A 45 Semana de Cine de Lugo abre as súas portas

A cita proxectará 135 filmes ata o vindeiro 23 de setembro

O tributo aos cineastas Pepe e Jorge Coira aparece como un dos eixes da cuadraxésimo quinta edición da Semana de Cine de Lugo, que abre as súas portas este 18 de setembro. Os dous irmáns protagonizarán un ciclo dentro do programa desta xeira, que proxectará un total de 135 filmes ata o vindeiro día 23.

Ademais deste ciclo, no que se poderán ver títulos como Eloxio da distancia, Eroski Paraíso ou Código emperador, os Coira inaugurarán unha placa cos seus nomes no Paseo do Cine lucense e recibirán unha homenaxe institucional.

O auditorio Gustavo Freire acollerá as proxeccións dos ciclos clásicos desta cita, o Infantil, O Mellor do Ano e a Sección Oficial, con pases previos de curtametraxes. Nesta última sección poderán verse títulos como The quiet girl, El caftán azul, El acontecimiento, Empieza el baile, Hasta que el amor nos separe e Cuando la alondra canta.

A sección de documentais desenvolverase na sede da Deputación Provincial, mentres o apartado "As curtas tamén son cine", e as proxeccións de cinema galego poderán verse no Vello Cárcere, con títulos como Os vestixios ou A rabia. A Biblioteca Provincial acollerá a sección Portugal, Tan cerca, tan lonxe.

Canda a estas proxeccións, o programa inclúe múltiples actividades paralelas. Entre estas, destaca o recoñecemento ao fotógrafo Anxo Arias Prado, de Foto Oliver (Viveiro) logo de 40 anos de actividade.