Novas | 2311 a 2320 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

15/12/2010
Preséntase Caracois, a serie de animación para público infantil de OQO filmes

Son 26 capítulos realizados coa técnica stop motion e en galego que narra o universo dos pequenos visto polos ollos duns animaliños de xardín. A serie chámase Caracois e leva ao mundo audiovisual os cinco álbumes de NanOQOs, a colección que a editora ten para os prelectores. O proxecto presentouse no Museo de Lugo, porque a área de cultura da Deputación lucense participa economicamente nesta iniciativa (100.000 euros) que pretende falar da amizade, dos medos, do enfado, do amor e das relacións. O proxecto está pensado para nenos de 2 a 4 anos e a deputación espera que distribúa entre todos os colexios de Primaria de Galicia e chegar a un acordo coa TVG para a súa difusión.. Amplía a nova>>

15/12/2010
O cine muda de pel

“Hai catro anos, unha película como Cela 211 vendería aproximadamente 200.000 copias en DVD, pero como vivimos noutro contexto as cifras foron, a día de hoxe dunhas 40.000 unidades”. Con todo, Borja Pena produtor do que foi o filme do ano en 2009, está máis que satisfeito cos resultados, pero recoñece que a ventá de explotación deste formato atravesa horas baixas. ¿As causas? Os produtores consultados téñeno moi claro á hora de apuntar nunha única dirección: a piratería.. Amplía a nova>>

14/12/2010
Os obradoiros de audiovisual de Vedra incorporan este ano a realización de videoclips

Foi premio MTV e MTV latino en 2006 e candidato aos Grammys latinos en dúas ocasións. Pedro Castro é a gran aposta do LAV Vedra, o obradoiro de produción audiovisual que organiza desde hai catro anos a Asociación Sen Un Peso desta localidade coruñesa. Cursos de produción audiovisual, caracterización, after effects, time lapse, correción de cor, 3D e fotografía cinematográfica para actores conforman a oferta que impartirán profesionais recoñecidos como Alfonso Zarauza, Marcos Nine, Alfonso Parra, Juan Pablo Etcheberry, Nathan Carter ou Jordi Molina. A cita terá lugar as segunda e a terceira fin de semana de febreiro de 2011 e o prazo de matrícula está aberto ata o 31 de xaneiro. Completa o cartel formativo, unha mostra audiovisual e unha serie de conferencias.. Amplía a nova>>

13/12/2010
A 24 edición de Cineuropa incrementou o número de espectadores por función

O balance desta edición de Cineuropa foi máis que positivo. O encontro reuniu a 31.874 espectadores, o que, tendo en conta que durou 6 días menos que o ano anterior, supón un incremento de espectadores. Ademais, a película gañadora (o galardón consiste en 6.000 euros), In a better world, obtivo unha puntuación máis elevada da sección oficial que nas últimas edicións, ao obter un 8.5. Fóra de competición, Bicicleta, cullera, poma, a película sobre o expresidente da Generalitat, foi a película máis votada de todo o certame, cun 8.7, mentres que Poetry venceu na sección Mundo Asia (cun 7.8), e Happythankyoumoreplease no Panorama Internacional.. Amplía a nova>>

10/12/2010
Economía crea unha liña de axudas ao sector audiovisual por dez millóns de euros

Co obxectivo de solventar as dificultades financeiras das empresas do sector audiovisual, o IGAPE acaba de publicar no DOG unha liña de axudas para esta área. A convocatoria pon en marcha unha liña de financiamento que subsidia os gastos financeiros e as comisións dos avais que presten as sociedades de garantía recíproca. Destina a este fin 10 millóns de euros (en tres anualidades) e o prazo de presentación a estas axudas (que non teñen concorrencia competitiva) está aberto ata o 30 de xuño de 2011.. Amplía a nova>>

09/12/2010
A curta de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, preseleccionada para os Óscar

Conta a historia da pequena Dinki, que vai camiño da escola cando acontece un terrible accidente laboral. O destino dela pasa a estar en mans do seu amigo Birdboy, un rapaz introvertido que se agacha no monte abandonado ás súas fantasías. Este traballo recibiu numerosos galardóns, entre eles o de animación do Festival de Foyle (Derry, Irlanda 2010), que lle permite pasar a primeira peneira dos Óscar. Será o vindeiro 25 de xaneiro cando coñezamos cales son os finalistas duns premios que se entregan o 27 de febreiro. . Amplía a nova>>

09/12/2010
Vinte centros da comarca de Ferrol participan nun ciclo que exhibirá filmes en galego

De animación a thrillers pasando por dramas, todos co denominador común de estar en galego. Este é obxectivo de “En galego de película” o programa dos equipos de normalización lingüística do concello de Ferrol que celebra desde a vindeira semana unha nova entrega. Nesta ocasión O espírito do bosque, Pinocho, Cargo ou Concursante son os títulos que poderán ver os alumnos dunha vintena de centros da comarca ferrolá.. Amplía a nova>>

02/12/2010
Play Doc apoia os novos creadores cun programa formativo para rematar os seus proxectos

Do 6 ao 19 de decembro a casa rural O Remesal de Tui converterase nun improvisado centro de creación de documentais. É o escenario no que terá lugar o Docs in Progress, un programa formativo ao abeiro do festival Play DOC para apoiar a novos creadores. Oito realizadores (Yrsa Roca de Islandia, Mariana Viñoles de Uruguai, Alejandra Grinschpun e Fernando Boto de Arxentina, Thais Taverna de Brasil, Nina Bendzko de Alemaña e Víctor Hugo Seoane e Pela del Álamo de Galicia) participarán neste encontro que pretende servir para rematar o seu documental co apoio de Marta Andreu, produtora e coordinadora do Master en documental de creación da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Ademais da estadía e as clases, cada seleccionado no proxecto recibirá unha bolsa de axuda de 1.000€. . Amplía a nova>>

02/12/2010
As series chegan aos videoxogos galegos

Unha aventura gráfica en galego, ambientada nun futuro que é menos idílico do que semella. Esta é a aposta que está a facer a firma Gato Salvaje Estudio con AR-K, un videoxogo que van pór á venda cun orixinal sistema de capítulos. Polo momento, está xa dispoñible un vídeo coa introdución do produto e a posibilidade de ir reservando a primeira entrega, Sexo, mentiras y trabajos de clase. Sergio Prieto, un dos responsables deste proxecto, explícanos polo miúdo esta iniciativa. . Amplía a nova>>

01/12/2010
Televisión de Galicia suprime os informativos locais

Sen previo aviso, a dirección da TVG anunciou onte aos seus traballadores que desde o 1 de decembro deixaria de emitirse os informativos de proximidade, é dicir os noticieiros vencellados a cada delegación. Iso é o que notarán os telespectadores, pero a medida obedece a unha reestruturación do seu modelo de informativo que se traduce no peche de cinco delegacións (Pontevedra, que pasa a depender de Vigo; Ferrol cubrirase desde Coruña; mentres que desaparecen Burela, Oporto e Bruxelas). Manteranse as delegacións de Lugo, Ourense e Madrid, pero serán xestionadas a través da propia TVG e non de produtoras alleas (vencelladas a xornais) para adecuarse ao establecido na Ley Xeral de Comunicación Audiovisual que establece “non poderán ceder a terceiros a produción e edición dos programas informativos”. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org