25/02/2010
Uns galegos prodixiosos
Quedar segundos nun certame internacional para elaborar o vindeiro video do célebre grupo The Prodigy, ten mérito. E aínda máis en sabendo que o produto se elaborou en apenas tres semanas, e que os seus responsables son un grupo de animadores en paro. A dixerir o éxito desta iniciativa, o colectivo Omnivorous Tree ultima os seus plans para se constituír como empresa e continuar o seu traballo na animación aproveitando as últimas novidades tecnolóxicas. Un dos membros, Ruben López Ares, explícanos polo miúdo esta iniciativa..
Amplía a nova>>
22/02/2010
Play Doc repasará a carreira de Raymond Depardon e de Jay Rosenblatt
A cita co cine documental xa quenta motores. A sexta edición de Play Doc arrincará o vindeiro 17 de marzo. Por diante quedan cinco días que exhibirán 31 filmes e nos que se poderá ver a retrospectiva do francés Raymond Depardon e do norteamericano Jay Rosenblatt. Os organizadores do certame continuarán potenciando as actividades paralelas do encontro e nesta ocasión tanto Antón Lamazares coma o escultor Manolo Paz encherán o apartado expositivo. Ademais, haberá concertos en directo dos norteamericanos The Spinto Band ou os angolanos Batida, que compartiran espazo cos creadores de La Blogotheque, unha das propostas audiovisuais máis interesantes que se poden atopar actualmente na rede..
Amplía a nova>>
22/02/2010
A renovación do Consorcio Audiovisual de Galicia chegará en marzo
Xa se sabía que sería o Consorcio Audiovisual de Galicia o organismo encargado de asumir as competencias en materia audiovisual (as que estaban na Axencia Galega das Industrias Culturais e as da Secretaría Xeral de Medios) o que non se sabía era cando se faría patente o novo modelo e como se fará. Tal e como avanzou Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios na presentación do filme
Mar Libre, a modificación do decreto que regula a este organismo, será aprobado polo consello da Xunta este xoves. Trátase do primeiro paso necesario para o novo modelo para xestionar o sector audiovisual que concretará despois como e de que maneira de xestionarán as políticas públicas neste sector. Despois da aprobación e publicación do decreto que regula o Consorcio, reuniranse o smembros para aprobar os estatutos e nomear o seu director. .
Amplía a nova>>
19/02/2010
Os documentais e as películas copan a convocatoria do plan de apoio da TVG
Esta semana concluíu o primeiro dos tres prazos establecidos pola CRTVG no marco do seu Plan de Apoio e Potenciación da Producción Cinematográfica e Audiovisual Galega para este 2010. En total presentáronse 86 proxectos (35 documentais, 24 producións cinematográficas e 13 tv-movies) e será en marzo cando se resolva a cales desas propostas se executa a precompra de determinados dereitos de explotación ou de emisión, así como de desenvolvemento. Os outros dous prazos que faltan para a presentación de proxectos rematna en maio e outubro..
Amplía a nova>>
18/02/2010
Os filmes do Festival Amal esténdense a todo o ano a través dun ciclo gratuito
Nin a disculpa do horario nin da crise. O festival Amal quere combater tópicos con
As lúas de Amal un ciclo de cinema de temática árabe que será gratuíto e terá lugar todos os luns ás 22:00 horas no Salón de actos do Hotel Meliá Araguaney. Deste xeito o festival de Cine Amal sae fóra do que é a súa semana oficial en outubro e esténdese ao resto do ano. O ciclo inclúe outra novidade, xa que serán os espectadores os que poderán escoller o título a través da rede. Ademais desta iniciativa, o director do festival, Ghaleb Jaber Martínez, anunciou o proxecto
As mostras de Amal co que pon a disposición de xestores e programadores culturais un catálogo de películas (longametraxes, curtametraxes, documentais....) cos que organizar ciclos de cinema árabe. Todos os títulos poderanse consultar en Internet e poderanse exhibir de xeito gratuito sempre e cando sexa con fins non lucrativos..
Amplía a nova>>
18/02/2010
Amores soñados
Marisa Paredes, Irene Visedo, Eduard Fernandez son algúns dos actores protagonsitas de
Amores tolos a última película de Mabuel Beda Docampo (Vigo, 1948). O filme, que chega mañá ás carteleiras, conta a historia de Xulia, unha traballadora do Museo do Prado quen pensa que ela máis Henrique, un psiquiatra que visita, son as reencarnacións de dúas personaxes que están retratadas nun cadro do Museo do Prado. Docampo, que desenvolveu parte da súa carreira en Arxentina, é director de películas como
Quéreme ou
Ollos que non ven.
.
Amplía a nova>>
17/02/2010
Un equipo galego queda segundo nun concurso de videoclips de The Prodigy
Run with the Wolves (Correndo cos lobos) é o título dunha das últimas cancións do coñecido grupo The Prodigy. Pero tamén o tema para o que había que facer un videoclip mediante o concurso que a formación británica convocou pola rede. De máis de trescentas propostas, o clip enviado por Omnivorous Tree (unha entidade creada por cinco ex empregados de Dygra, María Lodeiro, David Martín,Tamara Meiras, Sara Cueto e Rubén López Ares) quedou en segundo lugar nas votacións do público. Finalmente non foi elixido pola formación para ilustrar a súa canción pero serviu de carta de presentación para este prometedor equipo..
Amplía a nova>>
16/02/2010
Arrinca a IX edición de Mundos Dixitais abrindo o certame de animación
É a gran cita da animación dixital entendo por tal, efectos especiais, videoxogos, arquitectura dixital e animación, no concepto máis tradicional. A novena edición de Mundos Dixitais, que se desenvovlerá do 7 ao 10 de xullo na Coruña, acaba de arrincar. E fíxoo coa apertura do prazo de recepción de traballos para o certame de animación e que distinguirá os mellores traballos neste xénero (mellor curtametraxe de animación, mellor curta española máis os premios especiais do público e do xurado)..
Amplía a nova>>
15/02/2010
Oitavo grao
“Hoxe é un día grande para Galicia” asegurou Enma Lustres, produtora de
Cela 211, cando subiu a recoller o Goya a mellor película a mans de Pedro Almodóvar, no que foi o reencontrodo do manchego coa Academia. Puña fin así a unha noite na que a coprodución galega foi a gran gañadora da gala con oito estatuíñas. Entre elas a de mellor dirección, mellor actriz de reparto (Marta Etura), mellor guión adaptado e mellor montaxe. Luís Tosar fíxose co premio a mellor actor protagonista co que suma xa tres Goyas na súa carreira. A gala, presentada por Andreu Buenafuente, tamén tivo un recordo para os profesionais do sector finados recentemente, entre eles, Jose Luis Cabo, Eloy Lozano ou Andrés Pazos. .
Amplía a nova>>
12/02/2010
O Consorcio Audiovisual abre o prazo de inscrición dos seus monográficos audiovisuais
Profesionais, xornalistas e estudantes relacionados co sector audiovisual poden preinscribirse nos cursos monográficos de inglés que organiza o Consorcio Audiovisual en colaboración con tres delegación da Escola Oficial de Idiomas. O prazo estará aberto desde hoxe ata o vindeiro 19 de febreiro e pode facerse no Consorcio Audiovisual mediante fax e correo electrónico..
Amplía a nova>>