Novas | 2641 a 2650 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

25/09/2009
A segunda cadea de TVG reforzará a súa programación cun magazine cultural

A programación da G2, a segunda canle da TVG, vaise reforzando pouco a pouco. Para o outono, a cadea prepara un magazine cultural que pretende ser a referencia da súa programación. Un espazo que será conducido por “un condutor de recoñecido prestixio”, como apunta a nota de prensa da CRTVG, e mesturará información e entretemento sobre a cultura máis actual. Canda iso, a G2 compilará todos os programas culturais da TVG para emitilos en horario de serán, xunto con informativos, e series da galega (tanto de produción propia como As leis de Celavella ou allea como Dawson Creek), e filmes en versión orixinal con subtítulos en galego. A programación completarase as fins de semana con retransmisión deportivas e, posiblemente, a redifusión do programa En xogo.. Amplía a nova>>

25/09/2009
O Apóstolo chegará as carteleiras o 25 de xullo de 2010

Conta a historia dun preso que é recluído por uns seres estraños nunha vila do Camiño de Santiago logo de fugarse da cadea. Este é o argumento do Apóstolo, a primeira película de plastilina feita fotograma a fotograma (chámase a técnica stop-motion) e na que actores como Geraldine Chaplin, Luis Tosar, Pedro Alonso ou Paul Naschy prestaron as súas voces e as súas caras. Agora, a produtora Artefacto acaba de anunciar que o filme se estreará en Compostela o 17 de xullo de 2010, e que chegará as carteleiras no día o apóstolo (25 de xullo).. Amplía a nova>>

24/09/2009
O Festival de Cine de Ourense quere ser o foro no que se unifique o sector audiovisual

A 14 edición do Festival de Cine de Ourense pretende recuperar o espírito de lugar de encontro entre profesionais do sector audiovisual. Nesta ocasión, o obxectivo é servir de foro de debate sobre a unificación da estrutura administrativa para darlle pulo ao sector. Ademais, o encontro que se celebrará do 10 ao 14 de decembro, cambia a sede das súas actividades (que non o das oficinas) para o centro comercial Ponte Vella coa finalidade de implicar á cidadanía. As homenaxes a Blanco Amor, Eloy Lozano ou a retrospectiva de Norman Mac Laren son algúns dos pratos fortes dun encontro que conta con 200 películas na sección competitiva. Enrique Nicanor, director do Festival, advertiu que pode ser a última edición ao retirar a Xunta a súa convocatoria de axudas a festivais.. Amplía a nova>>

23/09/2009
O ICAA anuncia como novidade liñas de axuda ao sector audiovisual que xa existen en Galicia

Ignasi Guardans, director xeral do Instituto Nacional de Cinematografía (ICAA), presentou onte no Congreso (na comisión de Cultura) o borrador da Orde Ministerial que desenvolve a vixente Lei do Cine. Entre as novidades que detallou, figuraba a introducción de mecanismos correctores para incentivar a presenza de mulleres na dirección e produción dos proxectos audiovisuais. Unha figura que xa aparece na última convocatoria de axudas da Xunta de Galicia (a través de Agadic e baixo o mandato do bipartito), no que tamén apareceron as axudas automáticas a producións estreadas (entendida como comercial ou venda en televisións en aberto ou pechado) conforme a criterios obxectivos.. Amplía a nova>>

23/09/2009
O apagón analóxico comezará en Galicia en xaneiro de 2010

Seis meses despois do previsto, a Televisión Dixital Terrestre chegará a Galicia. O novo goberno ten previsto que o apagón analóxico comece en xaneiro de 2010 e se desenvolva ata o 3 de abril. Será entón cando se produza o cese das emisións analóxicas. Así o confirmou Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta, no marco dunhas xornadas organizadas pola Asociación para o Progreso da Dirección. Nela Cabaleiro afirmou que durante o bipartito “houbo falta de planificación, previsión orzamentaria, atraso nas licitacións e nas contratacións” que xustifican o atraso no cumprimento dos prazos previstos. Ademais, apuntou que traballarán para que a Axencia Española do Espectro Radioeléctrico estea en Galicia. . Amplía a nova>>

