Novas | 341 a 350 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

26/04/2023
AGADIC convoca as axudas para a promoción do talento audiovisual

As subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego veñen de ser convocadas hoxe no Diario Oficial de Galicia pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) repetindo a contía dos dous anteriores exercicios. Desta liña de axudas públicas galegas nutríronse no pasado algúns dos realizadores que hoxe están a destacar no audiovisual galego, desde Oliver Laxe ata Lois Patiño, Juan Galiñanes, Olga Osorio, Anxos Fazáns ou Diana Toucedo, entre outros. O goberno galego destina 194.000 euros, con cargo ao orzamento da AGADIC para o ano 2023, para esta modalidade de axudas á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais, e a posprodución de curtametraxes e realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras. Este investimento distribuirase entre 17 proxectos, oito deles para a realización ou posprodución de curtametraxes, seis para a escrita de guión e tres para a produción de longas de dirección novel.. Amplía a nova>>

25/04/2023
'Acero.5' de Gonzalo Suárez acada dous premios no festival Ibicine

A longametraxe documental autobiográfica 'A cero.5', de Gonzalo Suárez (Vigo, 1979) chegou esta fin de semana da 6ª edición do Festival Internacional de Cine de Ibiza, Ibicine, con dous galardóns. O filme, que conta a súa propia historia desde a súa intención de ser director de cine ata a situación vivida tras quedar en cadeira de rodas por unha lesión medular accidental, protagonizou, segundo a organización do evento, o momento máis emotivo da gala de entrega de premios ao recoller os galardóns Astarté do xurado á Mellor Longametraxe Documental e Astarté do Público á Mellor Película do festival. 'A cero.5' estreouse no ano 2021 na Seminci de Valladolid, na película Suárez narra a súa biografía con material audiovisual doméstico de arquivo e na disciplina deportiva do baloncesto en cadeira de rodas. A pelícUla está dispoñible na plataforma dixital Filmin.. Amplía a nova>>

24/04/2023
O festival Play-Doc comeza este mércores en Tui a súa 19ª edición

Este mércores, 26 de abril, dará comezo a 19ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc. Un total de 13 títulos conforman o programa de cine galego este ano, entre os que poderán verse tres estreas. Ángel Sánchez, responsable do certame xunto con Sara García Villanueva, co-fundadora e Directora Artística, presentou os contidos da programación, e desvelou o contido do programa de cine galego desta edición. Sánchez estivo acompañado por representantes institucionais do Concello de Tui, Deputación de Pontevedra e Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.. Amplía a nova>>

24/04/2023
Luís Zahera gaña o Premio Platino por 'As bestas'

O actor santiagués Luís Zahera segue a colleitar recoñecementos polo seu traballo na longametraxe "As bestas", de Rodrigo Sorogoyen. Nesta ocasión foi na Xª edición dos Premios Platino do cine iberoamericano, que celebraron a súa entrega de premios en Madrid. O actor recibiu o galardón ao mellor traballo masculino de reparto pola súa actuación na cinta hispano-francesa, que tamén acadou o premio de Mellor Dirección para Sorogoyen, de Mellor dirección de montaxe (Alberto do Campo) e Mellor dirección de son (Aitor Berenguer, Fabiola Ordoyo, e Yasmina Pradarías). Os Premios Platino buscan recoñecer aos profesionais da industria cinematográfica iberoamericana, que comprende nacionalidades europeas, suramericanas, norteamericanas e caribeñas, coa condición de que a versión orixinal dos filmes sexa en castelán ou en portugués. Están organizados pola Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA) en colaboración coa Federación Iberoamericana de Productores Cinematográficos y Audiovisuales (FIPCA), Federación Iberoamericana de Academias de Artes y Ciencias Cinematográficas (FIACINE). Zahera non puido acudir a recoller o galardón, que suma aos anteriormente gañados polo mesmo papel en 'As Bestas': o premio Feroz e o Goya.. Amplía a nova>>

19/04/2023
O HUB Audiovisual adxudica as axudas á preprodución de 17 novos filmes e series

A Xunta de Galicia acaba de facer públicas as dúas últimas adxudicacións de axudas ao abeiro do seu Hub Audiovisual, a través das que achega máis de 550.000 para contribuír á preprodución de 17 novos proxectos de filmes e series e á programación de 12 salas galegas de cine. En concreto, as axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais distribúen 380.000 euros entre 13 empresas para a fase de preprodución de futuros títulos galegos de cine e televisión cara á súa produción e rodaxe en anos posteriores. Subvenciónanse os traballos previos relacionados coa escrita do guión, o financiamento, a venda e a distribución, a xestión de dereitos, a investigación ou a elaboración de materiais promocionais, entre outros. Estas liñas, manexadas desde o Hub Audiovisual están financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.. Amplía a nova>>

18/04/2023
O Novo Cinema Galego protagoniza unha sección no Festival de Cinema de Bolzano

A 36 edición do Bolzano Film Festival Bozen, que comeza este 19 de abril nesta localidade italiana, prestará unha especial atención ao audiovisual galego. A sección Focus Europa deste prestixioso encontro estará dedicada ao noso cinema, e acollerá a proxección de seis filmes asinados por cineastas do país integrados no movemento coñecido como Novo Cinema Galego.. Amplía a nova>>

17/04/2023
Medio cento de filmes competirán no primeiro festival de animación Imaxinaria

A sede de Afundación na Coruña acollerá entre os vindeiros 10 e 14 de maio a primeira xeira do Festival Imaxinaria. Esta cita incorpórase á axenda cultural do país coa intención de "promocionar e dar a coñecer a animación audiovisual menos comercial, e funcionar tamén como punto de encontro de profesionais do sector". O ilustrador e director Alberto Vázquez e mais a comisaria Matilde Rodríguez coordinan o programa, que contará con medio cento de filmes a competición.. Amplía a nova>>

14/04/2023
A primeira xeira do programa Corten recala en Galicia

A Filmoteca de Galicia, na Coruña, acolle este sábado 15 de abril unha xornada promocional e formativa do programa interautonómico Corten. Esta proposta, que celebra a súa primeira edición, pretende dar a coñecer a produción audiovisual en formato curtametraxe de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco canda á galega.. Amplía a nova>>

11/04/2023
A Fundación Seoane celebra a Chichi Campos

Este xoves 13 de abril, ás 19:00 horas, o auditorio da Fundación Luís Seoane da Coruña acolle a estrea de Chichi e mais eu. Este documental sobre a figura de Chichi Campos, dirixido polo seu fillo Nico, aborda un retrato deste polifacético guionista, debuxante e humorista gráfico falecido en 1991.. Amplía a nova>>

11/04/2023
Sete cineastas do país participan do Conecta Lab en San Simón

A illa de San Simón, en Redondela, acolle desde este 11 de abril as actividades da primeira edición do Conecta Lab. O laboratorio audiovisual que artella a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA co apoio da Deputación de Pontevedra achegará formación para que sete guionistas e profesionais da dirección do país desenvolvan seis novos proxectos. Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Lidia Fraga e Jacobo Díaz, Irene Pin e mais Dani Viqueira foron os nomes seleccionados para esta iniciativa.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org