Novas | 1971 a 1980 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

02/10/2012
Unha década con academia

Fundouse en 2002, cando o sector audiovisual acababa de recibir a etiqueta de estratéxico, co obxectivo de visibilizar os filmes, documentais, curtas e produtos de todo tipo. Dez anos despois, cunha crise desbordante, a Academia Galega do Audiovisual mantense co reto de representar pór en valor os traballos feitos no país. Premios, xornadas e de interlocución entre sector e administración son algúns dos papeis que terá que desenvolver.. Amplía a nova>>

02/10/2012
O Museo de Ribadavia estrea un ciclo de cine etnográfico

Proxeccións e coloquios conforman o esqueleto do ciclo Cine de Outono. Unha proposta que desenvolve o Museo Etnolóxico de Ribadavia desde un punto de vista etnográfico para achegarse a historia de localidades galegas. Ignacio Vilar, director do museo, é quen coordina esta mostra financiada pola Consellaría de Cultura e que parte con producións audiovisuais galegas. Milímetros, do director Xes Chapela e producida por Matriuska é a encargada de abrir esta proposta o vindeiro venres 5 de outubro (20:00 horas).. Amplía a nova>>

01/10/2012
O Festival Amal cumpre dez anos achegando o cinema árabe a Santiago

Xurdiu hai unha década coa intención de achegar á sociedade a realidade cotiá da cultura árabe. “Dez anos despois, todos aqueles que se interesan pola cultura e asistiron ás proxeccións, teñen outra visión e poden saber máis do que está acontecendo nos países árabes” asegura o seu director, Ghaleb Jaber, que está contento cos resultados colleitados. Son dez anos de traballo achegando a cinematografía, gastronomía, arte e a música porque, na súa opinión “hai moita confusión sobre a realidade, e nós pretendemos contribuír a traer un pouco de luz”. Nesta ocasión, seleccionaron 31 filmes dos 700 traballos recibidos, e confeccionaron un programa anegado de actividades de danza, música, caligrafía, gastronomía, conferencias e un programa pensado especialmente para os nenos. A cita, en Compostela, do 14 ao 20 de outubro.. Amplía a nova>>

28/09/2012
Quiosco: Papeis da Academia, 6

Co obxectivo de conseguir en 2013 os cincocentos académicos, a Academia Galega do Audiovisual cumpre dez anos. No último número da revista que edita, Papeis da Academia, lembra os fitos desa década de traballo da man de membros das diferentes xuntas directivas desde a súa constitución en 2002. Canda esa revisión da súa propia traxectoria, documenta algunhas das actividades realizara este ano como o seu Foro ou os premios Mestre Mateo. Ademais, esta edición do disco As músicas da Academia céntrase en Piti Sanz e o seu traballo tanto en filmes (A noite que deixou de chover, 18 comidas…) series e programas de televisión no que ten participado.. Amplía a nova>>

27/09/2012
O Clúster Audiovisual Galego crea unha cota para as empresas máis novas

Co obxectivo de facilitar a adhesión de socios e tendo en conta que case a totalidade de empresas do sector son PEMES, o Clúster Audiovisual Galego acaba de crear a “cota emprendedor”. Trátase dunha modalidade de socio que lles permitirá ás novas empresas ter un prezo reducido na súa cota durante dous anos. A cota inicial (de carácter trimestral) será de 30 euros e irá incrementándose gradualmente ata igualar a do resto dos socios. Os requisitos para poder beneficiarse desta nova modalidade é que teñan domicilio social en Galicia e a súa data de constitución sexa inferior a dous anos da solicitude de adhesión ao CLAG.. Amplía a nova>>

27/09/2012
Comeza en Vigo a VI edición de Curtas na rúa

Curtametraxes con gran percorrido e repercusión por festivais internacionais agrupados en varias temáticas poderanse ver a partir de hoxe en Vigo no marco da VI edición de Curtas na rúa. A cita ábrese cunha escolma de traballos galegos á que seguirán tres días de proxeccións. Entre as novidades deste certame organizados pola Asociación de Comerciantes Zona Centro é que os sectores Rubén Darío e Iván Villamel foron os encargados de facer a selección do material. O festival exhibirá curtametraxes pero fará unha excepción para proxectar "Sempre Xonxa", a longametraxe de Chano Piñeiro no marco dunha retrospectiva sobre a súa figura.. Amplía a nova>>

26/09/2012
Un acto institucional apoia o audiovisual galego en San Sebastián

Os incribles e Operación E son os filmes galegos que están presentes nas seccións Novos Directores e Zabaltegi, paralelas á Sección Oficial. Coincidindo coa presentación pública de Operación E, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, desprazouse ata San Sebastián onde tivo lugar o acto institucional para apoiar o audiovisual galego. Tivo lugar no Kursaal e foi organizado a través de Agadic. Ademais, tamén se desnevolveu un encontro con representantes de ANCINE (Agência Nacional de Cinema do Brasil), entidade coa que a Xunta mantiña un convenio de coprodución coordinado polo desaparecido Consorcio Audiovisual de Galicia. . Amplía a nova>>

21/09/2012
Os Bolechas estrean nova etapa na TVG

A segunda canle da televisión autonómica emitirá unha serie de oito capítulos protagonizados polos coñecidos personaxes infantís Os Bolechas. Os irmáns creados por Pepe Carreiro poderán verse tres veces ao día en espazos de seis minutos de duración. Esta é a segunda incursión dos Bolechas no medio televisivo, logo de que no pasado entroido se puidesen ver tres programas protagonizados por eles. A estrea será o vindeiro 24 de setembro.. Amplía a nova>>

18/09/2012
Manuel María Multimedia

Logo da homenaxe a Manuel María na Coruña, que se celebrou o pasado día 13, a Fundación que leva o nome do poeta acaba de facer un triple lanzamento arredor do poeta. Un libro, CD e DVD que amosan diferentes achegamentos á poesía do homenaxeado. Os lonxes do solpor é un poemario inédito que recolle 33 composicións sen título elaboradas a finais dos anos 80. Canda a el, distribúese o disco Andando a Terra, no que Uxía interpreta doce versións musicadas dos versos de María. A completar o lote, inclúese un DVD co filme De amor e cantería, realizado por Pixel Films sobre Guión de Anxa G. Refoxo, que parte do poemario Sonetos á Casa de Hortas e que levou o premio Mestre Mateo á mellor produción experimental en 2011. O conxunto sae á venda a un prezo de 20 euros.. Amplía a nova>>

17/09/2012
A paixón de María Soliña chega a Sundance

Dous filmes galegos achéganse estes días a festivais foráneos. Por unha banda, a produción A paixón de María Soliña proxectarase entre os filmes preseleccionados para o prestixioso festival estadounidense de Sundance. Ademais, poderá verse no de Miami noutra ducia de certames en Europa e América, mentres prepara a súa estrea oficial en Lalín para o vindeiro 28 de setembro. Pola súa banda, o filme Arraianos, de Eloy Enciso, verá a luz no Festival de Sevilla, que se celebra entre o 2 e o 10 de outubro. A seguir, está prevista a súa presenza en eventos de Portugal, Austria, Arxentina e Alemaña, así como en Canadá, a participar nos festivais de Vancouver e Montreal.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org