Realizadores de todo país desenvolveron esta fin de semana un maratón de traballo na terceira edición do Chanfaina Lab. San Sadurniño acolleu entre o xoves 1 e o domingo 4 de setembro un encontro no que Ángeles Huerta, Beatriz del Monte, Carla Andrade, Claudia Brenlla, Eloi Domínguez, Lara Bacelo, Lara e Noa Castro, Lois Patiño, Marcos Lourido, Marta Piñeiro, Natalia Porca, Pablo Millán, Sabela Pernas e Jorge Coira rodaron cadansúa peza no lugar. Canda a eles, creadores locais como Fran Bermúdez, Abel Vega, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Roberto Bouza ou Sebastián Rodríguez desenvolveron tamén os seus traballos audiovisuais. O programa, como é habitual, complementouse con proxeccións e obradoiros de creación cinematográfica. Os resultados, uns filmes de temática e forma libre de entre tres e cinco minutos, proxectaranse nos vindeiros meses no concello e poderán verse na rede.