09/02/2016
O Concello do Porriño incrementa o seu apoio ao Festival de Cans
O vindeiro Festival de Cans contará cun maior apoio do Concello do Porriño ao seu orzamento. En concreto, a cámara municipal incrementa nun 20 por cento a súa achega, que pasa de 15.000 a 18.000 euros. A alcaldesa Eva García e o director do evento, Alfonso Pato, acordaban o pasado venres os termos da colaboración. Ademais de orzamento, o Concello anunciou que preparará unha programación complementaria ao festival que se desenvolverá nas datas previas en diferentes localidades do municipio. Ademais, tamén se renderá unha homenaxe aos veciños da parroquia, que o propio Pato definiu como "os verdadeiros protagonistas" do evento..
Amplía a nova>>
08/02/2016
Galicia volve dos Goya con dúas estatuíñas
Os filmes galegos volveron dos Premios Goya que se entregaron o pasado sábado con só dous dos dez galardóns aos que optaban. Foi a longametraxe
El desconocido, de Vaca Films, a que obtivo as estatuíñas, en concreto a de mellor son, que foi para Nacho Arenas, Jaime Fernández e o galego David Machado, e mais a de mellor montaxe, que recoñeceu o traballo de Jorge Coira. O filme aspiraba nesta edición dos premios do cinema español a premios noutras seis categorías..
Amplía a nova>>
03/02/2016
Os escritores cinematográficos recoñecen a Dani de la Torre e a Jorge Coira
O Círculo de Escritores Cinematográficos entregaba onte a súas medallas anuais nunha gala que fai a edición 71 destes galardóns. Desta volta, dous dos premios tiveron nome galego, ao abeiro do filme
El desconocido. En concerto, o monfortino Dani de la Torre fíxose co premio ao mellor director revelación, mentres Jorge Coira foi recoñecido polo seu traballo na montaxe desta mesma película.
El desconocido compite a vindeira fin de semana polos Premios Goya, para os que acumula oito candidaturas..
Amplía a nova>>
02/02/2016
Quiosco: Papeis da Academia
A Academia Galega do Audiovisual presentou o seu anuario, que desta volta introduce importantes novidades. A primeira é que se editará en formato electrónico e a segunda, é que aspiran a convertelo nunha publicación con máis frecuencia: "Queremos que deixe de ser un anuario: pretendemos que non sexa unha publicación que sae unha vez ao ano, queremos que os novos papeis da Academia cheguen a académicxs e ao noso público, ao longo de todo o ano, con reflexións, estudos e diagnoses dos tempos que vivimos". Ademáis inclúe dúas reportaxes de Montse Dopico: "O audiovisual galego, lonxe da igualdade de xénero" e "A dobraxe: un sector cos pés de lama", un calendario de eventos audiovisuais en Galicia e unha escolma sonora do traballo do compositor de bandas sonoras Xavi Font.
.
Amplía a nova>>
02/02/2016
Medra a presenza internacional do audiovisual galego
A Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba esta mañá no Salón Teatro de Compostela o seu plan 2016 para a proxección exterior do audiovisual galego co apoio do Igape e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego. O proxecto concrétase polo momento nun reforzo da presenza das nosas empresas en mercados internacionais e na renovación dos catálogos das marcas
Films from Galicia e
Shorts from Galicia. Deste xeito, as produtoras galegas poderán asistir este ano, con apoio da Xunta, a nove mercados internacioais de dereitos audiovisuais. O calendario arrinca este oito de febreiro co Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand e continúa entre o 11 e o 19 no European Film Market de Berlín. O MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM (todos eles en Cannes), así como o MICSUR de Bogotá e o Ventana Sur de Bos Aires son outras das citas xa habituais para o sector..
Amplía a nova>>
01/02/2016
Os Premios Mestre Mateo e María Casares desvelan as súas candidaturas
Comeza a recta final para a XIV edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e mais para os XX Premios de Teatro María Casares. A Academia Galega do Audiovisual, que organiza os primeiros, e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, responsable dos últimos, deron a coñecer as candidaturas que agora se someterán a votación para determinar os finalistas e, en última instancia, os premiados das dúas citas. No caso dos Mestre Mateo, compiten 146 producións, 159 produtoras e 518 profesionais nun total de 28 categorías. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará na segunda semana de abril no Pazo da Ópera da Coruña..
Amplía a nova>>
13/01/2016
O Festival de Cans abre convocatoria
Os interesados en participar no XIII Festival de Cans teñen ata o vindeiro 4 de marzo para presentar a concurso as súas curtametraxes e videoclips. A Asociación Arela, que organiza o evento, abría onte a convocatoria deste ano, para a que incrementa ata 6.200 euros a contía total dos premios. Deste xeito, o Premio do xurado á mellor curta chega aos 2.000 euros, 500 máis do que na anterior xeira. Ademais presentouse un novo web para o evento que rescata o arquivo audiovisual do festival e pon a disposición do público preto de 40 horas de vídeo. A vindeira edición do festival celebrarase entre o 18 e o 21 de maio de 2016..
Amplía a nova>>
28/12/2015
A AGADIC convoca catro liñas de axudas á industrias culturais
No medio das festas, a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de facer pública a convocatoria de catro das súas liñas de axuda para 2016, para as que destina un total de 920.000 euros. En concreto, son as subvencións á produción escénica, ás salas privadas, á promoción do talento audiovisual e aos festivais cinematográficos as que abre os seus prazos. Destas, incrementan a súa contía un 16 por cento os apoios aos festivais de cinema, que repartirán un total de 105.000 euros. Manteñen as súas contías as liñas destinadas a apoiar o talento audiovisual, con 145.000 euros, as de produción escénica, que fican con 600.000 e as orientadas a salas escénicas privadas, que repartirán 70.000 euros..
Amplía a nova>>
18/12/2015
O LAV convoca os seus obradoiros para 2016
Ata o vindeiro 31 de xaneiro está aberto o prazo de inscrición para a vindeira edición do LAV de Vedra 2016. A oferta de cursos de formación audiovisual do evento inclúe este ano propostas sobre realización de videoclips, escritura de guión de longametraxe, interpretación para a televisión, creación audiovisual en tempo real, sonorización de eventos, son "do low cost ao cinematográfico", "Kung fu fotográfico" e dirección de actores e actrices. Ademais, e como xa é habitual, haberá tamén actividades para os máis novos de balde. A vindeira edición deste laboratorio audiovisual desenvolverase entre o 13 e o 14 de febreiro..
Amplía a nova>>
14/12/2015
El desconocido acada oito nominacións aos Goya
A película galega
El desconocido acadou oito nominacións aos premios Goya 2016. As nominacións corresponden a mellor guión orixinal e mellor interpretación masculina protagonista (Luís Tosar).
El desconocido é a opera prima do director monfortino Dani de la Torre e está producida por Vaca Films, entre outros. .
Amplía a nova>>