22/09/2023
Chega aos cines 'Amigos hasta la muerte' de Javier Veiga
María, Nacho e Suso son tres amigos de toda a vida que no pasado teñen conformado un triángulo amoroso con consecuencias entre eles. De súpeto vense na situación de que Nacho vai morrer pero aínda non o sabe, pero os outros dous si e teñen que manexarse con ese secreto e descubrir como comportarse co seu amigo nos seus derradeiros meses. A situación é dramática e crea un contexto cómico ao tempo ante a dificultade de superar reproches e lembranzas do triángulo formado. Ese é o argumento da comedia "Amigos hasta la muerte" que hoxe chega aos cines de toda España. O actor Javier Veiga (O Grove, 1973) estréase na dirección, asina o guión e protagoniza este filme xunto coa súa parella na vida real, a actriz Marta Hazas, e o actor mexicano Mauricio Ochmann. O filme está rodado en Galicia, nas localidades de O Grove, Ourense e Santiago de Compostela e conta entre o elenco coas participacións de Xose Antonio Touriñán, David Amor, Ledicia Sola e Mela Casal. A banda sonora orixinal corre a cargo de Xoel López. Veiga acadou o premio a mellor dirección por estra película no Festival de cine internacional de Alicante. O filme pode verse, segundo a web FilmAffinity desde este venres en 95 salas de cine do estado, oito delas en Galicia. .
Amplía a nova>>
21/09/2023
Luisa Merelas recibirá o premio AISGE do OUFF
A actriz Luisa Merelas (A Coruña, 1958) recibirá o Premio da Fundación AISGE no 28º Ourense Film Festival (OUFF). Galardoada nos María Casares de Teatro en dúas ocasións, Luisa Merelas leva corenta anos de profesión ás costas. Merelas encarnou na ficción a mulleres de gran dureza, inesquecibles para a audiencia; entre elas, a matriarca Dona Carme Matalobos da serie Matalobos, a Amalia da familia Charlín en Fariña ou, na gran pantalla, a nai Anta da multipremiada 'As bestas' de Rodrigo Sorogoyen. Actriz de teatro, cinema, televisión e, tamén de dobraxe, Merelas, unha das actrices máis queridas polo público galego, recibiu este mesmo mes o Premio Cinema Galego do festival FIC Bueu pola súa traxectoria. A intérprete recollerá o Premio AISGE na gala inaugural do festival ourensán o 29 de setembro. .
Amplía a nova>>
21/09/2023
O impacto da IA nas industrias creativas a debate hoxe na Coruña
A plataforma Coruña Gráfica, que agrupa a máis de 60 autores do sector da ilustración, xunto coa asociación xunto coa Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA) organizan hoxe unha xornada aberta ao público sobre o impacto das ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) nas diferentes industrias creativas. Este debate de plena actualidade e interese a medida que vanse sucedendo novidades nas aplicacións que se dá a esta tecnoloxía nos eidos da industria cultural serán obxecto de debate hoxe, xoves 21 de setembro, ás 19:30 horas na sede de Ascega na Coruña (Rúa Antón Vilar Ponte, 11). Baixo o título "Intelixencias Artificiais versus Industrias Creativas" o autor e produtor Manel Craneo moderará unha mesa na que tomarán parte o escritor Xavier Alcalá, o debuxante Santy Gutiérrez, e o produtor e animador Tomás Conde, da produtora cinematográfica Algarabía Animación..
Amplía a nova>>
21/09/2023
A Asociación Senunpeso cesa a súa actividade
Cun comunicado na súas redes sociais, a actual directiva da Asociación Senunpeso anunciaba este 20 de setembro o final da súa actividade. Segundo explica este texto "na última asemblea xeral (decembro de 2022) eramos catro gat@s (literalmente) e iso, unido ao desgaste propio do paso do tempo e as ocupacións varias que nos impiden dedicarlle esforzos á asociación, levounos a abrir un proceso de debate interno sobre o futuro. A conclusión á que chegamos é que non vemos viable seguir adiante"..
