Novas | 1381 a 1390 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

13/09/2016
Cinco filmes premiados nos Mestre Mateo nas proxeccións do CGAI para a temporada

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inicia hoxe a súa temporada de proxeccións 2016-2017, na que durante este primeiro bimestre ofrecerá ciclos dedicados aos filmes galegos galardoados na recente edición dos Premios Mestre Mateo, así como á obra de cineastas como Martín Rejtman, Bruce Baillie ou Sergei Loznitsa. A película El desconocido, de Dani de la Torre (o xoves 15); as curtametraxes Eco, de Xacio Baño, O terceiro porco, de David Saborido, e Buscando a superfama (Heredeiros da Crus), de Olga Osorio (o venres 16); e o documental Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés (o sábado 17) son os cinco títulos que poderán verse nos próximos días como escolma dos traballos distinguidos cos premios que outorga anualmente a Academia Galega do Audiovisual. Ademais, o CGAI ten programadas dúas sesións (o 7 e o 19 de outubro) dedicadas á obra documental do cineasta ucraíno Sergei Loznitsa, continuando así a súa cooperación cos creadores obxecto de atención polo festival Curtocircuíto de Santiago de Compostela. Outro certame importante no panorama audiovisual galego, o Freakemacine, ocupará tamén unha semana de proxeccións (do 25 ao 29 de outubro) na filmoteca galega, con dez títulos e outras actividades de difusión do xénero fantástico.. Amplía a nova>>

13/09/2016
A película Sicixia de Ignacio Vilar competirá no Festival Cinespaña de Toulouse

A longametraxe Sicixia , escrita e dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea, resultou seleccionada entre 126 películas de ficción españolas para competir na Sección Oficial do Festival Cinespaña de Toulouse (Francia) que terá lugar o vindeiro mes de outubro. O realizador ourensán Norberto López Amado (Ourense, 1965) tamén competirá nesa sección do festival coa película La Decisión de Julia , opta ao galardón Violette d'or do festival. Sicixia estrearase en cines o 25 de novembro, está protagonizada polos actores Monti Castiñeiras, Marta Lado, Sonia Castelo e Tamara Canosa e conta a historia de Xiao, un enxeñeiro de son que percorre a Costa da Morte. Nesta viaxe coñecerá a Olalla, que traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe destas paraxes.. Amplía a nova>>

05/09/2016
San Sadurniño completa a terceira xeira do Chanfaina Lab

Realizadores de todo país desenvolveron esta fin de semana un maratón de traballo na terceira edición do Chanfaina Lab. San Sadurniño acolleu entre o xoves 1 e o domingo 4 de setembro un encontro no que Ángeles Huerta, Beatriz del Monte, Carla Andrade, Claudia Brenlla, Eloi Domínguez, Lara Bacelo, Lara e Noa Castro, Lois Patiño, Marcos Lourido, Marta Piñeiro, Natalia Porca, Pablo Millán, Sabela Pernas e Jorge Coira rodaron cadansúa peza no lugar. Canda a eles, creadores locais como Fran Bermúdez, Abel Vega, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Roberto Bouza ou Sebastián Rodríguez desenvolveron tamén os seus traballos audiovisuais. O programa, como é habitual, complementouse con proxeccións e obradoiros de creación cinematográfica. Os resultados, uns filmes de temática e forma libre de entre tres e cinco minutos, proxectaranse nos vindeiros meses no concello e poderán verse na rede.. Amplía a nova>>

02/09/2016
Máis de 40 propostas culturais inundarán Santiago de Compostela no WOS Festival

Xa se coñecen todas as propostas musicais que conforman o programa da terceira edición do festival urbano de cultura alternativa WOS. As derradeiras confirmacións reveladas esta semana son Vessel, Black Cobra, Tin Man, Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs, ARIES, Pablo Electrocute, Nzumbe e Dj-Firmeza que se unen aos xa previamente confirmados Silver Apples, Thee Oh Sees, Roly Porter & MFO, Dead Meadow ou The Soft Moon. A presenza galega no evento que encherá de música espazos singulares de Compostela entre o 7 e o 11 de setembro estará representada por Triángulo de Amor Bizarro, Disco las Palmeras!, Fogbound o Malandrómeda vs LAR Legido. . Amplía a nova>>

