Novas | 3201 a 3210 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

02/10/2007
Gracia Querejeta presenta en Vigo o seu último filme “Sete mesas de billar francés”

Soamente se rodaron en Vigo unhas cantas escenas pero Gracia Querejeta (Madrid, 1962) aproveitou ese pretexto para presentar na cidade olívica o seu último filme. “Sete mesas de billar francés” chega este venres á carteleira con dous premios no seu haber: mellor guión e mellor actriz (Blanca Portillo) da última edición do festival de cine de San Sebastián.

Máis información en El País

. Amplía a nova>>

02/10/2007
O Cineclube Compostela retoma a súa actividade coa proxección de filmes soviéticos

“Xoguetes soviéticos” de Dziga Vertov abrirá o vindeiro 17 de outubro a oitava temporada do Cinclube Compostela. Todos os mércores, ás 22:00 horas no Centro Sociocultural O Pichel, o cineclube ofrecerá unha nova proxección que este primeiro mes de outubro se centrará na obra de directores soviéticos, aos que se incorporará o documental de Chris Marker.

Máis información no web do Cineclube Compostela

. Amplía a nova>>

01/10/2007
Escrigas marca como obxectivo para o CGAI a recuperación do patrimonio audiovisual

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández, presentaba na Coruña o novo director do Centro Galego de Artes da Imaxe. Guillermo Escrigas ponse á fronte dunha entidade que acusa o atraso de estar máis de dous anos sen director e tras varios nomeamentos fallidos. Na primeira intervención pública, o novo director anunciou que o principal obxectivo pasa pola recuperación e difusión do patrimonio audiovisual galego espallado polo mundo. Ademais, Escrigas anunciou que reivindicará, a través dun ciclo, a galeguidade de George A. Romero, descendente de galegos coñecido por ser o director do filme de culto "A noite dos mortes vivintes". Canda á súa intervención, Jaime Pena anunciou a programación para os vindeiros meses. Na axenda prevista está a primeira participación do CGAI no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, que permitirá programar no centro ao longo do mes de outubro a retrospectiva sobre o cineasta francés, Philippe Garrel.

Máis información no web da Xunta e sobre a elección do director na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

01/10/2007
O CGAC programa un ciclo de vídeo arredor da súa exposición “A batalla dos xéneros”

“Poder lésbico e mulleres mediáticas” (martes 2), “Orixes do feminismo e loita social” (mércores 3), “ A maternidade como problema” (venres 5), “Da reivindicación á suxeición” (sábado 6) e “Mentiras, mascaradas, performance” (domingo 7) son os títulos que se poderán ver dentro do último ciclo de cine que organiza o Centro Galego de Arte Contemporáneo. Este evento fai parte das actividades programadas a propósito da exposición “A batalla dos xéneros”.

Máis información no web do CGAC

. Amplía a nova>>

28/09/2007
Santiago convértese en referente do audiovisual con dous festivais e un ciclo

Santiago terá un outubro de cine. Do 2 ao 5 terá lugar o ciclo “Cine e cidade” que organiza a comisión de cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Do 16 ao 20 converterase na capital da curtametraxe grazas a Curtocircuíto e, para rematar o mes do 22 ao 30 celebrarase unha nova edición do Festival Internacional de Cine Euro Árabe Amal 2007.

Máis información nos web de Curtocircuito e Amal

. Amplía a nova>>

28/09/2007
Caixa Galicia e a Xunta crean unha entidade para coproducir cine

Ter producido e estreado en salas comerciais, como mínimo, dúas longametraxes; contar con solvencia de recursos humanos e materiais para a execución da produción audiovisual e desenvolver un proxecto cun orzamento igual ou superior a 2.200.000 euros. Estas son algunhas das características que deberán cumprir os que pretendan recibir financiamento da nova entidade que acaba de crear a Xunta de Galicia e Caixa Galicia. Segundo un convenio asinado onte, esa nova entidade (que será, presumiblemente, unha sociedade mercantil) contará cun fondo económico de tres millóns de euros.

Máis información no web da Xunta e no Faro de Vigo, El Correo Gallego e El País

. Amplía a nova>>

27/09/2007
Ángel de la Cruz recupera a rodaxe de “Os mortos van ás présas” un ano despois da paralización

Non foi casual que o equipo capitaneado por Ángel de la Cruz convocase unha rolda de prensa un 27 de setembro para falar de “Os mortos van ás présas”. Hai xusto un ano, o equipo coñecía en plena rodaxe que o produtor cancelaba o filme por problemas económicos. Hoxe, as novas eran ben diferentes. Ángel de la Cruz anunciaba o vindeiro inicio da rodaxe (25 de febreiro) con case o 100% do equipo artístico e o 80% técnico previsto hai un ano. A produción, que ten un orzamento de 2 millóns de euros (un menos do previsto incialmente), conta con pequenos reaxustes de guión para garantir a súa viabilidade. Televisión de Galicia, TVE, Perro Verde Films e Resonancia completan o financiamento dun filme do que Buena Vista distribuirán 150 copias.

Máis información na nosa hemeroteca sobre a paralización e na nosa ficha

. Amplía a nova>>

27/09/2007
A Xunta programa “Galicia, terra de cine” no mesmo mes que se celebran os eventos máis destacados do audiovisual

Novembro será, unha vez máis, un mes de cine. Pero este ano un pouco máis porque a Xunta de Galicia acaba de confirmar que a segunda edición do “Galicia, terra de cine”, no que dará información sobre 40 producións audiovisuais galegas, terá lugar do 14 ao 17 de novembro. Este evento únese a dúas citas xa clásicas: Cineuropa, en Santiago (ao longo do mes) e o Festival de Cine de Ourense (17-24). Dous certames dos que aínda non se presentou de maneira oficial a programación.

Máis información no web da Xunta sobre a segunda edición de Galicia, Terra de Cine e nos webs de Cineuropa e do Festival de Cine de Ourense

. Amplía a nova>>

27/09/2007
A cuarta edición de Curtocircuíto incorpora novos premios e completa a súa programación

16 a 20 de outubro. Estas son as datas nas que se celebrará a cuarta edición de Curtocircuíto que se consolida con grandes novidades. Incorpóranse as categorías de mellor curta galega e Onda Curta (concede a RTP e comprará os dereitos de emisión da curtametraxe gañadora) a un palmarés que repartirá 18.200 euros en premios. Contará coa segunda edición do Mercado Internacional para o que se presenta un catálogo de 3.000 traballos. Ademais dos tres obradoiros ofertados, o programa conta cunha programación temática estruturada en varios ciclos: gay-lésbico, adolescentes, nenos, e escolmas doutros festivais.

Máis información no web e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

26/09/2007
Quadra Produccións organiza en Pontevedra o primeiro Festival de Vídeo Experimental

Nigrán (día 21), Mondariz (día 22) e Ponteareas (23) acolleron as xornadas introductorias da primeira edición do festival internacional de videocreación que se celebrará en Ponteareas do 4 ao 6 de outubro. Un encontro para o máis experimental do vídeo que se concretará en videocreacións, documentais e curtametraxes. En total poderanse ver preto de 50 traballos en seis sesións de hora e media que se alternarán cos obradoiros de creación visual e música electrónica.

Máis información no blog do festival

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org