18/03/2010
Un taller audiovisual abre o programa Creativa 2010
“O retrato filmado #02, o retrato memoria” é o nome co que se inicia Creativa 2010, o programa de creación transfronteiriza con base cultural no que traballa tanto Agadic como a Direccão Regional de Cultura do Norte. Esta primeira actividade intégrase dentro da programación de Play-DOC, o festival de documental de autor que se desenvolve estes días en Tui e supón tanto proxeccións (película colectiva
Ida e volta) como concertos (o grupo portugués La Batida). Outras iniciativas que se integran dentro de Creativa 2010 son o Festival de Cans (O Porriño), o I Foro Galego-Portugués de Clown e Novo Circo (A Estrada), a exposición Camiño Sonoro (Ourense), accións de danza en Pontevedra ou unha nova edición do foro empresarial sectorial como o que se desenvolveu no outono pasado en Vigo..
Amplía a nova>>
17/03/2010
Feijóo confirma os prazos da Cidade da Cultura para este Xacobeo
Tal e como estaba xa anunciada, neste ano 2010, abriranse a biblioteca, o arquivo e o edificio de servizos centrais da Cidade da Cultura. Así o corroborou onte no Parlamento o presidente, Alberto Núñez Feijóo, no marco do debate sobre o Estado da Autonomía. Unha primeira sesión na que non se fixo ningunha mención ao sector audiovisual (si á modificación da Lei da CRTVG que xa iniciou o seu traballo) malia que é declarado estratéxico por lei. Pola súa banda, na sesión de hoxe, o BNG solicitou a retirada do Decreto do Plurilingüismo alén de denunciar os descensos dos orzamentos de normalización lingüística (nun 20%) e políticas culturais (15%). Pola súa banda, os socialistas volveron demandar que se defina a política cultural dun departamento ao que cualificaron de “surrealista”. .
Amplía a nova>>
17/03/2010
Luís Tosar presenta Os Crebinsky, o seu último filme
Miguel de Lira, Sergio Zaerreta e Luis Tosar protagonizan
Os Crebinsky, unha produción integramente galega que se presentou oficialmente onte en Lugo. O proxecto, producido por Zircozine (produtora que teñen Tosar e Farruco) contará cunha estrea peculiar, xa que contará a proxección con actuacións en vivo da banda dos Crebinsky que intepretará a banda sonora da película e na que Tosar participará de xeito intermitente. Unha particular estratexia de promoción coa que pretenden “facer ruído”, en palabras de Tosar, para poder chamar a atención das distribuidoras e o filme poida verse en salas no outono..
Amplía a nova>>
17/03/2010
Clase de pilotos
O IES Audiovisual de Vigo é o ultimo centro educativo en materia audiovisual en saír á escena no noso país. E os alumnos do centro presentan hoxe dous capítulos piloto para series e ficción que poñen a disposición de produtores e televisións para o seu desenvolvemento.
A Clínica narra as aventuras dun grupo de científicos dirixidos polo estravagante Dr. Álvarez, mentres que
Os clocló é unha peculiar familia que ten a súa peculiar receita contra a crise: vivir a conta do resto. As dúas se0ries, das que te ofrecemos un adianto, son a carta de presentacion da nova fornada de creadores. .
Amplía a nova>>
17/03/2010
Historias do real
Son dúas das referencias do documental contemporáneo. Dunha banda, Jay Rosenblatt (Nova York, 1923), creador con estilo propio que ten unha capacidade particular para contar historias a través de imaxes de arquivo; da outra, Raymond Depardon (Villefranche-sur-Saône, 1942), fotógrafo membro da Axencia Magnum que chega ao documental na procura dun traballo directo, honesto que se vai convertendo máis plástico e estético co paso do tempo. Os dous estarán presentes na VI edición do Play Doc que arrinca hoxe en Tui..
