O cine muda de pel

O DVD deixa de ser unha vía rendible de ingreso das producións cinematográficas

“Hai catro anos, unha película como Cela 211 vendería aproximadamente 200.000 copias en DVD, pero como vivimos noutro contexto as cifras foron, a día de hoxe dunhas 40.000 unidades”. Con todo, Borja Pena produtor do que foi o filme do ano en 2009, está máis que satisfeito cos resultados, pero recoñece que a ventá de explotación deste formato atravesa horas baixas. ¿As causas? Os produtores consultados téñeno moi claro á hora de apuntar nunha única dirección: a piratería.

Pancho Casal, responsable de Continental Producciones, empresa da que saíron títulos como Unha muller invisible ou Sei quen és é claro ao afirmar que “o DVD é unha ventá residual, sobre todo en España, polo fenómeno da piratería”. Borja Pena, de Vaca Films, vai un pouco máis alá ao poñerlle unha cifra concreta de descenso do mercado “reduciuse nun 75%” asegura. Desde Filmanova, a produtora dirixida por Antón Reixa, asegura que “o DVD se mantén como ventá de explotación, aínda que as expectativas de ingresos son moi inferiores por mor dos cambios de hábito de consumidores”. E poñen un exemplo vivido en carne propia “no ano 2004, coa primeira película de Jorge Coira, O ano da carracha, conseguiu máis ingresos por DVD que no despacho de billetes”. Unha situación impensable para as produtoras día de hoxe nas que, segundo Casal, “a facturación dunha película de traxectoria media baixou en 5 anos de 250.000 euros a 25.000”. Isto pode ser o que explique o escaso número de producións audiovisuais galegas que se editaron no último bienio. Segundo unha análise elaborada por Culturagalega.org, nestes últimos anos editarónse menos dunha vintena de producións audiovisuais en DVD con audio ou subtítulos en galego.

O DVD e a distribución
“A pesar de ser unha ventá residual séguense sacando todas as películas en DVD, non a produción televisiva” asegura Pancho Casal. É que unha vez feito o produto audiovisual, o custo de editalo en DVD é relativamente baixo tal e como confirma Borja Pena. Agora ben, a estratexia pode variar en función dos contratos coa distribuidora, do xénero e mesmo do formato (se é DVD tradicional ou un de alta calidade como o Blu Ray). Cani Martínez, de Filmanova, explica que “as películas que chegan a salas adoitan a estar en DVD e dependen dos contratos coas distribuidoras que os levaron ao cinema. En televisión a tendencia é a explotar exclusivamente os produtos de éxito, aínda que nós temos unha experiencia curiosa con Diario dun Skin, a tvmovie producida para Telecinco que se explotou en DVD pola propia canle antes mesmo da emisión”. O caso de Vaca Films pode servir de exemplo claro das diferentes maneiras de proceder ante un DVD. Cela 211 tivo un contrato de distribución en salas de cine con Paramount que é a responsable da súa edición posterior en DVD que se pode mercar en todas as grandes superficies comerciais. “Negociamos dúas edicións especiais e unha de quiosco que nos propuxeron eles pero que logo nós fabricamos cunha campaña de mercadotecnia particular” explica Pena. Un modelo ben diferente é Retornos, ópera prima de Antón Avilés que foi distribuída por Vértigo para salas de cine e que contempla unha estratexia de DVD distinta: menos copias en salas, menor tiraxe en DVD. Diferente tamén é a evolución que está a facer Xamalú Films, que edita toda a súa produción en DVD Xabier Bermúdez, explica que alén desa vía, buscaron estratexias de distribución pensadas para o tipo de produto. “Memorias rotas (documental que conta a represión da Guerra Civil en Galicia con entrevistas, reconstruccións e ficcións) foi pensado para a explotación local en Galicia, a través dun periódico e en diferentes librarías e funcionou moi ben” apunta Bermúdez. O caso de Xamalú é particularme interesante posto que todos os seus traballos se poden mercar directamente a través do propio sitio web da empresa. “non reporta grandes beneficios pero é unha vía aberta de cara ao público”. Bermúdez indica que lle gustaría poder ter un sistema de streaming, no que se poderían comprar visionados “máis acorde cos novos hábitos de consumo dos espectadores e, aínda que xa existen outros portais, a nós gustaríamos telo a través do noso web”. Bermúdez apunta tamén a necesidade de que existira un gran portal do audiovisual galego no que se pudieran visionar (en alta calidade, de pagamento e en streaming). “Houbo varias propostas no Clúster e no Agapi, pero aínda non acabou por concretarse e precisamos desenvolver tecnoloxicamente unha plataforma galega” apunta Bermúdez. Algo no que discrepa Borja Pena de Vaca Films ao afirmar “a venda en Internet nunca funcionará ata que non se remate coa piratería. Nunca será capaz de montar un modelo de negocio porque o usuario igual que fai un clic e ve a película por 2 euros, fai clic noutro sitio e pode vela gratis. Así é imposible”. Con todo, existen modelos de negocio de producións audiovisuais na rede con desigual fortuna.

A descarga ou en streaming
A día de hoxe, poden verse algunhas producións galegas en tendas virtuais como Filmin, Netflix, Filmotech… hai moitas máis. Algunhas produtoras como Continental Producciones contemplan “estar en todas elas de maneira non exclusiva porque é como estar nunha tenda” afirma Pancho Casal para quen “mentras non se poña couto ás webs de piratería non hai nada que facer”. Borja Pena, de Vaca Films considera que “o goberno, máis que apoiar plataformas e diferentes iniciativas o que teñen é que prohibir a piratería e, unha vez que se consiga, poderanse desenvolver iniciativas, mentres tanto serán tirar os cartos”.