Novas | 281 a 290 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

27/09/2023
Curtocircuíto presenta o programa completo da súa XXª edición

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto presentou en rolda de prensa o programa completo da edición na que celebra o seu vixésimo aniversario. Entre o 3 e o 8 de outubro, os amantes do cine poderán gozar dunha ampla selección de películas procedentes de máis de 16 países, así como dun cartel con destacados shows AV e actividades especiais, que amosa de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcenda a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección. Ao longo dos seis días do festival, exhibiranse un total de 49 filmes a competición procedentes de 16 países, que foron seleccionados entre as máis de 2.000 películas que se presentaron a esta última edición para competir na Sección Oficial Cosmos, en Planeta GZ e Supernova. En total, máis do 50% destes filmes contan cunha muller na dirección, unha mostra do auxe paulatino da muller no cine e do compromiso coa igualdade do equipo de Curtocircuíto, que aposta por reivindicar a capacidade de liderado da muller e por dar visibilidade ás producións lideradas por mulleres.. Amplía a nova>>

26/09/2023
Ábrese un espazo para o audiovisual galego no London Spanish Film Festival

"Letters from Galicia" é o nome da sección que, dentro do London Spanish Film Festival, acollerá mostras do audiovisual contemporáneo galego estes días. Este evento que estes días está a celebrar a súa 19ª edición na capital británica creouse en 2005 para levar ao panorama cultural londiniense o cinema contemporáneo español e xa contaba con tres seccións ou "ventás" dedicadas aos cinemas catalán, vasco e andaluz. Este ano inaugura esta sección dedicada ao cinema galego que se fai en colaboración co Galician Film Forum e a Mostra International de Cine Etnográfico Museo do Pobo Galego (MICE). Xustamente do palmarés deste certame santiagués xorden dúas das produción que se poden ver en Londres: "Al otro lado del mar", a correspodencia fílmica entre Eloy Domínguez e Samuel Moreno, que recibiu o premio a Mellor filme Galego da MICE, e a curtametraxe de Diana Toucedo "Tatuado nos ollos levamos o pouso" que levou o Premio CREA do certame. Ademais outras catro curtametraxes da realizadora redondelá formarán `parte do programa que se poderá ver mañá, mércores 27 de setembro, no festival londiniense: Prekasno (2021); Borders (2021); Homes ("016) e 'Imágenes secretas' (2013). . Amplía a nova>>

26/09/2023
O OUFF estrea sección competitiva para o cinema galego na súa 28 edición

Panorama Galicia é o título da nova sección competitiva que se incorpora ao Ourense Film Festival (OUFF) na súa vixésimo oitava xeira. A organización do evento presentaba este 25 de setembro a programación completa da cita, que inclúe máis dun cento de proxeccións e actividades entre o 29 de setembro e o 8 de outubro.. Amplía a nova>>

22/09/2023
Chega aos cines 'Amigos hasta la muerte' de Javier Veiga

María, Nacho e Suso son tres amigos de toda a vida que no pasado teñen conformado un triángulo amoroso con consecuencias entre eles. De súpeto vense na situación de que Nacho vai morrer pero aínda non o sabe, pero os outros dous si e teñen que manexarse con ese secreto e descubrir como comportarse co seu amigo nos seus derradeiros meses. A situación é dramática e crea un contexto cómico ao tempo ante a dificultade de superar reproches e lembranzas do triángulo formado. Ese é o argumento da comedia "Amigos hasta la muerte" que hoxe chega aos cines de toda España. O actor Javier Veiga (O Grove, 1973) estréase na dirección, asina o guión e protagoniza este filme xunto coa súa parella na vida real, a actriz Marta Hazas, e o actor mexicano Mauricio Ochmann. O filme está rodado en Galicia, nas localidades de O Grove, Ourense e Santiago de Compostela e conta entre o elenco coas participacións de Xose Antonio Touriñán, David Amor, Ledicia Sola e Mela Casal. A banda sonora orixinal corre a cargo de Xoel López. Veiga acadou o premio a mellor dirección por estra película no Festival de cine internacional de Alicante. O filme pode verse, segundo a web FilmAffinity desde este venres en 95 salas de cine do estado, oito delas en Galicia. . Amplía a nova>>