Amplía a nova>>
16/03/2010
María Castro e Mario Casas participan na segunda Wikipeli
Malia que se chama Wikipeli, en realidade é unha curtametraxe. A segunda entrega do proxecto colaborativo patrocinado por Mahou estará dirixido por Jaume Balagueró (REC) e protagonizado polos actores galegos Mario Casas e María Castro. Agora, o casting para escoller aos co-directores que axudarán a elaborar os quince minutos do filme xa está en marcha. É o segundo proxecto destas características que pon en marcha a coñecida marcha de cervexas, o primeiro chamouse
Universos e estivo codirixido por Juan Cruz , José Corbacho e 3.257 internautas, e protagonizado por outro actor galego, Martín Rivas..
Amplía a nova>>
16/03/2010
Tosar gaña o seu segundo Fotogramas de Prata por Cela 211
Despois de ganar un Goya e o recoñecemento unánime de público e crítica por
Cela 211, Luis Tosar acaba de sumar un novo premio máis ao seu currículo. Trátase do segundo Fotograma de Plata que concede a popular revista. Amaia Salamanca (mellor actriz de cine), Sergi López (mellor actor de teatro), Concha Velasco (mellor actriz de teatro), Juan Diego (mellor acto de TV) e Adriana Ugarte (mellor actor de TV) completan o palmarés desta edición no que
Cela 211 foi recoñecida como mellor película española..
Amplía a nova>>
15/03/2010
O CGAI levará a súas actividades fóra da Coruña
“A filosofía é que se poidan ver en toda Galicia tanto actividades formativas como proxeccións” así de claro fala Guillermo Escrigas, director do Centro Galego de Artes da Imaxe, sobre descentralizar a actividade deste centro que ten a súa sede na Coruña. E a primeira localidade que acolla programación semanal (a intención é que haxa unha proxección á semana) é Santiago. Malia que aínda faltan moitos flocos por concretar, a cita terá lugar na facultade de Ciencias da Información. Despois virán Vigo, Pontevedra e outras cidades nas que se está buscar un espazo para poder facelo. Pero non serán exclusivamente proxeccións, xa que tamén se pretende desenvolver cursos formativos, como o que desenvolverán en Ferrol para conmemorar o centenario de Torrente Ballester que “foi guionista de moitos títulos” tal e como apuntou Escrigas..
Amplía a nova>>
15/03/2010
Curtocircuito adiántase a maio
Mesma estrutura, mesma programación e mesma calidade pero cinco meses antes. A Concellaría de Cultura de Santiago adianta ata maio (a semana oficial terá lugar do 23 ao 30) a celebración de Curtocircuíto. ¿A explicación? “Detectamos que existía unha saturación de actividades de cinema no mes no outono co Festival Amal e con Cineuropa e decidimos movelo no calendario” explican desde o gabinete de prensa. A sétima edición de curtocircuíto xa está en marcha co peche do prazo de recepción de candidaturas. Malia o adianto das datas que recurtaba os prazos, a organización recibiu 2.303 curtametraxes de países tan dispares como Azerbaiyán, Colombia, Xordania ou Filipinas, segundo figura no web oficial do certame..
Amplía a nova>>
12/03/2010
Cela 211 é a gran favorita dos premios Mestre Mateo
Quince candidaturas, entre elas a de mellor longametraxe, mellor dirección, mellor actor protagonista (Luis Tosar), doblete no de reparto (Carlos Bardem e Luis Zahera).
Cela 211 parte como favorita para os Mestre Mateo 09, os galardóns de cine e de televisión que concede a Academia Galega de Audiovisual. Séguenlle as series de Voz Audiovisual,
Matalobos e
Padre Casares con dez e nove candidaturas respectivamente. A longametraxe de Continental,
Galadas conta con oito candidaturas, entre as que destaca a de mellor película e a interpetación de Celso Bugallo. Nesta edición presentáronse 101 producións, un 30% menos que no ano anterior o que demostra o descenso da produción audiovisual. O presidente da Academia, Xosé Manuel Olveira “Pico”, asegurou que “se nota a crise, aínda que o sector das artes sempre está en crise”. Ademais, nos vindeiros días poñerase en marcha a semana do audiovisual galego para dar a coñecer as producións finalistas antes da gala que este ano terá lugar en Narón. .
Amplía a nova>>