Novas | 151 a 160 de 4079

<< Anterior Siguiente >>

06/10/2023
A Academia do Audiovisual falla os VII Premios María Luz Morales

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollía este 5 de outubro o anuncio do fallo da VII edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. A Academia Galega do Audiovisual concedeu estes galardóns, dotados con cadanseus 1.200 euros, a Iván Villarmea, Juan Ares, Manuel Iglesias e Miguel Casaseca, mentres Víctor López obtivo un accésit.. Amplía a nova>>

03/10/2023
A aldea ourensá de Facós distinguida como Lugar de Interese Cinematográfico da península

Representantes de oito Academias de Cine e Audiovisual da península presentaron no marco do VIIº Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, que se celebra estes días en Ourense coincidindo co OUFF o novo distintivo 'Lugares de Interese Cinematográfico – LIC' e revelaron os oito espazos designados nesta primeira edición, un deles en terras galegas. A distinción LIC recoñece espazos de especial relevancia para a industria audiovisual, xa sexa polo seu valor na produción fílmica, a súa importancia histórica ou o seu significado simbólico. No caso do enclave galego, o primeiro LIC da nosa terra corresponde á aldea de Facós, en Lobeira (Ourense), lugar onde en 1940 tivo lugar a rodaxe da película documental do cineasta ourensán Antonio Fernández-Román con guión e produción de Xaquín Lorenzo 'Xocas', 'O carro e o home', que tivo dúas versións, unha delas a orixinal en castelán como "El hombre y el carro". . Amplía a nova>>

03/10/2023
Os realizadores galegos dan o seu Premio CREA de Honra a tres festivais audiovisuais

CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización ven de outorgar o seu Premio de Honra engadindo un carácter conmemorativo ao galardón que supón un recoñecemento de achegas e traxectorias. Deste xeito o premio, meramente honorífico, repartese este ano ex aequo entre tres festivais que fai 20 anos celebraron a súa primeira edición e hoxe seguen con puxanza manténdose en actividade e como referentes do mundo audiovisual: o Festival de Cans, o Play Doc de Tui e o Curtocircuíto - International Film Festival de Santiago de Compostela. Esta é a primeira ocasión que este premio dos realizadores galegos recae en festivais. Co galardón, CREA recoñece "o enorme traballo ao longo de 20 anos, apoiando sempre aos cineastas de Galicia e converténdose en citas de referencia para o audiovisual galego" destes tres eventos.. Amplía a nova>>

02/10/2023
A CRTVG apoiará o desenvolvemento de nove producións cinematográficas

No marco das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual de Galicia, a CRTVG daba a coñecer este 27 de setembro as producións cinematográficas que recibirán fondos da compañía para o seu desenvolvemento. Segundo anunciou a corporación, trátase de catro longametraxes de ficción, outros tantos documentais e un filme de animación os que conseguiron estes apoios en 2023.. Amplía a nova>>

02/10/2023
A Cuncha de Ouro para 'O Corno' marca un novo fito para o audiovisual galego

A longametraxe 'O Corno' ven de marcar un novo fito para o audiovisual galego, por partida dupla. Tras resultar seleccionada para competición oficial do 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián agora o filme ven de resultar vencedor, obtendo a Cuncha de Ouro, a máis alta distinción a un filme deste certame de máxima categoría entre os eventos cinematográficos internacionais. O feito de que unha película feita en Galicia e rodada en galego entrase na competición oficial do festival era xa un momento histórico, pero coa consecución do galardón acádase un fito novo e unha proxección internacional de dimensións considerables que conseguen para o cine feito en Galicia unha enorme visibilidade. A directora do filme, a directora e guionista Jaione Camborda (Donostia, 1983), donostiarra afincada en Santiago de Compostela, asinaba en 'O Corno' a súa segunda longametraxe. Na recollida do galardón da man da presidenta do xurado, a cineasta Claire Denis, Camborda quixo compartir o premio con Andrea Vázquez (Miramemira) e María Zamora (Elastica Films), produtoras canda ela do filme. E reivindicou a diversidade "que non fai máis que enriquecernos e facernos máis libres".. Amplía a nova>>

