Novas | 2351 a 2360 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

23/12/2010
Andrés Barbé substitúe a Antón Reixa á fronte do Clúster Audiovisual Galego

O pasado mes de xullo Antón Reixa manifestou a súa intención de deixar o seu posto á fronte do Clúster do Audiovisual Galego antes de que rematase o seu mandato. A súa saída estaba vencellada á busca dun plan de viabilidade que permitise sanear a situación económica da entidade que se solucionou coa sinatura dun convenio co IGAPE e un plan de viablidade a cinco anos. Este martes, no marco dunha asamblea extraordinaria, formalizouse a súa saída na que Reixa deixou o sitio ao produtor Andrés Barbé. O novo presidente considera prioritario investir en investigación e desenvolvemento (no marco da Plataforma Tecnolóxica I+dea) e no plan de internacionalización. . Amplía a nova>>

21/12/2010
Estrelas de Hollywood como Gary Oldman ou Andy García dobrarán ao inglés O Apóstolo

Fixeron unha estrea multitudinaria en xullo deste 2010, por coincidir co Ano Santo, pero o filme de animación O Apóstolo, non chegará a carteleira ata mediados de 2011. Será entre marzo e maio, previa participación nun festival internacional para o que están a preparar a súa versión internacional. Gary Oldman, John Goodman e Andy García dobrarán as personaxes de animación que na versión galega conta con Luis Tosar, Carlos Blanco ou Celso Bugallo. Ademais, a versión inglesa da canción correrá a cargo de Roger Daltrey, de The Who. A produtora santiaguesa asinou un contrato coa distribuidora internacional Shoreline. . Amplía a nova>>

20/12/2010
Aparece en Rusia unha nova versión do filme Galicia

Galicia, unha das obras míticas da filmografía galega, codirixida por Carlos Velo e Fernando Gutiérrez en 1936, ten unha nova versión. O Centro Galego das Artes da Imaxe, CGAI, recibiu hai dez días unha copia deste filme procedente da Facultade de Medios Tecnotrónicos da Universidade de Humanidades de Rusia. A mesma presenta unha nova montaxe do filme, dezaseis minutos máis longa que a coñecida, aínda que carece de son. Guillermo Escrigas, director do CGAI recoñeceu a importancia do achado e sinalou que os técnicos do centro traballan para avaliar a importancia do achado, que abre novos interrogantes sobre a traxectoria de Velo.. Amplía a nova>>

16/12/2010
O festival de cine de Ourense contará cun equipo asesor trala destitución de Enrique Nicanor

A figura de director-xerente desaparece do organigrama do Festival de Cine de Ourense. Ou a lo menos esa é a intención do Consorcio que mantén esta entidade (presidida por Isabel Pérez, concelleira de Cultura e integrado polo Concello e a Deputación), en prol dun equipo asesor que dirixirá e organizará todo o encontro. Antes de que rematase o seu contrato, Nicanor foi destituido do seu posto pero espérase que sigua vencellado ao festival como “asesor”. Con todo, o equipo segue a traballar na redacción das bases da vindeira edición que sairán publicadas a principios de 2011.. Amplía a nova>>

15/12/2010
Un conto e unha aplicación para dispositivos mobiles completan a curtametraxe do O soldadiño de chumbo

Comezou sendo unha curtametraxe de animación, pero o O soldadiño de chumbo acaba de sacar múltiples caras: un texto ilustrado, e unha aplicación para iPad. Este proxecto inaugura a colección Contos de Cinema que mantén a editorial Galaxia para sacara álbumes ilustrados que inclúen curtametraxes coas historias. O proxecto é o resultado da colaboración entre Galaxia (que edita o libro), Continental Producciones (que fai o desenvolvemento para iPad e dispositivos móbiles da historia) e, neste caso de Algarabía que foron os que fixeron a curtametraxes de animación en plastilina. . Amplía a nova>>

15/12/2010
Preséntase Caracois, a serie de animación para público infantil de OQO filmes

Son 26 capítulos realizados coa técnica stop motion e en galego que narra o universo dos pequenos visto polos ollos duns animaliños de xardín. A serie chámase Caracois e leva ao mundo audiovisual os cinco álbumes de NanOQOs, a colección que a editora ten para os prelectores. O proxecto presentouse no Museo de Lugo, porque a área de cultura da Deputación lucense participa economicamente nesta iniciativa (100.000 euros) que pretende falar da amizade, dos medos, do enfado, do amor e das relacións. O proxecto está pensado para nenos de 2 a 4 anos e a deputación espera que distribúa entre todos os colexios de Primaria de Galicia e chegar a un acordo coa TVG para a súa difusión.. Amplía a nova>>

15/12/2010
O cine muda de pel

“Hai catro anos, unha película como Cela 211 vendería aproximadamente 200.000 copias en DVD, pero como vivimos noutro contexto as cifras foron, a día de hoxe dunhas 40.000 unidades”. Con todo, Borja Pena produtor do que foi o filme do ano en 2009, está máis que satisfeito cos resultados, pero recoñece que a ventá de explotación deste formato atravesa horas baixas. ¿As causas? Os produtores consultados téñeno moi claro á hora de apuntar nunha única dirección: a piratería.. Amplía a nova>>

14/12/2010
Os obradoiros de audiovisual de Vedra incorporan este ano a realización de videoclips

Foi premio MTV e MTV latino en 2006 e candidato aos Grammys latinos en dúas ocasións. Pedro Castro é a gran aposta do LAV Vedra, o obradoiro de produción audiovisual que organiza desde hai catro anos a Asociación Sen Un Peso desta localidade coruñesa. Cursos de produción audiovisual, caracterización, after effects, time lapse, correción de cor, 3D e fotografía cinematográfica para actores conforman a oferta que impartirán profesionais recoñecidos como Alfonso Zarauza, Marcos Nine, Alfonso Parra, Juan Pablo Etcheberry, Nathan Carter ou Jordi Molina. A cita terá lugar as segunda e a terceira fin de semana de febreiro de 2011 e o prazo de matrícula está aberto ata o 31 de xaneiro. Completa o cartel formativo, unha mostra audiovisual e unha serie de conferencias.. Amplía a nova>>

13/12/2010
A 24 edición de Cineuropa incrementou o número de espectadores por función

O balance desta edición de Cineuropa foi máis que positivo. O encontro reuniu a 31.874 espectadores, o que, tendo en conta que durou 6 días menos que o ano anterior, supón un incremento de espectadores. Ademais, a película gañadora (o galardón consiste en 6.000 euros), In a better world, obtivo unha puntuación máis elevada da sección oficial que nas últimas edicións, ao obter un 8.5. Fóra de competición, Bicicleta, cullera, poma, a película sobre o expresidente da Generalitat, foi a película máis votada de todo o certame, cun 8.7, mentres que Poetry venceu na sección Mundo Asia (cun 7.8), e Happythankyoumoreplease no Panorama Internacional.. Amplía a nova>>

10/12/2010
Economía crea unha liña de axudas ao sector audiovisual por dez millóns de euros

Co obxectivo de solventar as dificultades financeiras das empresas do sector audiovisual, o IGAPE acaba de publicar no DOG unha liña de axudas para esta área. A convocatoria pon en marcha unha liña de financiamento que subsidia os gastos financeiros e as comisións dos avais que presten as sociedades de garantía recíproca. Destina a este fin 10 millóns de euros (en tres anualidades) e o prazo de presentación a estas axudas (que non teñen concorrencia competitiva) está aberto ata o 30 de xuño de 2011.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org