Novas | 351 a 360 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

03/04/2023
O 10º Carballo Interplay reparte os seus galardóns no audiovisual dixital internacional

A webserie "A arte de ser (mal) pai", dirixida por Jorge Boquete para Miraveo e que recolle os tres últimos días que pasa un home coa súa filla de 10 anos antes de separarse para sempre, resultou a elixida polo público do Carballo Interplay e tamén recibiu o recoñecemento do xurado que a distinguiu como mellor serie en galego, de xeito ex-aequo con Pringadas, webserIe que tamén foi finalista nos Premios Mestre Mateo. No palmarés desta xa finalizada décima edición do festival de contidos dixitais de Carballo destaca con forza tamén a produción australiana "It's fine, I'm fine", que segue o percorrido dunha psicóloga australiana de provincias mentres axuda aos seus pacientes para explorar o caos, o humor, a melancolía e a maxia inesperada da vida. Esta comedia recibiu o premio a mellor webserie do festival e o de mellor guión, decidido polo xurado. . Amplía a nova>>

31/03/2023
O cine dos Premios Mestre Mateo sae ao encontro dos galegos polo mundo

Nove das producións audiovisuais gañadoras ou finalistas da recente edición do premios Mestre Mateo do audiovisual poderán ser vistas en oito centros das colectividades galegas fóra do noso país. A Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual veñen de renovar o acordo xa iniciado o pasado ano, para levar o Ciclo Mestre Mateo ata a comunidade galega fóra das nosas fronteiras. Oito centros de América, Europa e resto de España poderán ver nove producións relevantes das presentadas este ano aos galardóns, algunhas delas premiadas cos máximos recoñecementos das súas categorías, entre elas a multipremiada "O Corpo aberto". O programa desenvolverase entre os meses de abril e novembro.. Amplía a nova>>

30/03/2023
O festival de Cans outórgalle o seu premio Pedigree a Luís Zahera

A Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, no Porriño, acaba de lle outorgar o Premio Pedigree do evento ao actor Luís Zahera. O Compostelán recibirá a máxima distinción do festival como "un dos actores máis relevantes de Galicia nas dúas últimas décadas".. Amplía a nova>>

28/03/2023
Nace o festival Norte Cinema Diverso de cine LGTBIQ+

Nove curtametraxes, catro documentais e dúas longametraxes forman a programación da primeira edición do festival audiovisual Norte Cinema Diverso, que terá lugar no teatro Colón da Coruña os días 21 e 22 de abril. Este evento de nova creación procura dar unha visibilidade concreta ao cine LGTBIQ+ de cara a toda a cidadanía, especialmente aos centros educativos e á propia comunidade LGTBIQ+ . O ciclo está organizado desde a Asociación Palestra en colaboración co Concello da Coruña e a cinemateca da Fundación Pedro Zerolo. O festival incluirá a entrega dun premio patrocinados polas Bodegas Martín Códax, que darán nome ao premio Marieta Martín Códax a mellor curtametraxe. Fernando Cayazzo é o director do certame e segundo el "a través do cinema destrúense prexuízos e reflíctese a loita do colectivo coa creación de referentes e a achega de visibilidade ás vidas e historias das persoas LGTBIQ+". Dentro do programa do NCD inclúese un encontro con rrtistas no que estarán presentes Richard Zebelzu, director; Carla Antonelli; Joao Maia,director; Borja Lynch, director; Vicky Calavia, directora; Magdalena Calabrese, produtora; Quiela Nuc - Colectivo NucBeade, directora; Andrea Beade - Colectivo NucBeade, directora; Anxos Fazáns, directora; Gerardo José Pérez Meliá, Director da Cinemateca Pedro Zerolo. . Amplía a nova>>

24/03/2023
Cans celebra o seu XX aniversario cun "Canciños Fest" para cativos

O Festival de Cans, que este ano celebrará a súa vixésima edición do 16 ao 20 de maio, organiza esta mesma fin de semana no Porriño o "Canciños Fest", un novo certame que nace coa intención de achegar o cinema en lingua galega ás máis pequenas e pequenos celebrando así este especial aniversario do evento. As instalacións do Círculo Recreativo Cultural de O Porriño acollerán este sábado 25 e domingo 26 de marzo os contidos audiovisuais que os pequenos da casa poderán desfrutar coas súas familias, curtametraxes e longametraxes de animación, obradoiros e actividades relacionadas co cinema e coa lingua galega. Este encontro dos máis cativos co cine en galego ten entrada de bale e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.. Amplía a nova>>