29/09/2023
Falece Lhosca Arias, pioneiro da animación en Galicia

O cineasta e desenvolvedor web Lhosca Arias, creador da primeira curtametraxe de animación feita en Galicia, faleceu esta semana. A Academia Galega do Audiovisual recollía nas súas redes sociais este 28 de setembro a nova da desaparición de Arias, orixinario de Monforte de Lemos. . Amplía a nova>>

27/09/2023
Unhas xornadas abordan as conexións literarias de Santiago

Explorar a conexión entre a literatura e a cidade a través de tres obras senlleiras. Este é o obxectivo co que nacen as xornadas Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela, que se desenvolven na capital do país entre o 29 de setembro e o de 1 outubro vindeiros. Trece badaladas de Suso de Toro, Doentes de Roberto Vidal Bolaño e os Seis poemas galegos de Federico García Lorca serán os eixes deste programa que inclúe concertos, rutas, conferencias ou obradoiros.. Amplía a nova>>

27/09/2023
Curtocircuíto presenta o programa completo da súa XXª edición

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto presentou en rolda de prensa o programa completo da edición na que celebra o seu vixésimo aniversario. Entre o 3 e o 8 de outubro, os amantes do cine poderán gozar dunha ampla selección de películas procedentes de máis de 16 países, así como dun cartel con destacados shows AV e actividades especiais, que amosa de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcenda a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección. Ao longo dos seis días do festival, exhibiranse un total de 49 filmes a competición procedentes de 16 países, que foron seleccionados entre as máis de 2.000 películas que se presentaron a esta última edición para competir na Sección Oficial Cosmos, en Planeta GZ e Supernova. En total, máis do 50% destes filmes contan cunha muller na dirección, unha mostra do auxe paulatino da muller no cine e do compromiso coa igualdade do equipo de Curtocircuíto, que aposta por reivindicar a capacidade de liderado da muller e por dar visibilidade ás producións lideradas por mulleres.. Amplía a nova>>

26/09/2023
Ábrese un espazo para o audiovisual galego no London Spanish Film Festival

"Letters from Galicia" é o nome da sección que, dentro do London Spanish Film Festival, acollerá mostras do audiovisual contemporáneo galego estes días. Este evento que estes días está a celebrar a súa 19ª edición na capital británica creouse en 2005 para levar ao panorama cultural londiniense o cinema contemporáneo español e xa contaba con tres seccións ou "ventás" dedicadas aos cinemas catalán, vasco e andaluz. Este ano inaugura esta sección dedicada ao cinema galego que se fai en colaboración co Galician Film Forum e a Mostra International de Cine Etnográfico Museo do Pobo Galego (MICE). Xustamente do palmarés deste certame santiagués xorden dúas das produción que se poden ver en Londres: "Al otro lado del mar", a correspodencia fílmica entre Eloy Domínguez e Samuel Moreno, que recibiu o premio a Mellor filme Galego da MICE, e a curtametraxe de Diana Toucedo "Tatuado nos ollos levamos o pouso" que levou o Premio CREA do certame. Ademais outras catro curtametraxes da realizadora redondelá formarán `parte do programa que se poderá ver mañá, mércores 27 de setembro, no festival londiniense: Prekasno (2021); Borders (2021); Homes ("016) e 'Imágenes secretas' (2013). . Amplía a nova>>

26/09/2023
O OUFF estrea sección competitiva para o cinema galego na súa 28 edición

Panorama Galicia é o título da nova sección competitiva que se incorpora ao Ourense Film Festival (OUFF) na súa vixésimo oitava xeira. A organización do evento presentaba este 25 de setembro a programación completa da cita, que inclúe máis dun cento de proxeccións e actividades entre o 29 de setembro e o 8 de outubro.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org