Olga Osorio recibirá o premio Chano Piñeiro do OUFF

O festival tamén premiará as traxectorias do mexicano Arturo Ripstein e Manuel Gutiérrez Aragón

O festival tamén premiará as traxectorias do mexicano Arturo Ripstein e Manuel Gutiérrez Aragón
Olga Osorio
A organización do Ourense Film Festival (OUFF) está a dar a coñecer os nomes das figuras destinatarias dos seus galardóns honoríficos. O Premio Chano Piñeiro, instituído en 2021 para recoñecer a figuras emprendedoras do audiovisual galego e que leva o nome do histórico director, recae este ano na realizadora Olga Osorio (Lugo, 1972). A cineasta, que ten no seu haber tres premios Mestre Mateo, ten nestes momentos en carteleira a que é a súa primeira longametraxe de ficción "¡Salta!", unha película dirixida e escrita por ela e rodada integramente en Galicia, protagonizada por Tamar Novas e Marta Nieto e producida por Vaca Films.

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e Doutora en Humanidades pola Universidade da Coruña, Osorio é docente no CIFP de Imaxe e Son da mesma cidade desde o ano 2000, e durante case vinte anos exerceu como profesora asociada na universidade coruñesa. Traballou como xornalista en La Voz de Galicia, El Progreso e El Ideal Gallego; como fotógrafa expuxo en salas e galerías de toda Galicia. Agora mesmo Olga Osorio está a desenvolver o seu segundo filme coa produtora Nostromo Pictures. A súa curtametraxe curtametraxe "Einstein-Rosen" (xérmolo da actual longametraxe ¡Salta!), entrou en 2016 sección oficial do Festival de Sitges e foi seleccionada en máis de 250 festivais. Olga Osorio recollerá o seu premio na gala inaugural do festival o próximo 29 de setembro.

Premios ás traxectorias
Nesa mesma gala estará tamén o director mexicano Arturo Ripstein (Cidade de México, 1944) para recibir a Calpurnia de Honra Internacional. A organización do Ourense Film Festival (OUFF) dedícalle o premio de honra de alcance internacional ao cineasta ao considerado mellor director mexicano contemporáneo, multipremiado non só no seu país senón nos festivais internacionais máis prestixiosos. A presenza de Ripstein en Ourense será un prato forte da edición 2023 do OUFF. Con máis de medio centenar de películas e documentais no seu haber, o seu último filme ata o momento é 'El diablo entre las piernas' (2019). Outro dos varios premios honoríficos do OUFF será para Manuel Gutierrez Aragón (Torrelavega, Cantabria, 1942) que recibirá o Premio Especial OUFF 2023. Fundaméntase a escolla por parte do OFF por seren "director de títulos tan emblemáticos como necesarios para entender os cambios sociais na España do último cuarto do século vinte; guionista brillante para sí e para outros; novelista de éxito na etapa actual como creador, que se engade á súa condición de membro da Real Academia Española". A organización do festival destaca a súa contribución á cinematografía española do último medio século, así como a súa sensibilidade literaria e ser un dos autores máis recoñecidos da súa xeración no plano internacional.

Ligazóns