23/03/2023
AGADIC convoca as axudas á produción de proxectos audiovisuais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que establece as bases e abre unha nova convocatoria para axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos. Neste ano esta liña mantén o orzamento das tres convocatorias anuais anteriores, cun total de 2.500.000 euros. O pasado 2022 foron un total de once longametraxes, unha serie documental e dúas curtametraxes as que recibiron o apoio da Administración autonómica na convocatoria. Estas subvencións buscan ter un carácter incentivador, polo cal as solicitudes deben presentarse antes do comezo do proxecto, segundo reza nas bases hoxe publicadas.. Amplía a nova>>

23/03/2023
O Carballo Interplay mira cara atrás no seu décimo aniversario

O Carballo Interplay celebra o seu décimo aniversario facendo unha análise exhaustiva do pasado, presente e futuro de internet. O evento de referencia sobre creación de contidos dixitais ven de presentar o seu programa completo, ao que pode xa accederse na súa web. O Xº Festival de Contidos Dixitais ofrecerá, do 29 de marzo ao 1 de abril, unha coidada selección das voces máis potentes da cultura, o activismo e o humor da Internet estatal. Por tratarse desta décima edición, a gala final de entrega de premios do Certame de series e o Concurso de proxectos de serie web en galego gala será especialmente importante. O sábado 1 de abril, Sandra Lesta e Xúlio Abonjo presentarán "Calquera tempo pasado foi anterior", un repaso polos momentos máis estelares da historia do festival, coa participación de múltiples amizades que xa forman parte da historia do Carballo Interplay, amenizado con música do Dj Ninguén de ningures.. Amplía a nova>>

21/03/2023
A 18ª MICE repartiu o seu palmarés

Co final da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico promovida polo Museo do Pobo Galego chegou o palmarés que recoñece os mellores filmes por categorías. O filme "Al otro lado del mar", unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia acadou o Premio MICE ao Mellor Filme Galego da Mostra. O xurado subliñou o feito de que "se adentre nun xénero tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia”. Estas cartas filmadas “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto", que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores. O Premio CREA, que dentro da MICE outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme "Tatuado nos ollos levamos o pouso", de Diana Toucedo. Unha curtametraxe sobre as mariscadoras dunha vila galega do sur de Galicia. O público decantou as votacións do seu premio para o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo.. Amplía a nova>>

20/03/2023
'Matria' encara a súa estrea en cines co premio a María Vázquez en Málaga

O filme "Matria", de Álvaro Gago sae do Festival de Málaga con dous recoñecementos encarando con eles a súa estrea en cines, este vindeiro venres. A protagonista do filme, a actriz María Vázquez, recolleu en Málaga o premio Biznaga de Plata á mellor interpretación feminina que outorga o xurado do festival polo seu traballo no papel de Ramona, a figura arredor da que xira a película "Matria". A cinta, baseada nunha anterior curtametraxe co mesmo título do realizador arousán, Álvaro Gago, é a súa primeira longametraxe, e recibiu tamén no evento malagueño o Premio ASECAN Ópera Prima da sección oficial de longametraxes. "Matria" conta a historia de Ramona, unha muller que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.María Vázquez interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha 'Tatán', Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme. . Amplía a nova>>

17/03/2023
A película As estações foi a grande vencedora dos premios VENTURA

Os pasados 8 e 9 de marzo o foro de coprodución VENTURA reuniu en Tui unha ducia de proxectos audiovisuais de diferentes países. Profesionais de produción, programación, vendas e distribución de países como Suíza, España, Reino Unido, Alemaña, Grecia, Suíza, Serbia, Italia, Dinamarca ou Estados Unidos atopáronse nesta iniciativa que se promove desde o festival Play-Doc.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org