02/10/2009
Os conflictos sociais centran a VII edición do Festival de Cine Euroárabe Amal
Naceu coa necesidade de aproximar ao público a realidade social e cultural do mundo árabe, e agora é unha das referencias desta temática en toda a península. Amal celebra este ano a sétima edición que se presenta como a máis completa (polo número de actividades complementarias) e a máis social (en canto á temática). En total haberá 36 películas a competición que segundo Eduardo Galán, membro do xurado, “son películas que falan dos sentimentos, das emoción, son virulantemente comprometidas pero non violentas, tendo en conta no contexto de violencia xeral na que se ambientan”. Nesta liña, o director do festival, Ghaleb Jaber, explicou que moitos dos títulos que se proxectan tiveron qeu saír do seu país de forma clandestina..
Amplía a nova>>
02/10/2009
O secretario xeral de Medios afirma que recibirán axudas todos os festivais de cine que o soliciten
A política de axudas a festivais, mostras e xornadas audiovisuais xa non se desenvolverá a través dunha convocatoria pública de concorrencia competitiva tal e como se fixo nos últimos anos. Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, explicou hoxe no marco da presentación da VII edición do Festival Amal, que “a Xunta apoia a todos os festivais que solicitaron axuda”. Agora ben, o secretario xeral apuntou que “non son sempre as cantidades que nos gustarían” ante a situación de crise económica. En todo caso, Cabaleiro apuntou que a Xunta desenvolverá unha liña de apoio firme e decidido ao sector audiovisual..
Amplía a nova>>
01/10/2009
Michael Chanan dirixirá un obradoiro que permitirá facer documentais sobre Santiago
É documentalista, profesor universitario, crítico musical e dirixiu máis dunha ducia de documentais e agora ensinará aos creadores galegos a facer curtametraxes documentais. Michael Chanan é o encargado de impartir o obradoiro de creación que se imparte no marco de actividades de curtocircuíto. O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de outubro e os seleccionados realizarán pezas documentais de 3 minutos de duración que versará sobre a cidade de Santiago e os seus habitantes. Os traballos resultantes exhibiranse na Gala Oficial de Clausura do festival que terá lugar o 17 de outubro..
Amplía a nova>>
01/10/2009
Comeza a rodaxe de O camiño, a película dirixida por Emilio Estévez
Saint Jean Pied de Port é a localidade francesa na que comeza o Camiño Francés. Para moitos está considerada como a etapa prólogo anterior a Roncesvalles. Nela arrincou o luns a rodaxe da última película de Emilio Estévez, na que tamén actúa xunto co seu pai Martin Sheen, Deborah Kara Unger, Ángela Molina e o galego Carlos Leal. Chámase
O Camiño e conta a historia dun oculista californiano que acode a Francia a buscar as cinzas do seu fillo. Unha vez alí descobre que estaba a preparar o Camiño de Santiago e decide facelo por el. A produción foi promovida polo Consorcio Audiovisual de Galicia aproveitando a ascendencia galega de Martin Sheen. A rodaxe terá lugar ata o vindeiro 13 de novembro..
Amplía a nova>>
30/09/2009
Unha produtora galega prepara a serie que será a aposta da vindeira temporada de TVE
A gran aposta de TVE para as noites da vindeira temporada chámase
Gran Reserva. Unha serie sobre o mundo do viño que se está a rodar en La Rioxa e que se centra nos conflitos entre dúas familias de bodegueiros. Producida pola empresa galega Bambú Producciones (dirixida por Ramón Campos, que foi produtor executivo de Voz Audiovisual), conta no seu reparto con actores como Emilio Gutiérrez Caba, Tristán Ulloa, a galega Ledicia Sola, ou Paula Echevarría.
Gran reserva combina melodrama, thriller e cluedo xa que unha das tramas pretende descubrir quen é o responsable dun intento de asasinato. Nani García é o autor da banda sonora dunha serie que conta cun amplo equipo técnico galego..
