12/02/2013
O Xabarín Club recibirá o premio de honra da Academia Galega do Audiovisual
Son moitos os motivos polos que a Academia Galega do Audiovisual decidiu darlle o seu premio de honra, Fernando Rei, a un programa de televisión como é o Xabarín Club. Primeiro porque foi “un espazo pioneiro no concepto imitado posteriormente pola maioría de canles”, segundo porque “conseguiu espallar a lingua galega polos fogares da nosa comunidade dando nome a toda unha xeración: A xeración do Xabarín”. Pero tamén porque “foi plataforma de base para actores, actores de dobraxe e incluso músicos” e mesmo chegou a xerar un xénero musical propio: o bravú. O programa, que chegou a ter cen mil socios, pervive mantendo a súa esencia e por iso a Academia lle concede este premio de honra. Entregarase no marco da Gala dos premios do Audiovisual Galego que terá lugar o 6 de abril no Pazo da Ópera da Coruña baixo a dirección de Dani de La Torre. Os finalistas saberanse este venres 15 de febreiro da boca de Luis Tosar e Camila Bossa..
Amplía a nova>>
12/02/2013
Catro producións galegas finalistas no II Festival online Márgenes
Márgenes é un espazo que ofrece a posibilidade de acceder a filmes de calidade e de autor que saen da industria cinematográfica convencional. E para facelo organiza obradoiros, cursos, ciclos de proxeccións e un festival en liña. Precisamente desta última actividade acaba de publicar a relación de finalistas. Dos 11 seleccionados, entre un centenar de filmes, hai catro títulos galegos:
Piedad de Otto Roca,
ElectroClass, de María Ruído,
Nacional VI de Pela del Álamo e
Vikingland de Xurxo Chirro. Aínda que o certame se desenvolve en Internet, ten unha edición presencial entre o 7 e o 16 de marzo na Cineteca Matadero de Madrid..
Amplía a nova>>
11/02/2013
Unha asociación roda unha mediometraxe ambientada na Gallaecia do ano 53 A.C.
A asociación sen ánimo de lucro Cool Films, e o grupo de reconstrucción histórica Tarani están a buscar financiamento para a mediametraxe
Eternia. Ambientada na Gallaecia do ano 53 antes de Cristo, recolle mitoloxía, lendas e historia. Para a rodaxe desta produción de baixo orzamento precisan 2.000 euros e acaban de recorrer ao crowdfunding para conseguillos. A través de Verkami, buscará conseguir o financiamento para a rodaxe dunha produción que agardan rematar para o Arde Lucus, a festa romana lucense. .
Amplía a nova>>
11/02/2013
Albert Maysles, un dos pioneiros do cine en directo, estará no Play Doc
Era 1969, a xira dos Rolling Stones daba os últimos coletazos e os irmáns Maysles (Abert e David) acaptaron unha petición da banda para gravar o seu concerto en directo. Aquel material, que lle serviu de pretexto para reflexionar sobre o fenómeno do materialismo e da obsesión pola fama, acabou converténdose en
Gimme Shelter, unha das películas máis populares sobre a mítica banda de rock. O filme puido verse en sección non competitiva no marco do Festival de Cannes de 1971. Desde entón os Maysler aceleraron unha carreira documental que os levou a traballar cos Beatles, Truman Capote e mesmo gravar a Kennedy. Malia que David xa morreu, o seu irmán, Albert estará presente en Tui, no marco do Festival Play Doc para falar da súa forma de entender o cine en directo. Unha conferencia e a proxección dos seus traballos conforman parte da programación deste certame que se celebrará do 13 ao 17 de marzo..
Amplía a nova>>
07/02/2013
Telecinco rodará en Vigo parte da súa miniserie Hermanos
Hermanos é unha historia de amor a tres bandas, protagonizada por Álvaro Cervantes, Antonio Velázquez e María Valverde. A nova producción de Telecinco, contada en seis capítulos, comezou hoxe a súa rodaxe en Guadalaxara. Ademais desta localización, Vigo está no calendario de rodaxe a onde se despraza un dos protagonistas. Alí, logo de coñecer as condicións laborais dos traballadores, iniciará unha carreira como líder sindical..
Amplía a nova>>
06/02/2013
A produtora Portocabo grava unha serie para o mercado internacional
Unha produtora da Coruña adapta unha serie italiana para o mercado internacional rodando en Madrid e en inglés. Portocabo, firma que fai parte do grupo Boomerang está a abordar a realización de
The Avatars, unha serie xuvenil de 52 episodios coa que se fixo no pasado MIP de Cannes. A iniciativa, que conta coa participación de dúas produtoras italianas, comeza a se gravar a un ritmo de dous capítulos por semana o vindeiro mes de marzo. Fosco Blanco dirixe esta produción que busca chegar ao mercado de Estados Unidos e pola que xa se interesaron cadeas televisivas italianas. A serie conta a historia dun grupo de adolescentes que manteñen unha dupla vida ao teren unha banda de música virtual de grande éxito..
Amplía a nova>>
05/02/2013
Xurxo Chirro abrirá as proxeccións de primavera do Seminario Flaherty NYC
Flaberty NYC é o nome dunha serie de proxeccións que realiza o prestixioso Seminario Flaherty. Responde ao formato da proxección seguidos por debates presentados polos realizadores falando de cuestións estéticas, do proceso de produción ou dos cambios de traballo. As proxeccións desta primavera, programadas polo crítico Jerónimo Rodríguez, abren este mes de marzo con Xurxo Chirro. O director guardés estará o vindeiro mércores 6 de marzo (a sesión de apertura titúlase “Lovely tapes”) presentando e comentando seu documental Vikingland. .
Amplía a nova>>
05/02/2013
Nove empresas acoden baixo o paraugas de Agadic ao mercado de cine de Berlín
O European Film Market de Berlín é unha das citas máis relevantes do mundo de compra e venda de produtos audiovisuais. Prodúcese en paralelo ao coñecido festival de cine e resulta un lugar imprescindible para negociar a venda das producións. Coma vén sendo habitual, haberá unha delegación de producións galegas presentes no encontro, apoiadas por Agadic e no marco do pavillón Cinema from Spain no que tamén está o ao Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) e outros organismos autonómicos..
Amplía a nova>>
05/02/2013
Alberto Gracia recibe o premio Fipresci en Roterdamm
O Festival de Rotterdam é un dun dos certames máis esixentes de Europa. Por iso, que a primeira longametraxe de Alberto Gracia (Ferrol, 1978) recibira o premio Fipresci, o da critica, non podería ter mellor carta de presentación.
O quinto evanxeo de Gaspar Hauser regresa da súa estrea mundial co premio que o xurado da Fédération Internationale de la Presse Cinématographique (FIPRESCI) ao realizador da mellor película da sección Bright Future. .
Amplía a nova>>
01/02/2013
A Xunta avanza no proceso de creación da Corporación RTVG
Simplificar a estrutura actual e converter a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, a Radiotelevisión de Galicia S.A. e a Televisión de Galicia S.A. nun só ente: corporación RTVG. Este é o futuro ente responsable da comunicación audiovisual do país e que a Xunta ten previsto pór en marcha para o segundo semestre deste ano. Onte elevouse ao Consello da Xunta o informe da Comisión Técnica de Seguimento, encargada de facer efectivo a transformación en corporación. Agora, o horizonte de traballo pasa por desenvolver os estatutos, a súa memoria (que concretará obxectivos e fins), definir o tipo de entidade e establecer os seus plans de actuación e o económico-financeiro coa previsión de recursos materiais, orzamentarios e humanos..
Amplía a nova>>