21/09/2023
Luisa Merelas recibirá o premio AISGE do OUFF

A actriz Luisa Merelas (A Coruña, 1958) recibirá o Premio da Fundación AISGE no 28º Ourense Film Festival (OUFF). Galardoada nos María Casares de Teatro en dúas ocasións, Luisa Merelas leva corenta anos de profesión ás costas. Merelas encarnou na ficción a mulleres de gran dureza, inesquecibles para a audiencia; entre elas, a matriarca Dona Carme Matalobos da serie Matalobos, a Amalia da familia Charlín en Fariña ou, na gran pantalla, a nai Anta da multipremiada 'As bestas' de Rodrigo Sorogoyen. Actriz de teatro, cinema, televisión e, tamén de dobraxe, Merelas, unha das actrices máis queridas polo público galego, recibiu este mesmo mes o Premio Cinema Galego do festival FIC Bueu pola súa traxectoria. A intérprete recollerá o Premio AISGE na gala inaugural do festival ourensán o 29 de setembro. . Amplía a nova>>

21/09/2023
O impacto da IA nas industrias creativas a debate hoxe na Coruña

A plataforma Coruña Gráfica, que agrupa a máis de 60 autores do sector da ilustración, xunto coa asociación xunto coa Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA) organizan hoxe unha xornada aberta ao público sobre o impacto das ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) nas diferentes industrias creativas. Este debate de plena actualidade e interese a medida que vanse sucedendo novidades nas aplicacións que se dá a esta tecnoloxía nos eidos da industria cultural serán obxecto de debate hoxe, xoves 21 de setembro, ás 19:30 horas na sede de Ascega na Coruña (Rúa Antón Vilar Ponte, 11). Baixo o título "Intelixencias Artificiais versus Industrias Creativas" o autor e produtor Manel Craneo moderará unha mesa na que tomarán parte o escritor Xavier Alcalá, o debuxante Santy Gutiérrez, e o produtor e animador Tomás Conde, da produtora cinematográfica Algarabía Animación.. Amplía a nova>>

21/09/2023
A Asociación Senunpeso cesa a súa actividade

Cun comunicado na súas redes sociais, a actual directiva da Asociación Senunpeso anunciaba este 20 de setembro o final da súa actividade. Segundo explica este texto "na última asemblea xeral (decembro de 2022) eramos catro gat@s (literalmente) e iso, unido ao desgaste propio do paso do tempo e as ocupacións varias que nos impiden dedicarlle esforzos á asociación, levounos a abrir un proceso de debate interno sobre o futuro. A conclusión á que chegamos é que non vemos viable seguir adiante".. Amplía a nova>>

18/09/2023
A 45 Semana de Cine de Lugo abre as súas portas

O tributo aos cineastas Pepe e Jorge Coira aparece como un dos eixes da cuadraxésimo quinta edición da Semana de Cine de Lugo, que abre as súas portas este 18 de setembro. Os dous irmáns protagonizarán un ciclo dentro do programa desta xeira, que proxectará un total de 135 filmes ata o vindeiro día 23.. Amplía a nova>>

18/09/2023
O filme 11:20 AM alzouse co premio do FIC Verín

O Vía XIV Festival Internacional de Curtas de Verín, fechaba as súas portas este sábado coa entrega dos galardóns das súas sete categorías a corcurso. O filme 11:20 AM do grego Dimitris Nakos resultou gañador na categoría oficial Horizontes. Na sección A Raia a curta foi Raticide, do portugués João Niza, mentres na categoría Nova a mellor peza foi One Minute, de Matilde Sköld e Markus Svanberg (Suecia).. Amplía a nova>>

15/09/2023
Abre en Ourense a exposición fotográfica de Chema Prado como antesala do OUFF

Chema Prado naceu en Rábade en 1952, estivo á fronte da Filmoteca desde 1989 ata a súa xubilación en marzo de 2016 e no ano 2020 recibiu pola súa traxectoria o Premio da Cultura Galega na categoría de audiovisual. O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle desde onte a súa exposición fotográfica "Series", no marco do programa de actividade paralelas da vindeira edición do Ourense Film festival, que arrancará o vindeiro 29 de setembro. O público que se achegue ao Marcos Valcárcel, poderá gozar de catro series de fotos: Polaroid, Nada que perder, Ciudades e Infraganti. A fotografía foi un medio de expresión para Chema Prado desde hai décadas; xa en 1993 participa nunha primeira exposición colectiva xunto a Bigas Luna, Iván Zulueta e Jesús Garay. Desde entón as súas imaxes puidéronse ver en museos e galerías, sempre co ánimo de explorar a capacidade expresiva dos diferentes formatos fotográficos. Viaxes e festivais, paixón pola pintura e unha extensa rede internacional de colegas do sector cinematográfico son elementos que conforman a crónica visual de Prado. O que foi director de Filmoteca Española foi testemuña privilexiada en proxectos e rodaxes internacionais, trabando amizade con cineastas como o falecido Bernardo Bertoluccci ou John Malkovich, de modo que o público de Ourense atoparase na exposición "Series" con rostros moi coñecidos da gran pantalla como o do director Jim Jarmusch ou o do actor Javier Bardem.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org