Premio á mellor curtametraxe española pola súa obra 'Alopècia Androgènica'.. Amplía a nova>>

16/09/2022
'Dalia, a modista' pasa da televisión á literatura

Seguindo un camiño inverso ao convencional, unha historia ven de transformarse de relato audiovisual en narración literaria, este é o caso singular de "Dalia, a modista". Baseada na miniserie de televisión homónima producida por CTV no ano 2016 e emitida pola TVG, ven de presentarse a novela, escrita por Noe Martínez (Ourense, 1975), unha das guionistas, xunto a Eligio R. Montero e Ghaleb Jaber Martínez, da serie. A Fundación Araguaney faise cargo da edición deste volume derivado dun produto audiovisual da produtora do Grupo Araguaney. 'Dalia, a modista' trátase dunha obra cunha trama de misterio, amor e superación ambientada nos anos 50, na vila de Prescedo. A serie na que a historia se puido seguir orixinalmente, obtivo en 2017 catro premios Mestre Mateo do Audiovisual dos doce nos que foi finalista e tamén foi recoñecida ese ano como mellor serie televisiva nos Premios CREA Asociación de Directores e Realizadores de Galicia. Na súa estrea na TVG, "Dalia a modista" obtivo una cota media de pantalla dun 17 por cento, con picos do 24 por cento de share. Retransmitida en varias canles autonómicas españolas (Aragón TV, CMMedia, Televisión Valenciana) e en Europa Europa, canle de televisión latinoamericano, conseguindo unha gran acollida en Arxentina, Chile e Perú.. Amplía a nova>>

15/09/2022
Curtocircuíto presenta un gran evento audiovisual e interdisciplinar na súa 19 edición

A 19ª edición de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine volve situar a ollada sobre a vangarda cinematográfica, incluíndo nas súas seccións competitivas as creacións máis recentes e arriscadas do panorama internacional. Curtocircuíto mantense fiel aos seus eixos de acción principais: o cine de autor e as linguaxes contemporáneas, así como a súa aposta polas artes vivas cun programa específico paralelo. O certame exhibe, do 1 ao 9 de outubro en Santiago de Compostela pezas de cineastas imprescindibles, así como doutros que despuntan co seu traballo máis actual. As seccións competitivas de Curtocircuíto 2022, Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ reúnen un total de 56 títulos, sendo grande parte deles estreas a nivel estatal e galego. . Amplía a nova>>

14/09/2022
A XLIV Semana de Cine de Lugo homenaxea a María Casares e Margarita Ledo

Os nomes de María Casares e de Margarita Ledo agrandarán o Paseo do Cine de Lugo, vencellado á Semana de Cine da localidade , que este ano celebra a súa edición número corenta e catro. O evento homenaxeará así con dúas placas nese espazo á actriz coruñesa no seu centenario e á cineasta de Castro de Rei, Margarita Ledo, pola súa traxectoria. Ademais esta XLIV Semana do Cine de Lugo, organizada desde o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, terá tamén un recordo especial para o escritor Darío Xohán Cabana, ao ano dende o seu pasamento. Outras persoas ou temas serán recordados tamén coas proxeccións de películas, como será o caso do actor José Luis López Vázquez polo seu centenario, coa proxección de "El bosque del lobo" ou a invasión rusa de Ucraína (coa película "El acorazado Potemkim"). O evento proxectará 131 filmes entre os días 19 e 24 de setembro en varios espazos que van desde a sede da Deputación provincial, o Vello Cárcere , a sede de Aspnais e .os nos centros penitenciarios de Teixeiro, Bonxe e Monterroso. . Amplía a nova>>

13/09/2022
O OUFF homenaxea o audiovisual galego cunha mostra de retratos

O Festival Internacional de Cinema de Ourense, que se celebrará entre os vindeiros 23 de setembro e 1 de outubro homenaxeará o audiovisual galego cunha mostra fotográfica. Xulio Gil asina as imaxes de Manual de dirección. Cineastas de Galicia, na que recolle 52 retratos dos principais directores e directoras de cine do país que desenvolven o seu labor durante as tres últimas décadas.. Amplía a nova>>

