Novas | 2361 a 2370 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

09/12/2010
A curta de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, preseleccionada para os Óscar

Conta a historia da pequena Dinki, que vai camiño da escola cando acontece un terrible accidente laboral. O destino dela pasa a estar en mans do seu amigo Birdboy, un rapaz introvertido que se agacha no monte abandonado ás súas fantasías. Este traballo recibiu numerosos galardóns, entre eles o de animación do Festival de Foyle (Derry, Irlanda 2010), que lle permite pasar a primeira peneira dos Óscar. Será o vindeiro 25 de xaneiro cando coñezamos cales son os finalistas duns premios que se entregan o 27 de febreiro. . Amplía a nova>>

09/12/2010
Vinte centros da comarca de Ferrol participan nun ciclo que exhibirá filmes en galego

De animación a thrillers pasando por dramas, todos co denominador común de estar en galego. Este é obxectivo de “En galego de película” o programa dos equipos de normalización lingüística do concello de Ferrol que celebra desde a vindeira semana unha nova entrega. Nesta ocasión O espírito do bosque, Pinocho, Cargo ou Concursante son os títulos que poderán ver os alumnos dunha vintena de centros da comarca ferrolá.. Amplía a nova>>

02/12/2010
Play Doc apoia os novos creadores cun programa formativo para rematar os seus proxectos

Do 6 ao 19 de decembro a casa rural O Remesal de Tui converterase nun improvisado centro de creación de documentais. É o escenario no que terá lugar o Docs in Progress, un programa formativo ao abeiro do festival Play DOC para apoiar a novos creadores. Oito realizadores (Yrsa Roca de Islandia, Mariana Viñoles de Uruguai, Alejandra Grinschpun e Fernando Boto de Arxentina, Thais Taverna de Brasil, Nina Bendzko de Alemaña e Víctor Hugo Seoane e Pela del Álamo de Galicia) participarán neste encontro que pretende servir para rematar o seu documental co apoio de Marta Andreu, produtora e coordinadora do Master en documental de creación da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Ademais da estadía e as clases, cada seleccionado no proxecto recibirá unha bolsa de axuda de 1.000€. . Amplía a nova>>

02/12/2010
As series chegan aos videoxogos galegos

Unha aventura gráfica en galego, ambientada nun futuro que é menos idílico do que semella. Esta é a aposta que está a facer a firma Gato Salvaje Estudio con AR-K, un videoxogo que van pór á venda cun orixinal sistema de capítulos. Polo momento, está xa dispoñible un vídeo coa introdución do produto e a posibilidade de ir reservando a primeira entrega, Sexo, mentiras y trabajos de clase. Sergio Prieto, un dos responsables deste proxecto, explícanos polo miúdo esta iniciativa. . Amplía a nova>>

01/12/2010
Televisión de Galicia suprime os informativos locais

Sen previo aviso, a dirección da TVG anunciou onte aos seus traballadores que desde o 1 de decembro deixaria de emitirse os informativos de proximidade, é dicir os noticieiros vencellados a cada delegación. Iso é o que notarán os telespectadores, pero a medida obedece a unha reestruturación do seu modelo de informativo que se traduce no peche de cinco delegacións (Pontevedra, que pasa a depender de Vigo; Ferrol cubrirase desde Coruña; mentres que desaparecen Burela, Oporto e Bruxelas). Manteranse as delegacións de Lugo, Ourense e Madrid, pero serán xestionadas a través da propia TVG e non de produtoras alleas (vencelladas a xornais) para adecuarse ao establecido na Ley Xeral de Comunicación Audiovisual que establece “non poderán ceder a terceiros a produción e edición dos programas informativos”. . Amplía a nova>>

01/12/2010
Sucédense as mobilizacións polo desaloxo da Casa das Atochas

Unha recente orde xudicial obrigará a desaloxar antes do 9 de decembro o Centro Social A Casa das Atochas, situado no barrio coruñés de Monte Alto. A posibilidade de que este espazo ocupado feche logo de case tres anos de actividades está a provocar diferentes iniciativas de apoio. Entre elas, destaca a proposta dun grupo de creadores que desenvolverán un filme colectivo sobre esta experiencia. Entre os nomes que xa confirmaron o seu apoio atopamos algúns coma Alberte Pagán, Miguel Castelo, Marcos Nine, Xurxo González, Ramiro Ledo ou Xiana Arias, entre outros.. Amplía a nova>>

29/11/2010
O Consorcio Audiovisual creará un circuito propio de exhibición de películas galegas

“As cousas levan o seu tempo” afirma a El País Anxo Quintanilla, xerente do Consorcio Audiovisual, ao referirse a reunificación das políticas públicas neste sector. No marco dunha entrevista publicada hoxe nese xornal, explica que desde o seu nomeamento está a solucionar problemas legais para a configuración do plantel da entidade, así como a posta en marcha do seu plan estratéxico (inclúe accións de cara a internacionalización, promoción, formación e programa audiovisual nas aulas e, enter as novidades, un circuíto propio de exhibición do produto galego). Entre os primeiros movimentos da nova etapa do consorcio, a vindeira semana asinará un convenio coa Facultade de Ciencias Sociais para que o centro do campus proxecte filmes galegos mensualmente.. Amplía a nova>>

29/11/2010
Política Lingüística lanza un web con vídeos sobre o galego

Linguagalega.tv é o web que presentou o pasado sábado a Secretaría Xeral de Política Lingüística no Culturgal. O proxecto, realizado por Acuarela Comunicación, permite ollar videos nos que se reflexiona sobre a situación da nosa lingua. Segundo adianta Política Lingüística, os programas Lingua, cámara, acción e mais A lingua galega na sociedade pretenden dar a coñecer iniciativas de promoción do galego, públicas no primeiro caso e xurdidas da cidadanía no segundo, amosando tamén os servizos e produtos que existen na nosa lingua.. Amplía a nova>>

29/11/2010
Óliver Laxe suma un galardón máis ao gañar o Premio do Xurado novo en Xixón

Todos vós sodes capitáns iniciou no festival de Xixón o seu percorrido por España. Fíxoo con honores, porque na cita asturiana conseguiu o Premio Cajastur Xurado da Mocidade da 48 edición, compartido co filme Blue Vantine de Dereck Cianfrance. O festival de Xixón premiou o cinema romanés, xa que o filme Mati, dupa Craciun (Martes, despois de Nadal) recibiu o premio á mellor longametraxe. Mañá martes, Óliver Laxe fará recalada en Santiago para recibir o premio Cineuropa por Todos vós sodes capitáns, que se proxectará nun único pase. . Amplía a nova>>

29/11/2010
Os resultados de Culturgal auguran a continuidade do evento

Preto de 11.000 persoas pasaron ao longo da fin de semana polo Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais que se celebrou en Pontevedra. Segundo sinalaron os organizadores do evento, a falta de cifras definitivas, este resultado supón unha satisfacción e, segundo apuntou Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal, "despois do éxito desta edición, ninguén pode dubidar que haberá Culturgal 2011". Do mesmo xeito, responsables de diferentes colectivos da industria cultural recolleron o compromiso do sector de continuar coa celebración deste evento nos vindeiros anos. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org