Amplía a nova>>
18/09/2023
A 45 Semana de Cine de Lugo abre as súas portas
O tributo aos cineastas Pepe e Jorge Coira aparece como un dos eixes da cuadraxésimo quinta edición da Semana de Cine de Lugo, que abre as súas portas este 18 de setembro. Os dous irmáns protagonizarán un ciclo dentro do programa desta xeira, que proxectará un total de 135 filmes ata o vindeiro día 23..
Amplía a nova>>
18/09/2023
O filme 11:20 AM alzouse co premio do FIC Verín
O Vía XIV Festival Internacional de Curtas de Verín, fechaba as súas portas este sábado coa entrega dos galardóns das súas sete categorías a corcurso. O filme
11:20 AM do grego Dimitris Nakos resultou gañador na categoría oficial Horizontes. Na sección A Raia a curta foi
Raticide, do portugués João Niza, mentres na categoría
Nova a mellor peza foi
One Minute, de Matilde Sköld e Markus Svanberg (Suecia)..
Amplía a nova>>
15/09/2023
Abre en Ourense a exposición fotográfica de Chema Prado como antesala do OUFF
Chema Prado naceu en Rábade en 1952, estivo á fronte da Filmoteca desde 1989 ata a súa xubilación en marzo de 2016 e no ano 2020 recibiu pola súa traxectoria o Premio da Cultura Galega na categoría de audiovisual. O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle desde onte a súa exposición fotográfica "Series", no marco do programa de actividade paralelas da vindeira edición do Ourense Film festival, que arrancará o vindeiro 29 de setembro. O público que se achegue ao Marcos Valcárcel, poderá gozar de catro series de fotos: Polaroid, Nada que perder, Ciudades e Infraganti. A fotografía foi un medio de expresión para Chema Prado desde hai décadas; xa en 1993 participa nunha primeira exposición colectiva xunto a Bigas Luna, Iván Zulueta e Jesús Garay. Desde entón as súas imaxes puidéronse ver en museos e galerías, sempre co ánimo de explorar a capacidade expresiva dos diferentes formatos fotográficos. Viaxes e festivais, paixón pola pintura e unha extensa rede internacional de colegas do sector cinematográfico son elementos que conforman a crónica visual de Prado. O que foi director de Filmoteca Española foi testemuña privilexiada en proxectos e rodaxes internacionais, trabando amizade con cineastas como o falecido Bernardo Bertoluccci ou John Malkovich, de modo que o público de Ourense atoparase na exposición "Series" con rostros moi coñecidos da gran pantalla como o do director Jim Jarmusch ou o do actor Javier Bardem..
Amplía a nova>>
13/09/2023
Olga Osorio recibirá o premio Chano Piñeiro do OUFF
A organización do Ourense Film Festival (OUFF) está a dar a coñecer os nomes das figuras destinatarias dos seus galardóns honoríficos. O Premio Chano Piñeiro, instituído en 2021 para recoñecer a figuras emprendedoras do audiovisual galego e que leva o nome do histórico director, recae este ano na realizadora Olga Osorio (Lugo, 1972). A cineasta, que ten no seu haber tres premios Mestre Mateo, ten nestes momentos en carteleira a que é a súa primeira longametraxe de ficción "¡Salta!", unha película dirixida e escrita por ela e rodada integramente en Galicia, protagonizada por Tamar Novas e Marta Nieto e producida por Vaca Films. .
Amplía a nova>>
13/09/2023
O documental Dorothé na vila xa se pode ver íntegro na rede
Coa mensaxe "Dorothé sempre dixo que o seu traballo nos pertence a todas. Desde hoxe, podedes ver o documental en aberto", Alejandro Gándara e Olaia Tubío, responsables do documental
Dorothé na vila publicaban este 12 de setembro esta peza audiovisual na plataforma Vimeo. .
Amplía a nova>>
12/09/2023
O Festival de Cinema de Ourense incorpora unha sección sobre videoxogos
OUFF Game Sessions é o nome da nova sección que o Festival Internacional de Cinema de Ourense estrea na súa 28 edición. Os videoxogos protagonizan este espazo que contará co foro "Videoxogos, a nova narrativa audiovisual" o vindeiro 1 de outubro. No mesmo participarán "catro profesionais e docentes especialistas en videoxogos". .
Amplía a nova>>