24/08/2016
Óliver Laxe opta aos Premios do Cinema Europeo

Os Premios do Cinema Europeo, que organiza cada ano a Academia do Cine Europeo e están considerados como os Óscar do continente, contan nesta súa vixésimo novena edición cun proxecto galego entre os seus finalistas. Mimosas, dirixida por Óliver Laxe para Zeitun Films, é unha das cincuenta producións que optan a ser recoñecidas nas diferentes categorías deste certame. Canda a el, só os filmes Julieta, de Pedro Almodóvar, El Olivo, de Iciar Bollaín e Truman, de Cesc Gay aspiran a estes galardóns a nivel estatal. A listaxe final de nominacións darase a coñecer o vindeiro cinco de novembro no Festival de Cinema Europeo de Sevilla, e a entrega dos premios realizarase o 10 de decembro en Wroclaw, Polonia. . Amplía a nova>>

23/08/2016
Samuel M. Delgado e Helena Girón fan as américas coa súa nova curta

La Banda Negra, a produtora da galega Helena Girón e mais do tinerfeño Samuel M. Delgado está a levar o seu último traballo alén do Atlántico. A curtametraxe Montañas ardientes que vomitan fuego, unha mestura de documental e de cinema experimental, estrearase a nivel mundial o vindeiro nove de setembro no Toronto International Film Festival, considerado o segundo máis importante do mundo logo do de Cannes. Segundo explican os cineastas, o filme parte das teorías do científico do século XVII Athanasius Kircher e propón unha viaxe temporal a través do tubo volcánico da Coroa, na illa de Lanzarote. A cinta continuará o seu percorrido cunha nova proxección no coñecido New York Film Festival a comezos do vindeiro mes de outubro.. Amplía a nova>>

26/07/2016
As Xociviga recuperan a figura do xornalista Aurelio Pego

As históricas Xornadas de Cine e Vigo de Galicia celébranse no Carballiño entre o 25 e o 30 de xullo de 2016, destacando desta volta unha figura descoñecida do xornalismo audiovisual: Aurelio Pego, un comunicador establecido nos Estados Unidos a partir dos anos 20 do pasado século e que destacou na cobertura cinematográfica tanto no seu país de diáspora como no mundo latino. As Xociviga inclúen unha exposición e unha publicación a cargo do investigador Xosé Enrique Acuña sobre esta descoñecida figura. As Xociviga inclúen este ano a proxección de 37 filmes. . Amplía a nova>>

22/07/2016
A Guarda recupera o legado do fotógrafo Costiña

Joaquín García, Costiña, foi un dos fotógrafos máis lembrados da Guarda, vila na que habitou entre 1894 e 1957. Agora, a exposición Camiños da imaxe recupera a memoria da localidade a través das súas imaxes. Para alén de fotografías, poderán verse os filmes que este creador realizou nos anos 20, recentemente recuperados do esquecemento e que se consideran os primeiros filmes rodados na vila. Despois da fin da exposición, que se pode ver na Casa dos Alonsos ata o 15 de agosto, en novembro presentarase un volume sobre este patrimonio que contará coa participación de especialistas do mundo da fotografía e do cinema como Manuel Sendón, Luis Parés ou Fernando Redondo.. Amplía a nova>>

21/07/2016
Dezaseis filmes reparten as axudas á produción da AGADIC

Seis longametraxes de ficción, dúas documentais cinematográficas e outras tres televisivas, tres curtas, unha miniserie de ficción e unha serie de animación infantil son os proxectos que contarán co apoio das axudas á produción e á coprodución audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais. A AGADIC facía onte públicos os resultados desta convocatoria, que distribúen case dous millóns de euros entre 16 proxectos. Das iniciativas que conseguen fondos son as producións Trote de Frida Films, coa que debutará Xacio Baño como director de longametraxes e As troitas cantan ao amencer, de Alexia Muíños con Abano Producións, as que acadan máis fondos, con 258.897 euros cada unha. Longa noite, de Eloy Enciso, Feedback, de Pedro C. Alonso, Arima, de Jaione Cambordaou ou Aquilo que arde de Óliver Laxe son outras iniciativas que conseguiron apoio económico. . Amplía a nova>>

19/07/2016
As Xociviga premian a Mariana Carballal e a Eduardo Galán

A organización das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, que inician o vindeiro 25 de xullo a súa nova edición no Carballiño, daba a coñecer onte os premios de honra desta xeira. O xurado destes galardóns acordou recoñecer a Mariana Carballal pola "súa longa traxectoria profesional en teatro, televisión e cine, como actriz, directora e realizadora, que enche abondo as dúas últimas décadas no mundo da creación escénica e audiovisual, tanto en Galicia como fora dela" co Premio de Honra das xornadas. Canda a ela, o crítico e historiador cinematográfico Eduardo Galán Blanco, viu recoñecido o seu compromiso histórico co desenvolvemento do audiovisual galego e as súas achegas ás propias xornadas coa concesión da Insignia de Ouro do evento.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org