22/09/2009
Os empresarios galegos comparten cos vascos a caseta do Mipcom de Cannes

É o gran mercado internacional de contidos, unha cita ineludible para os empresarios do sector audiovisual. Por iso, do 5 ao 9 de outubro na localidade francesa de Cannes, unha delegación de 16 empresas galegas estará presente no Mipcom. Ademais, vaino facer nun espazo compartido co Basque Audiovisual que permitirá fortalecer os contactos e as vendas internacionais. O Mipcom celebra este ano o seu 25 aniversario cun programa de actividades que inclúe eventos e conferencias no que estará o creador dos Simpson ou o presidente de Hasbro.. Amplía a nova>>

22/09/2009
Vigo tómalle o pulso ao audiovisual cun festival de curtametraxes

“Había demanda por parte da xuventude de facilitarlles a entrada no mundo audiovisual” explicaba Iolanda Veloso, concelleira de Xuventude de Vigo. Unha cidade que non goza de grandes citas co audiovisual. Para atallalo, acaba de pórse en marcha Vigounhaedez un encontro que ofrece curtametraxes á unha e dez da noite. Proxeccións, obradoiros e encontros fan parte do programa que organiza o concello e a asociación cultural Abertal. A cita co audiovisual terá lugar ata o sábado, día no que se entregan os premios e haberá un concerto a cargo de Panta Rei e os Vacalouras.. Amplía a nova>>

22/09/2009
Dúas producións galegas compiten na sección oficial de Animadrid

É o festival de animación do Estado por excelencia, que pretende demostrar que este xénero non é só para os pequenos. Animadrid, o festival de Pozuelo de Alarcón, comeza en dous días (do 24 de setembro ao 2 de outubro) e onte deu a coñecer o programa oficial. Na sección internacional competitiva destacan dúas producións galegas O soldadiño de chumbo e A nena que tiña unha soa orella. Pero non son as únicas, xa que Pérez, o rato dos teus soños, O lince perdido e O espírito do bosque fan parte do Ciclo de Cine Familiar. Nesta edición, Arxentina é o país convidado e, ademais das proxeccións chegadas desde alí, haberá unha homenaxe a Walter Tournier e un repaso da animación do continente hispanoamericano (na sección Unha fiestra aberta: América do Sur).. Amplía a nova>>

18/09/2009
A película galega Estigmas participará na sección oficial da Seminci

Aínda non se publicou o programa completo da 54 Semana Internacional de Cine de Valladolid pero xa se deron a coñecer os títulos das cinco longametraxes españolas que participan na sección oficial. Entre elas destacas Estigmas, a adaptación cinematográfica da banda deseñada de Lorenzo Matoti, que conta o drama de Bruno, un rapaz ao que lle saen uns estigmas nas mans. Un filme diferente que pretende recuperar a estética da novela gráfica, rodando en branco e negro que sae da factoría de IB Cinema. . Amplía a nova>>

15/09/2009
A produción galega Gordos preseleccionada para os Óscar

A segunda película de Daniel Sánchez Arévalo, Gordos é un dos tres títulos para preseleccionados pola Academia Española de Cine para representar a España nos Óscar. O filme contou coa participación de Filmanova Invest, que achegou o 40% do orzamento total da produción, que ascende a tres millóns e medio de euros. A película, que conta a historia dun grupo de persoas con problemas de obesidade que acoden a un terapeuta especializado, chegou as carteleiras esta fin de semana e en dous días conseguiu facerse co cuarto posto do Box Office (398.000 euros e 61.000 espectadores). Mapa dos sons de Tokio de Isabel Coixet, o O baile da victoria de Fernando Trueba son os outros dous títulos que pasaron a primeira peneira. A definitiva, a que escolla a película que represente a España nos Óscars, saberase o vindeiro 29 de setembro.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org