04/05/2012
Filmax supera o concurso de acredores
Filmax entrara en concurso de acredores en xullo de 2010 pero conseguiu solucionar a situación chegando a un acordo con nove bancos que representan o 59% do pasivo ordinario. Segundo informou onte o Clúster Audiovisual Galego, este acordo representa a "continuidade" da compañía e Filmax recuperará a plena capacidade para gobernar a empresa e continuar a súa actividade. Un dos principais problemas cos que se atopara a negociación fora o cálculo dos importe económico dos amplos fondos audiovisuais de Filmax..
Amplía a nova>>
03/05/2012
Valentín Paz Andrade en vídeo
Segundo se achega o Día das Letras van aparecendo novos contidos encol Valentín Paz Andrade. Deste xeito, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) presentan unha guía de recursos didácticos nos que recuperan unha serie de producións videográficas encol do homenaxeado. Para alén de traballos audiovisuais escolares, o web recolle a canle de Youtube na que se amosan os vídeos da exposición que se lle dedica a Paz Andrade, con diferentes entrevistas encol da súa persoa. .
Amplía a nova>>
03/05/2012
A lingua fóra de plano
É coñecido que a presenza da lingua galega nas salas comerciais de cinema é minoritaria. No entanto, unha análise a partir dos datos de axenda do soportal AVG de Culturagalega.org, amosa que a nosa lingua tampouco acada máis do que unha representación anecdótica nos circuítos alternativos. Festivais, cineclubes ou ciclos non proxectan máis que un 22,4% de filmes na nosa lingua, unha porcentaxe que aínda se reduce máis se temos en conta algúns factores..
Amplía a nova>>
02/05/2012
Arrinca Curtocircuito
Coa banda municipal de Santiago de Compostela poñéndolle música á curta de Charles Chaplin "The Pawnshop", arrincará hoxe ás 20 h. no Teatro Principal de Santiago o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Comopostela (Curtocircuíto). Será esta a novena edición do evento, que nesta ocasión discorrará en Compostela, con programación oficial e paralela, entre o 2 e o 11 de maio de 2012. Cine social, entretemento, animación,documentalismo, terror, intimismo... son algúns dos valores do evento. .
Amplía a nova>>
02/05/2012
O telefilme Eduardo Barreiros gaña o Festival WorldFest de Houston
Eduardo Barreiros, o Henry Ford español, acadou o Premio Platino á mellor película para televisión na 45ª edición do Festival Internacional de Cine Independente WorldFest de Houston. A película foi seleccionada entre producións de 37 países e automaticamente accede á selección oficial do Festival de Seúl. A película está producida por Continental Producciones e Salero Films coa participación da TVG entre outras cadeas. Por outra banda, a serie
Matalobos, producida por Voz TV para a Televisión de Galicia, recibiu o premio Circom á mellor ficción de televisión, que outorga a organización europea de televisións públicas rexionais. .
Amplía a nova>>
30/04/2012
O Ourense Film Festival anuncia o seu adiamento
A Deputación de Ourense era un dos puntais orzamentarios do consorcio de institucións promotoras do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF): en 2011 o organismo provincial contribuíra ao orzamento con 90.000 euros, segundo informa unha nota de prensa remitida hoxe polo Festival. A ausencia dos membros da Deputación no pleno do Consello Reitor do Festival de Cine e a súa decisión de abandonar o consorcio "condiciona xuridica e economicamente a celebración do OUFF", segundo Isabel Pérez, presidenta do Consorcio e concelleira de cultura de Ourense. Pérez vencella a celebración dunha nova edición do Festival de Cine Internacional “á posibilidade de que o Concello asuma a súa organización, pero nunca o Consorcio”..
Amplía a nova>>
30/04/2012
O sexo dos anxos faise con dous galardóns no Festival de Cine de Málaga
A película
O sexo dos anxos, dirixida por Xavier Villaverde e producida por Continental, fíxose este sábado con dous galardóns no Festival de Cine de Málaga: a Biznaga de prata ao mellor actor de reparto (Álvaro Cervantes) e á mellor fotografía (Sergi Gallardo). O audiovisual galego tamén recibiu o Premio Especial do Xurado na categoría de curtametraxes por
Anacos, de Xacio Baño, e unha mención especial por
O sapateiro, dirixida por Seca Gomes e Basilio de Sá..
Amplía a nova>>
30/04/2012
Engurras e Doentes, as grandes triunfadoras do audiovisual galego
900 persoas encheron o Palexco da Coruña para celebrar a noite do audiovisual galego. As longametraxes
Engurras e
Doentes levaron os máximos galardóns pero a noite estivo moi repartida:
Matalobos levou catro galardóns,
Tralas luces e
Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde levaron tres. Nun espectáculo inspirado na crise económica, Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual, reivindicou a importancia da cultura como sector económico e laboral..
Amplía a nova>>
27/04/2012
Antón Reixa vence nas eleccións da SGAE
A candidatura encabezada polo galego Antón Reixa impúxose nas eleccións da Sociedade Xeral de Autores e Editores. Autores Unidos pola refundación obtivo unha maioría simple nas votacións que celebrou onte a entidade, sumando 14 asentos para a xunta directiva, mentres outras dúas formacións reparten os 16 postos restantes. Reixa deberá agora negociar coas outras candidaturas para artellar unha directiva unitaria. O galego conseguiu estes resultados cunha campaña na que chamaba á rexeneración da principal entidade de xestión de dereitos do Estado..
Amplía a nova>>
26/04/2012
O audiovisual reclama unha política pública clara para o sector
A Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego, integrada pola Asociación de Actores de Galicia (AAAG), a Asociación de Técnicos (ATEGA), a de Directores (CREA) e a de Guionistas (AGAG) asina o manifesto no que o sector reclama unha nova política pública neste ámbito. O texto denuncia a desaparición das axudas ao talento, que estes colectivos consideran "a liña de axudas que, con menor investimento, maiores beneficios xerou no sector". Canda a isto, solicitan que se clarifiquen as liñas da política audiovisual da Xunta e en qué organismo recaerán as competencias neste ámbito..
Amplía a nova>>