Amplía a nova>>
30/09/2009
A CRTVG reduce os seus gastos en 10 millóns de euros
Gastos de explotación e gastos de capital. Estas son as partidas nas que a CRTVG acometeu reducións neste segundo semestre para facer fronte á caída dos ingresos publicitarios. O recorte supuxo 10.5 millóns de euros que lle permite reorganizar o seu orzamento anual para cumprir coas contías prevista. Iso sí, segundo o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, non afectará aos criterios de calidade e competencia. Sánchez Izquierdo acudiu á comisión de control da CRTVG a presentar o
Informe sobre a Xestión de Servizo Público da CRTVG e as Sociedades Dependentes, é dicir, o desglose das liñas de actución desenvolvidas no 2008 para cumprir coa misión de servizo público..
Amplía a nova>>
29/09/2009
O audiovisual máis alternativo volve a Ponteareas da man de Mívico
Obradoiros sobre audiovisual e novas tecnoloxías, exposicións sobre feitos que acontecen ao noso redor, concertos de experimentación sonora e proxeccións fan parte do cartel da terceira edición do Mívico. O encontro da arte audiovisual experimental que terá lugar en Ponteareas ata o domingo. A cita comezará o venres cunha retrospectiva do creador galego Toño Chouza e o teaser do seu novo proxecto,
One man band. Nesta terceira edición do MÍVICO concederánse tres premios (mellor videocreación, mellor curtametraxe e mellor documental) dotados de 400€ cada un deles. .
Amplía a nova>>
29/09/2009
O thriller carcerário Cela 211 abrirá a XIV edición do Festival de Cine de Ourense
Mañá darase a coñecer a programación oficial do que será a décimocuarta edición do Festival de Cine de Ourense, que se desenvolverá do 10 ao 17 de outubro. Un encontro que abrirá a coprodución de Vaca Films,
Cela 211, que está protagonizada por Luís Tosar. Na sección oficial de longametraxes a competición destaca a película de Pablo Iglesias,
Pedro e o Capitán, adaptación cinematográfica dun conto de Benedetti. Na sección documental compite a película
Flores tristes, mentres que na de animación destacan as producións galegas
O güerepork,
O pintor de ceos e o
O soldadiño de chumbo. Entre as novidades deste encontro, destaca o I Festival Ouff Escola de Ourense, sección que pretende implicar aos escolares na creación audiovisual ao longo de todo o ano e cuxos premios entregaranse no marco do festival..
Amplía a nova>>
28/09/2009
A produción arxentina O estómago gaña o premio do público da Semana de Cine de Lugo
O estómago chegou ao programa da Semana de Cine de Autor de Lugo cun longo palmarés no seu cartel, entre os que destaca a Espiga de Ouro do Festival de Cine de San Sebastián. E acaba de sumar un máis, o que lle concedeu o público lucense de entre unha listaxe na que destacan outros títulos como
Seraphine,
A boa vida ou
A clase. A nota negativa da Semana de Cine está na afluencia, xa que Manuel Curiel, responsable do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizador do encontro, cuantificou en 7.000 os asistentes. Unha cifra lixeiramente inferior ao doutras edicións. .
Amplía a nova>>
28/09/2009
A Xunta estuda varias posibilidades para apoiar economicamente o Festival de Cine de Ourense
As declaracións de Enrique Nicanor, director do Festival de Cine de Ourense, sobre a supresión de liñas de axudas a estes encontros por parte da Xunta, acaban de ter contestación. O encargado de facelas foi Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta en Ourense, quen explicou que a Xunta estaba estudando diferentes posibilidades para concederlle unha axuda ao festival. Sen embargo, Martínez tamén asegurou que o goberno está a reconsiderar a súa opción ante as declaracións do director do encontro e advertiuno sobre a necesidade de non usar politicamente o festival. Polo demais, o Concello e a Deputación de Ourense incrementarán a súa participación este ano para que a programación se desenvolva con normalidade..
Amplía a nova>>