06/09/2022
Dá comezo a incubadora de proxectos audiovisuais do Clúster

I+P, INCUBA, a nova incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster Audiovisual Galego, deu comezo ao seu programa de incubación, na Coruña. Nesta primeira edición, seleccionáronse entre máis dun cento de proxectos presentados, seis propostas: "Sonámbulo", de Vaca Films Studio; "As defensas", de Cósmica Producións; "Juliette y Camille", de Anxos Fazáns e Silvia Fuentes; "Nexo", de Voz Audiovisual”; "Una de bravas", de Anna M. Bofarull, e "Cebra con lunares (Polka dot Zebra)", de Xosé Zapata. I+P, INCUBA ten como obxectivo a incubación e mellora significativa destes seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría. O programa consistirá no desenvolvemento de sesións presenciais na Coruña e sesións online entre os meses de setembro, outubro e novembro. Ao finalizar a incubación os proxectos participantes presentaranse en decembro no pitching "I+P, Ideas para Producir" e beneficiaranse dunha subscrición na plataforma Filmarket Hub. . Amplía a nova>>

06/09/2022
O Primavera do Cine premia ao Cineclube Lumière

O festival de cine galego e lusófono Primavera do Cine, de Vigo, premiará na súa XIº edición de xeito honorífico a traxectoria do Cineclube Lumière, da cidade olívica. Recoñécese con esta distinción a unha "institución de cultura da resistencia en Vigo, transmisora de paixón polo cinema e apostando pola cultura de proximidade", segundo a organización, que considera que facer esta mención "é conmemorar o cinema libre" . O festival, que se celebrará entre o 13 e 18 de setembro, presentou xa o seu programa e fixo anuncio deste galardón que se entregará no acto de clausura ao membro fundador do Cineclube Lumière, Francisco Javier Estévez Álvarez e á súa actual presidenta, Meli López. O evento tamén celebrará o centenario e María Casares cun acto no que se proxectará o filme "Orfeo", de Jean Cocteau, precedido por unha presentación a cargo da historiadora do cinema Ana Gontad.. Amplía a nova>>

05/09/2022
Lucía C. Pan leva o Premio Chano Piñeiro do OUFF

O Festival de Cine de Ourense OUFF distinguirá á directora de fotografía Lucía C. Pan co honorífico Premio Chano Piñeiro desta edición. O festival concédelle este galardón a Lucía C. Pan por "representar dende a fotografía, o talento que aniña no audiovisual galego actual, na súa diversidade de formatos e a súa mestizaxe formal", en palabras da organización. O Ourense Film Festival institúe dende a pasada edición este premio Chano Piñeiro como recoñecemento aos emprendedores do audiovisual galego, profesionais que dende diferentes frontes sacan adiante os seus proxectos, en ocasións á marxe da industria estandarizada. A galardoada recibirá o premio na 27ª edición do festival que terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022.. Amplía a nova>>

02/09/2022
Cinco proxectos audiovisuais recibirán asesoramento de produción executiva

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vén de facer público os proxectos seleccionados para o AGAPI IMPULSA COPROS, un programa gratuíto de asesoría personalizada para mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión. Os proxectos seleccionados foron "¿Dónde están los ladrones?" de Julu Martínez, "As Movidas" de Alejándro Gándara, "Primera Inmersión" de Cristela Torres, "Furtivo" de Uxía Diéguez e "Chorima" de Alicia Úbeda. Un comité, formado por Mercedes García- Nieto, Mónica Hidalgo, Xavi Font e Beli Martínez, profesionais de recoñecido prestixio dentro do ámbito a produción executiva, seleccionaron estes 5 proxectos de creadores e creadoras emerxentes para que durante os meses de setembro, outubro e novembro formen parte dun programa de mentorización progresiva, no que se tratarán temas como orzamento, plan de financiamento, plan de rodaxe, dossier e pitching. . Amplía a nova>>

31/08/2022
O Museo do Videoxogo inaugura novas instalacións

As novas instalacións do MUVI, Museo do Videoxogo, terán máis de 300 metros cadrados dedicados a dar a coñecer a historia e evolución deste formato ao longo do tempo, preservar materiais e divulgalos. O vindeiro día 10 inauguraranse en Cangas estas instalación no novo espazo do casco vello da vila do Morrazo, na Rúa Aragón. O espazo ofrecerá a posibilidade de interactuar con sistemas dixitais e títulos de todas as épocas desde que existen estes xogos, ademais de incluír os produtos da industria galega do videoxogo, dun xeito especial. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org