Novas | 2781 a 2790 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

25/02/2009
RTVE e o Ministerio de Cultura presentan a primeira canle de televisión de temática cultural

O vindeiro 1 de abril comezará a emitir en probas Cultural.es, ou o que é o mesmo, a primeira canle de televisión con contidos culturais. Artes; ciencia e letras; a comunidade de industrias culturais; civilización e cidadanía; patrimonio e memoria son os catro núcleos centrais da programación desta canle. O proxecto é posible grazas á colaboración entre o Ministerio de Cultura e o ente Radiotelevisión Española. Pere Roca, o director da canle, anunciou que suporá a recuperación de Estudio 1, o coñecido programa dos oitenta que televisaba obras de teatro. Ademais, tamén se anunciou que prestará atención ás diferentes manifestacións culturais do Estado, así como ás distintas linguas. . Amplía a nova>>

25/02/2009
Convócase a VI edición de Curtas 09

O Consorcio Audiovisual de Galicia acaba de anunciar a convocatoria da sexta edición do seu catálogo de curtametraxes, Curtas 09. Esta iniciativa seleccionará tres proxectos (o cuarto é o gañador do Festival de curtametraxes de Cans) que, ademais de recibir 3.000 euros, farán parte do listado. O proxecto suporá a difusión nos festivais nacionais e internacionais nos que participa o Consorcio Audiovisual de Galicia, ademais de ser distribuído entre as diferentes institucións culturais, filmotecas, institucións e organismos nacionais e estranxeiros cos que o Consorcio mantén relacións de colaboración. . Amplía a nova>>

23/02/2009
Sanxenxo entrega os seus primeiros premios de cine

O moble das fotos de Giovanni Maccelli, A flor máis grande do mundo e Golpe de tacón son as tres curtametraxes gañadoras do I Festival da Madama de Sanxenxo. Foron mellor curtametraxe, mellor curta de animación e premio do público, respectivamente. Ao palmarés deste certame súmaselle Caracolas na mellor curta rodada en Sanxenxo. O certame pretende chamar a atención osbre o papel da muller no campo do audiovisual.. Amplía a nova>>

23/02/2009
O Consorcio convoca as axudas a promoción a través da rede

Nun mercado global, Internet convértese nunha ferramenta imprescindible para a promoción audiovisual. Así pensa o Consorcio Audiovisual de Galicia, que acaba de convocar unha nova edición de axudas para a promoción a través deste soporte. Destinaranse 80.000 euros a sitios web que este ano deberán cumprir dous requisitos: cumprir os estándares de accesibilidade web marcados polo consorcio W3C e, ter un nivel de percepción visual e creativa. O prazo de presentación de solicitudes comezará dende o día seguinte á publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e estará vixente ata o 1 de decembro de 2009. A iniciativa enmárcase dentro do Plan de Actividades do Consorcio para este ano. . Amplía a nova>>

23/02/2009
A V edición de Play Doc exhibirá máis de trinta documentais

O documental ten unha cita do 18 ao 22 de marzo en Tui. Na localidade pontevedresa celébrase a V edición do Play Doc que este ano exhibirá 31 películas deste xénero procedentes de países tan diversos como Xapón, Eslovaquia, Irán, Lituania, Israel, China ou Polonia. En total repartiranse 9.000 euros en premios nas tres categorías a competición. Canda a sección oficial, a “Informativa” centrase este ano no director lituano Audrius Stonys e no polaco Bogdan Dziworski. Documentais de música, concertos en directo (Mad Professor, “Rei do dub” ou “One Man in the Band”) así como a exposición do artista iraniano Jamshid Aminfar (protagonista dun documental, Cyanosis que tamén se proxectará) compoñen a programación deste certame. . Amplía a nova>>

23/02/2009
Burela, por exemplo

Nuns tempos nos que a lingua está a se empregar coma arma de confrontación, desde Burela chéganos un proxecto que amosa as posibilidades da normalización no noso país. A partir do traballo de planificación do IES Pedrouro, e partindo dunhas xa elevadas taxas de emprego do noso idioma, o concello desenvolveu co apoio de todos os grupos políticos o Modelo Burela de convivencia lingüística. Agora, un documental amósanos a realidade deste lugar onde, segundo explican os responsables do proxecto "o problema é que case toda a xente en Burela fala galego pero apenas hai galego escrito". . Amplía a nova>>

20/02/2009
Comeza a edición máis galega do Fantasporto

Porto é, desde hoxe, a capital do cinema fantástico. Comeza na cidade portuguesa o Fantasporto, un dos festivais máis destacados a nivel europeo desta temática. Nesta edición, Galicia é cinematografía convidada, polo que se proxectarán sete películas que servirán de retrospectiva do que se ten feito neste xénero no país. Ademais do apartado expositivo, o certame concederá un premio que recoñecerá a produción audiovisual realizada en Galicia. A sección competitiva deste certame desenvolverase ata o vindeiro 1 de marzo e conta coa participación de filmes como Sexykiller: morirás por ella de Miguel Martín ou Prime time de Luis Calvo Ramos.. Amplía a nova>>

19/02/2009
Culturagalega.tv: o camiño do Norte

Ribadeo é vila xacobea desde o comezo da tradición. E foi recalada dos peregrinos que chegan desde distintos portos europeos e desde Asturias ou Euskadi. San Francisco de Asís foi un dos viaxeiros máis coñecidos deste trazado que pasa por Ribadeo, Mondoñedo, a Terra Chá, a vila balnearia de Guitiriz ou o mosteiro de Sobrado dos Monxes para compartir o seu tramo final co Camiño Francés. Son algunhas das recaladas deste quinto capítulo da serie escrita e dirixida por Xerardo Rodríguez Os Camiños da Concordia. Camiños de Santiago.. Amplía a nova>>

19/02/2009
Nancho Novo, Jose ángel Egido e Manuel Millán, candidatos aos Premios da Unión de Actores

O vindeiro 9 de marzo terá lugar no Teatro Circo Price de Madrid a gala de entrega dos XVIII Premios Unión de Actores. Uns galardóns que recoñecen o traballo actoral no cine, teatro e televisión. Entre os candidatos hai tres galegos, os tres como actores de reparto: Jose Ángel Egido na categoría cinematográfica (polo seu traballo en Os xirasois cegos), Manuel Millán na de teatro (Hai que purgar a Totó ) e Nancho Novo na de televisión (O síndrome de Ulises). A gala está escrita e dirixida por Eva del Palacio.. Amplía a nova>>

18/02/2009
Nos ollos do falcón

A lomos de halcones é o título do documental que a Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA) acaba de subir á rede con licencia Creative Commons. No traballo, de xeito pioneiro, estes divulgadores empregan microcámaras autónomas que permiten seguir a visión subxectiva dun falcón. A obra permite coñecer o proceso de preparación e os resultados desta técnica, con impresionantes imaxes do voo e da caza dun destes animais.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org