30/04/2010
A Xunta avala a Dygra Films para rescatala da súa crise
Na reunión do goberno galego que se celebra cada xoves, acordouse concerder un aval de 1.5 millóns de euros á empresa coruñesa Dygra Films S.L para que garanta un préstamo de tres millóns. En todo caso, a Xunta asegurou que este aval substitúe a outro da mesma contía que xa concedeu o IGAPE, Instituto Galego de Promoción Económica, e prorroga así por dous anos o prazo do préstamo..
Amplía a nova>>
29/04/2010
Morre o actor Tuto Vázquez
Despois dunha longa enfermidade, hoxe faleceu o actor Tuto Vázquez. Nado en Ribeira, este licenciado en arte dramática, tiña unha ampla experiencia en cine, radio e dobraxe. Malia que comezou a súa carreira profesional no teatro, desenvolveu a maior parte da súa traxectoria na televisión, onde foi o popular Ramón Couto de
Mareas Vivas. O seu último traballo foi
Padre Casares onde interpretou a Don Crisanto na primeira temporada, ata que a enfermidade lle impediu continuar e foi substituído por Gonzalo Rey Chao. Na súa filmografía figuran as películas
Camiño de Santiago: A Orixe (2004),
O lapis do carpinteiro (2002),
Blanca Madison (2000), e ademais das series citadas,
Avenida de América (2001)e
Pratos combinados(1995)..
Amplía a nova>>
29/04/2010
Unha sesión analiza as novas formas de explotación das salas de cine
Houbo un tempo no que as salas de cine eran só espazos para a proxección de películas. Agora, xa se poden ver óperas e retransmisións deportivas. ¿É este o futuro das salas? As respostas a esta pregunta están na conferencia que mañá pronunciará Ángela Álvarez Rilla, produtora executiva e responsable do programa audiovisual do Teatro Real de Madrid baixo o título
As salas de cine e espacios públicos como pantallas de acontecimentos en directo: unha nova forma de explotación comercial para o sector audiovisual?. Con esta cita ábrese unha nova edición do Curso de Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais que desenvolve o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) en colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia e o Instituto de Comercio Exterior. A cita é de balde e está aberta a profesionais e interesados na materia..
Amplía a nova>>
27/04/2010
O elixido e A nena que tiña unha soa orella gañan o festival de curtas de Sada
Interpretado por Sonia Castelo, Antonio Mourelos e baseado na obra teatral “Un conto de Nadal” de Raúl Dans é o traballo gañador da III edición do Festival Galego de Curtas, que organiza o concello de Sada. O premiado traballo
A nena que tiña unha soa orella de Álvaro León sumou un novo galardón ao seu palmaré ao ganar na categoría de animación. Pola súa banda, o público recoñeceuo traballo
Instalación de José Díaz. .
Amplía a nova>>
26/04/2010
The End gaña o premio do xurado do Festival de Redondela
O Festival de Redondela dáselle ben a Eduardo Chapero-Jackson que volveu repetir o éxito acadado na edición anterior, ao gañar o premio do xurado polo seu traballo
The End, unha curta de case media hora de duración. As preferencias do público, dotado con 500 euros máis trofeo, inclináronse a favor de
A historia de sempre por José Luis Montesinos. Malia a reducción de sesións, o certame contou cunha boa acollida de público e a organización estima de 2.000 persoas acudiron a algunha das sesións do certame. .
Amplía a nova>>
26/04/2010
Bota a andar o remodelado Consorcio Audiovisual de Galicia
Co conselleiro de Cultura, Roberto Varela, como presidente e co Secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, como vicepresidente do Consorcio Audiovisual de Galicia ponse fin a unha das polémicas do bipartido pola división de competencias nesta materia. O novo consorcio mantén na súa composición a administración autonómica (como novidade, incorpórase a consellaría de Traballo) e a local, a través das deputacións, e buscará a implicación do sector a través das “comisións asesoras”. A nova etapa do Consorcio botou a andar hoxe coa aprobación dos novos estatutos e o nomeamento de Anxo Quintanilla como director-xerente. Un nomeamento que chega, como o propio Cabaleiro asegurou, “escoitado o sector”. .
Amplía a nova>>
23/04/2010
O programa Media concede unha axuda ao desenvolvemento do documental Querida Gina
Cincuenta anos despois de que dous amigos de Cans (Pontevedra) actuaran de extras nunha película protagonizada por Gina Lollobrigida
Salomón y la reina de Saba mentres facían o servizo militar, deciden revisitar as lugares da rodaxe. Esa viaxe, que tamén os leva a Italia a coñecer a Gina Lollobrigida, servirá a Susana Sotelo para filmar un documental (
Querida Gina) que contará o inicio da época do chamado Hollywood Español. O documental, producido por Artemática, acaba de recibir unha axuda a desenvolvemento do Programa Media e está en fase de busca de financiamento. .
Amplía a nova>>
23/04/2010
Documenta Madrid selecciona un documental galego na súa sección competitiva
É unha das grandes citas co documental en toda España, chámase Documenta Madrid e no seu programa só hai un título galego. Chámase
American Greyhounds e dá voz aos usuarios desta liña de autobuses de Estados Unido para preguntarlles sobre o soño americano. Moncho Fernández, Mario Arangures e Héctor Muniente son os tres autores deste traballo que foi selecionado na categoría competitiva de entre máis de mil traballos. A cita terá lugar en Madrid do 7 ao 16 de maio. .
Amplía a nova>>
23/04/2010
Convocadas as axudas a promoción do talento audiovisual galego
É a liña de subvencións destinadas a facer que agromen novos creadores audiovisuais en Galicia, así como promover o uso de novas estéticas narrativas ou experimentais. Hoxe sae no DOG unha nova convocatoria desta liña de axudas para a escrita individual de guións, a realización de curtametraxes dixitais e/ou experimentais, así como longametraxes dixitais. Os particulares pódense presentar a esta liña de axudas que ten un orzamento de 300.000 euros..
Amplía a nova>>
22/04/2010
Comeza hoxe en Redondela a sexta edición do seu festival de curtametraxes
Coa presenza de Xavier Deive e Fernando Morán, actores da serie
Matalobos, máis a actuación do grupo Beatus Ille arrinca esta noite en Redondela a sexta edición do seu festival de curtametraxes. Un encontro que conta con 16 finalistas que optan ao premio do xurado (dotado con 1.000 euros) e do público (500 euros). Este ano a cita redúcese a catro días e os organizadores alertaron do descenso de traballos galegos presentados nesta edición..
Amplía a nova>>