Novas | 2511 a 2520 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

11/02/2010
A Xunta adía a reforma da lei da CRTVG para o final da lexislatura

A lei de Comunicación e de Publicidade Institucional será a primeira do paquete de reformas do ámbito administrativo e xurídico que a Xunta prepara para o sector audiovisual. Así o comunicou o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, no Parlamento ao tempo que deixou claro que a tan anunciada reforma da CRTVG quedará para a segunda metade da lexislatura e que irá paralela a outra nova lei para o audiovisual galego. A lei da CRTVG concretará, tal e como anunciara Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, hai uns meses “todas as dúbidas sobre o tipo de apoio do ente publico a series e programas, ás producións independentes e cultura, e como se seguirá o cumprimento do 5% da produción audiovisual”.. Amplía a nova>>

09/02/2010
O Festival de Cine de Ourense estende a súa programación ao resto do ano

En marzo celebrará o Día Intenracional da Muller con películas desta temática; colaborará co Cine Clube Padre Feijoo e na festas de Ourense fará proxeccións ao aire libre. O Festival de Cine de Ourense estende así as súas actividades fóra da súa semana oficial, que este ano se celebra do 1 ao 9 de outubro. O encontro ten un significado especial neste 2010, xa que cumpre 15 anos. A efeméride celebrarase cunha retrospectiva aos filmes que pasaron por este festival nestas datas e que será paralelo á sección competitiva (que repartirá 65.000 euros en premios). A inscrición para participar nesta edición xa está aberta e pódese facer a través da web.. Amplía a nova>>

08/02/2010
AGADIC volve convocar as axudas ao sector audiovisual por importe de 7.1 millóns de euros

Mentres continúa sen se aclarar o organigrama administrativo que afecta ao sector audiovisual, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) convocará, por segundo ano consecutivo, as axudas para este sector. En total destinará 7.1 millóns de euros (280.000 euros máis que no 2009) a producir, desenvolver e amortizar os custos de producións de traballos audiovisuais. Malia que a convocatoria sairá publicada no DOG nos vindeiros días, desde Agadic aseguran que se seguirá na mesma liña do ano anterior (axudas automáticas, primas para directores noveis e para mulleres). Entre as novidades para este ano destaca que as series de animación se inclúen dentro das subvencións a producións ou coproducións audiovisuais. . Amplía a nova>>

05/02/2010
O ICAA convoca as axudas para o sector audiovisual por 83 millóns de euros

Despois do polémico bloqueo da Comisión Europea e da protesta de numerosos cineastas contra a orde ministerial que regulaba a Lei do Cine (e, polo tanto, as subvencións para o 2010) o BOE publicaba onte once liñas de axudas para este sector En total destinaránse 83 millóns de euros á produción de curtametraxes, realización de festivais, distribución de longametraxes, curtas e documentais españoles, comunitarios e iberoamericanos, entre outros conceptos. . Amplía a nova>>

03/02/2010
A rede acolle o primeiro documental colaborativo sobre o galego

Pequenas pezas nos que persoas do máis diverso explican a súa experiencia coa nosa lingua. Esta é a proposta que realiza a empresa A Navalla Suíza con Eufalo.tv, o primeiro documental colaborativo feito sobre o galego. Para alén dos videos que realizan os propios promotores, calquera persoa pode facer as súas achegas a este proxecto, conformando un fresco da realidade lingüística a pé de rúa. "Contamos coa túa colaboración para, entre todos, irlle poñendo caras ao Mapa Sociolingüístico de Galicia", aseguran desde o proxecto. Os responsables da iniciativa preséntannola no primeiro screencast de culturagalega.org. Recomendámosche velo a pantalla completa.. Amplía a nova>>

03/02/2010
Implantadas con normalidade dúas das tres fases da TDT

Era o gran handicap do ano, converter a migración do sistema analóxico a dixital da televisión. Dúas das tres fases nas que estaba previsto acometer o cambio (popularizado no “apagón analóxico”) desenvolvéronse con normalidade e o vindeiro 3 de abril, data de cesamento das emisións para todos os países da Unión Europea, o 98% estará cuberto. Con todo, existen segundo a Xunta de Galicia, un 2% da poboación que quedaron sen televisión por estar en zonas chamadas “de sombra”. Para eses habitantes a Xunta financiará instalación por satélite, moito máis custosa, e que se acometerá no mes de abril. Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, acudiu ao Parlamento a explicar o procedemento de implantación da TDT que, na súa opinión, “está sendo mellor que a planificada”.. Amplía a nova>>

03/02/2010
CTV cumpre 25 anos dedicados á produción audiovisual

É a factoría da que saíron algúns dos programas máis célebres da Televisión de Galicia, como Pratos Combinados, Supermartes ou A noite meiga, o primeiro concurso emitido en prime time nesta cadea. CTV cumpre agora 25 anos de traballo dedicado ao sector audiovisual. Desde a súa creación, seis meses antes que nacera a mesma TVG, CTV contou tamén cunha escola, e un varios pratós de cine nos que se gravaron (e gravan) algúns dos programas máis populares dos que emite a cadea pública, como Luar.. Amplía a nova>>

02/02/2010
Auga fría de mar chega a Rotterdam logo de conseguir premios noutros festivais

Foi premiada no laboratorio cinematográfico do Festival de Torino, no de cine independente de Bos Aires e agora chega a Rotterdam. Auga fría de mar é unha coprodución galego-costarricense que conta a historia dunha parella que atpa a unha nena de sete anos (Karina) cando acode á costa do pacífico a vender a súa casa. É a primeira película de ficción que leva acabo a produtora galega Tic-Tac, que está nestes momentos a ultimar a película de Jorge Coira 18 comidas.. Amplía a nova>>

01/02/2010
Os directores galegos propoñen crear un programa de cine galego na TVG

Son malos tempos para a distribución de películas. Por iso, os directores e realizadores galegos propoñen crear unha rede ou circuíto de exhibición de cine galego e propor a creación dun programa de “Versión Galega” na televisión de Galicia. Son só algunhas propostas do plan de traballo que desenvolverá a nova xunta directiva de CREA, entidade que agrupa a directores e realizadores, elixida o pasado venres nunha xuntanza. Ángel de a Cruz (O bosque animado ou Os mortos van ás présas) substitúe no cargo a Xabier Bermúdez e contará no seu equipo con Héctor Carré (Dáme Lume, Dáme algo) e Jorge Coira (O ano da carracha), entre outros. . Amplía a nova>>

28/01/2010
Vedra acollerá obradoiros, proxeccións e conferencias sobre o audiovisual

María Bouzas, Juan Pablo Etxeberry, Alfonso Zarauza... son algúns dos profesionais que impartirán os diferentes cursos da III edición do Laboratorio Audiovisual de Vedra. Un encontro que contará con obradoiros, proxeccións (a nivel avanzado, iniciación e para alumnos de Secundaria) e conferencias sobre o sector audiovisual. O programa, cuxo prazo de inscrición xa está aberto, foi organizado pola Asociación Cultural Sen un peso e desenvolveranse na segunda quincena de febreiro.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org