20/05/2016
Oliver Laxe gaña o Nespresso Grand Prize da Semana da Crítica de Cannes
Por vez primeira, un filme galego acaba de se impor como vencedor na Semana da Crítica de Cannes. O xurado deste evento, que se celebra de xeito paralelo ao festival, outorgoulle onte a
Mimosas de Óliver Laxe o Nespresso Grand Prize, dotado con 15,000 euros. O filme, ambientado en Marrocos é unha coprodución coprodución da galega Zeitun Films, a marroquí La Prod e a francesa Rouge International. .
Amplía a nova>>
19/05/2016
O Museo de Pontevedra presenta Telearqueoloxía
Implicar a cidadanía no coñecemento e na investigación dos depósitos arqueolóxicos da provincia mediante o audiovisual. Esta é o eixe de
Telearqueoloxía, a proposta que presentaban onte a Deputación e mais o Museo de Pontevedra. A iniciativa pretende organizar grupos de traballo de entidades e particulares que recibirán formación sobre investigación arqueolóxica e video-investigación. Con posterioridade, os participantes realizarán curtametraxes sobre este patrimonio na provincia e participarán, xa no mes de decembro, nun festival audiovisual de curtametraxes de temática arqueolóxica..
Amplía a nova>>
18/05/2016
A V Primavera do Cine chega medrada a Vigo
Mañá abre o telón en Vigo a quinta edición do festival Primavera do Cine. O evento, que se prolongará ata o vindeiro 29 de maio, duplica nesta nova xeira o número de filmes que se proxectarán e mais as sedes que ocupa na Cidade Olívica. En total serán 50 curtametraxes e 20 longametraxes galegas e da lusofonía que se poderán ver no auditorio do Concello, no MARCO e mais na sede do Instituto Camões. Ademais das sesións o programa inclúe tamén coloquios, concertos, actividades escolares no marco do programa
Escoita… é cine!, galas, retrospectivas e clases maxistrais como a que ofertará Mario Iglesias..
Amplía a nova>>
16/05/2016
Dani de la Torre continúa a colleita de premios co Crea
El desconocido continúa a súa colleita de premios. Logo de arrasar nos Mestre Mateo, Dani de la Torre recollía este sábado o premio Crea á mellor dirección de longametraxe polo seu traballo neste filme. Estes galardóns que convocou por vez primeira a Asociación de Directores e Realizadores Galegos nacen coa intención de recoñecer os traballos da industria audiovisual do país. No palmarés tamén suma un premio á súa lista
Psiconautas, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, que se fixo co galardón de animación. .
Amplía a nova>>
12/05/2016
Lois Patiño é premiado no Festival Internacional de Cinema de San Francisco
Cunha historia ambientada no contrabando entre Galicia e Portugal, o cineasta galego Lois Patiño acaba de se facer co premio á mellor curtametraxe no Festival Internacional de Cinema de San Francisco.
Noite Sem Distância, producida pola firma portuguesa Curtas Vila do Conde conta con habitantes da zona do Gerês para desenvolver un proxecto no que "a ficción, o documental e o experimental se mestura, a tentar acadar un equilibrio entre o contemplativo, o conceptual e o narrativo", segundo explica Patiño no seu web. .
Amplía a nova>>
10/05/2016
Fran Gayo é o novo director do Festival de Cinema de Ourense
O Festival de Cine Internacional de Ourense estreará director na súa vixésimo primeira edición. O asturiano Fran Gayo correrá coa coordinación do evento na xeira que se celebrará entre o 28 de outubro e o 5 de novembro vindeiros. Segundo explicou a organización do evento, Gayo, que xa fora responsable de eventos como o FicXixón ou o BAFICI de Bos Aires, "asume o reto de contaxiarlle ao público de Ourense a súa curiosidade polas novas tendencias cinematográficas do concerto internacional, especialmente do ámbito iberoamericano, sobre o que se porá o foco na presente edición do OUFF"..
Amplía a nova>>
10/05/2016
El Partido impúxose no Carballo Interplay
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay fechaba este domingo a súa terceira edición coa entrega de premios. Como novidade, a organización outorgoulle un Premio de Honra ao humorista Pedro Reyes. O falecido actor protagonizaba unha das webseries da sección oficial,
Pedro Reyes For President. No entanto, o grande vencedor desta xeira foi a produción
El Partido, que levou os premios á mellor direccións e mais á mellor webserie en imaxe real.
Poetarras, pola súa banda, recuncou como mellor webserie en galego, un galardón que xa obtivera hai dous anos.
Orfanato atroz, de Antón Varela, foi recoñecida como mellor webserie de animación, categoría na que houbo unha mención especial para o proxecto
Niño ratón. .
Amplía a nova>>
06/05/2016
A Consellaría de Cultura presenta dúas pezas audiovisuais sobre poemas de Manuel María
A pita choca e
Biografía dunha folla son os títulos da dúas pezas audiovisuais que están a difundir a Secretaría Xeral de Cultura e mais a TVG sobre senllos poemas de Manuel María. Os vídeos, realizados por Algarabía Producións, amosan animacións sobre os temas destas composicións, que son recitadas por diferentes persoas. En paralelo, a Consellaría de Cultura presentaba onte na biblioteca González Garcés da Coruña a exposición
Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), a mostra itinerante que lle dedica ao autor homenaxeado no Día das Letras este ano. A mostra repasa en dez paneis "a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais" a abordar "aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou"..
Amplía a nova>>
06/05/2016
A mostra (S8) dedica a súa sétima edición aos Novos Impresionistas
Os novos impresionistas é o lema da sétima edición da (S8), a mostra de cinema periférico da Coruña. Entre o 1 e o 8 de xuño vindeiros, o programa deste evento achegará unha selección de cineastas emerxentes e veteranos "para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asinan algunhas das obras visualmente máis estimulantes dos últimos anos". Jacques Perconte,Stephen Broomer, Jodie Mack e Robert Todd, o arxentino Pablo Mazzolo, os canadenses John Price, Alexandre Larose e Eva Kolcze ou a británica Charlotte Pryce, así como Germaine Dulac son nomes que fan parte da nova xeira do encontro. Para a gala inaugural proxectarase unha versión restaurada do clásico de Sergei Eisenstein,
Acorazado Potemkin que contará con música ao vivo a cargo do pianista e compositor Chris Jarrett..
Amplía a nova>>
03/05/2016
Cans presenta a súa edición máis multidisciplinar
Con dezaoito curtametraxes a concurso, cinco delas de animación, presentábase esta mañá a XIII Edición do Festival de Cans. O evento do Porriño proxectará en total 90 pezas audiovisuais, entre as que se contan as dezaoito que fan parte do concurso de videoclips. A selección realizouse entre 215 producións presentadas, o que constitúe unha nova marca na historia do evento. Dentro do programa, a organización salienta a importante presenza de directoras e directores galegos que crean desde fóra do país. Para alén do audiovisual a nova edición do evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 21 de maio, caracterízase por ser á que ten unha maior presenza multimedia.
.
Amplía a nova>>