11/09/2012
O terror dos 70 protagoniza a nova edición de Freakemacine
O festival de cinema de fantástico e de ciencia ficción da Coruña, Freakemacine, chega á súa quinta edición homenaxeando os filmes de terror españois dos anos setenta. Entre os días 24 e 30 de setembro, o evento achegará ás súas sedes na Fundación Seoane e mais no Centro Galego de Artes da Imaxe proxeccións, obradoiros, conferencias e obradoiros de maquillaxe e efectos especiais. Ademais, a cidade acollerá a segunda edición da zombie walk e un desfile temático sobre Star Wars entre outras actividades. .
Amplía a nova>>
10/09/2012
L'accordeur gaña o Festival de Curtametraxes de Bueu
O V Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu fechaba as súas portas o pasado sábado coa produción francesa
L'accordeur, dirixida por Olivier Treiner, a encabezar o seu palmarés de premios. Canda a este galardón,
Suiker, de Jeroen Annokkeé, fíxose co premio do público, mentres que
Anacos de Xacio Baño foi escolleita como mellor curtametraxe galega. Os organizadores cifraron en 3.000 as persoas que asistiron ás proxeccións do evento, que contou con 25 filmes a concurso..
Amplía a nova>>
07/09/2012
Sete curtas compiten en Tripomant na Cidade 2.0
A segunda edición de Tripomant na Cidade 2.0 xa está en marcha. No web da proposta están as sete curtametraxes seleccionadas que permitirán ao público votar e conceder un dos tres premios que ten o certame. A iniciativa, promovida por unha empresa privada destinada á construción que esixe que os seus produtos se vexan reflectidos nos traballos, pretende dar conta de experiencias e de hábitos de vida urbanos. .
Amplía a nova>>
06/09/2012
A Semana de Cine de Autor de Lugo mantén a súa programación na 34 edición
Sección infantil, ciclos "o mellor do ano", "cine e gastronomía", "cine e radio", "as curtas tamén son cine" e a sección oficial. A 34 edición do Festival de Cine de Autor de Lugo mantén a súa estrutura de traballo habitual con prezos populares para achegarse á cidadanía. Nesta ocasión, como xa avanzaran hai un mes, o homenaxeado é o actor, director e productor Ricardo Núñez (Betanzos, 1904 - Palma de Mallorca, 1998). Unha exposición, unha publicación e a proxección dalgunhas das súas películas como actor fan parte da programación para recuperar a súa figura. A cita terá lugar entre o 17 e o 22 de setembro en distintas localizacións da cidade..
Amplía a nova>>
06/09/2012
O Apóstolo chegará as salas o vindeiro 31 de outubro
Un preso é recluído por uns seres estraños nunha vila do Camiño de Santiago logo de fugarse da cadea. Suspense e humor combínanse en
O apóstolo unha das primeiras películas de animación stop-motion de Europa desenvolvida mediante producción estereoscópica. Logo do seu pase por festivais (Málaga, Annency, Mundos Dixitais e na edición deste ano do Festival de Sitges) chega agora a carteleiras. A estrea en salas comercias será o vindeiro 31 de outubro ..
Amplía a nova>>
06/09/2012
Seis empresas galegas acoden á feira tecnoloxica IBC de Amsterdam
O IBC de Ámsterdam é o principal evento anual para os profesionais que traballan na creación, xestión e prestación de entrenemento e contido das noticias e produtos audiovisuais no mundo. Celébrase no Centro Rai da capital holandesa e atrae a máis de 45.000 asistentes, con 1.300 expositores de 140 países do mundo. A esta edición, que arrinca hoxe, irá unha delegación galega baixo o paraugas do Clúster do Audiovisual Galego. Son as empresa Arantia 2010, Cinfo, CTV, Gallega de Circuitos Electrónicos, Ingeniería de Sistemas de Funcionamiento e Voz Audiovisual promocionarán os seus produtos e servizos á industria internacional dos medios de comunicación electrónicos..
Amplía a nova>>
05/09/2012
Un curso analiza o cinema social desde a perspectiva de xénero
O tratamento da prostitución no cinema ou a presenza das minorías étnicas e de mulleres nos filmes son algúns dos temas que quere abordar un curso de verán que a Universidade de Santiago organiza en Padrón. De mañá ata o sábado, produtores (Enma Lustres de Vaca Films ou Fernanda del Nido de Tic Tac), directores (Vicente Aranda, Javier Balaguer ou Sándra Sánchez) e expertos en xeral tentarán achegarse ao cinema social desde unha perspectiva de xénero..
Amplía a nova>>
05/09/2012
Amal cumpre dez anos exhibindo cine de temática árabe
Este festival achegounos o conflicto palestino, as revoltas exipcias da praza de Tahir, historias do Yemen e de moitos outros países do mundo árabe. O Festival Amal inicia a conta atrás da súa décima edición. En total exhibirán 31 filmes (fronte aos 26 do ano pasado) peneirados entre os preto de 700 títulos que recibiron nesta edición, entre o 14 e o 20 de outubro. O programa manterá estruturas doutros anos e ofrecerá actividades paralelas (música, gastronomía e danza) que axudarán a complementar a súa proposta..
Amplía a nova>>
04/09/2012
Agadic convoca un concurso de méritos para elixir ao coordinador da política audiovisual
Ser licenciado ou diplomado, demostrar traxectoria profesional na xestión de empresas audiovisuais e na xestión de actividades culturais, formación específica no sector audiovisual e coñecementos de galego. Estes son os requisitos e criterios puntuables para o porto de coordinador/a do Departamento de Política Audiovisual da Agadic. A convocatoria, que se pode consultar no web da Axencia, servirá para designar a persoa que establecerá os programas de cooperación, impulsará a relación entre os distintos axentes culturais e a relación entre os distintos axentes culturais galegos no eido audiovisual e aliados no exterior. O prazo de presentación de solicitudes remata hoxe e o posto estará remunerado con 39.432,89 euros brutos anuais..
Amplía a nova>>
03/09/2012
Só catro filmes galegos presentados ao Festival de Cine de Ourense
Conflitos familiares e problemas de fronteiras son as temáticas máis destacadas dos 128 filmes recibidos para participar na 18 edición do Festival de Cine de Ourense. Así o explica unha nota de prensa remitida polo festival que valora de forma “moi positiva” a redución da participación de filmes, de 177 da última edición a 128 desta, xa que este ano o prazo de recepción de material pasou de 15 a 5 semanas. Entre os filmes recibidos de 41 países, a maior parte deles do Estado, só hai 4 traballos galegos. Agora comeza o proceso de visionado para escolmar os filmes que conformará a sección oficial da vindeira edición que terá lugar entre o 2 e o 11 de novembro..
Amplía a nova>>