25/08/2017
Sesenta creadoras no 85C Festival de mulleres artistas
Co obxectivo de visibilizar a capacidade creativa e artística das mulleres nas máis diversas disciplinas o proxecto 85C ( 85 polo ano de nacemento de Rosalía e C polo apelido castro) creouse conseguiu xuntar a 60 artistas. Estes 25 e 26 de agosto ofrecerán a súa arte a través dun intenso programa que inclúe actividades teatrais, danza, recitais, concertos, graffiti, proxección audiovisual e unha longa lista de posibilidades para compartir o talento destas creadoras. Un evento apto para todo os públicos que durará de 11.30h da mañá do sábado a 5h da mañá do domingo pasando por varias ubicacións da cidade olívica, rúas, prazas e locais pechados. O festival comezará no Mercado Progreso 41 cun contacontos infantil de Charo Pita ao que seguirá outro en sesión vermú da escritora Eli Ríos adaptado a todos os públicos pero dirixido aos adultos. Pola tarde será no espazo detrás do MARCO onde se desenvolvan as actividades con recitais, danza, performances, proxeccións audiovisuais de curtametraxes e videoclips e música en directo. Na noite no Master Masterclub Vigo comezará ás 23 horas unha Jam Aberta coa Di-Bass Ensamble mais os coros de danza urbana con 15 bailarinas de danza urbana bailando. As actuacións no Mercado Progreso e no Masterclub terán un prezo de entrada de 5 euros. Ás tres da mañá todo se trasladará ao Monk Blues Cóctel Bar onde haberá unha sesión de dj sorpresa ata as 5. .
Amplía a nova>>
22/08/2017
O CGAI recuperará 60 anos de historia dos estaleiros ferroláns arquivados por Navantia
O CGAI e Navantia acaban de firmar un acordo polo que os arquivos fílmicos e videográficos da empresa naval serán depositados na filmoteca galega. Trátase de 106 películas e 396 vídeos que abranguen de 1951 a 2012 e documentan todo tipo de traballos levados a cabo no seo dos estaleiros ferroláns, como técnicas de construción ou botaduras de barcos. Algunhas destas pezas contan amais con valor histórico, ao capturar eventos como visitas de ministros ou outras autoridades e, por momentos, non se cinguen exclusivamente á actividade da empresa, senón que plasman aspectos da industria metalúrxica ferrolá no seu conxunto. O labor do CGAI consiste agora en catalogar e arquivar debidamente este fondo, así como en velar pola súa conservación. O estudo dos materiais depositados na filmoteca permitirá determinar o alcance desta achega e, moi posiblemente, descubrir filmes de valor historiográfico. De feito, en arquivos similares o CGAI ten atopado as primeiras películas rodadas en Galicia. Ademais, hai que ter en conta que o cinematógrafo e a industria naval naceron ligados, xa que o primeiro filme do que existe constancia en Galicia é precisamente
Botadura al agua del acorazado Cardenal Cisneros, hoxe perdido, datado en Ferrol no ano 1897. No fondo que se lle entrega agora ao CGAI, tamén figura o fotógrafo Pedro Lugrís como autor dalgunhas destas gravacións. A análise, recuperación e conservación deste material permitirá atesourar e compartir coa sociedade galega un patrimonio fílmico con gran valor histórico polo seu rexistro tanto do día a día como dos principais eventos dos estaleiros ferroláns.
As primeiras fitas que se conservan actualmente son
Botadura del España (1912), descuberta e rescatada do arquivo de Pathé-Gaumont, e
Botadura del acorazado Alfonso XIII (1913), cuxa recuperación foi posible tras contactar coas descendentes do ministro de Marina do momento, que gardaban unha copia en celuloide do evento. Xa nos inicios do século XX, cando Navantia era aínda a Sociedad Española de Construcción Naval, a empresa naval empregaba fotógrafos para documentar as súas actividades, como Pascual Rey, a quen se pode ver precisamente en Botadura del acorazado Alfonso XIII, e Bernardino González.
.
Amplía a nova>>
24/07/2017
Premio Platino de Cine Iberoamericano para Psiconautas
A película de animación
Psiconautas, los niños olvidados de Alberto Vázquez ven de recoller un novo premio. A cinta, dirixida por Alberto Vázquez e Pedro Rivero a partir da novela gráfica homónima de Alberto Vázquez, ven de ser recoñecida nos Premios Platino de Cine Iberoamericano como mellor película de animación. A película esta producido por ZircoZine e Basque Films en coprodución con Abrakam Estudio e La Competencia. Este galardón ven a engadirse a un voluminoso palmarés que a cinta leva recollido desde a súa presentación e que inclúe o Premio Goya 2017, o Premio Animovie do festival de Stuttgart e outros recoñecementos como foron os premios á mellor longametraxe no Festival Macabro e o de mellor filme de animación do FIC Monterrey, ambos en México, o obtido do Imaginaria, tamén en Italia, ou o do festival Fantasía de Canadá..
Amplía a nova>>
19/07/2017
As Xociviga homenaxearán a Fernando Rey
As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño, as máis veteranas de todas as citas co audiovisual en Galicia, desenvolverán unha nova edición do 30 de xullo ao 4 de agosto. Esta 33ª Xociviga fará unha homenaxe ao actor coruñés Fernando Rey e acollerá a exposición
Carlos Casares e o Cine, ademais de programar exhibicións da produción máis recente e premiada do cine galego. As Xornadas comezarán na noite do 30 de xullo, coa proxección na praza Maior do Carballiño de
El bosque animado. O acto, que contará coa presenza do director José Luis Cuerda, servirá para renderlle homenaxe ao actor galego Fernado Rey, un dos protagonistas do filme, xa que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento na Coruña. O programa continuará ata o 4 de agosto con 16 películas en catro seccións: Xociviga Cinema, que exhibirá seis filmes (entre eles,
Locas de alegría, Land of Mine ou
Un Hombre llamado Ove), Xociviga Nenos, con pases matinais de éxitos infantís, Documentais Galicia, composto por
Contando a Carlos Casares, Esquece Monelos e
Manuel Vilariño Ser Luz; e Ficción Galega, con
María y los demás, Migas de pan, Mimosas e
Sicixia. A exposición
Carlos Casares e o Cine, estará instalada na Casa do Concello (que se completará cunha conferencia do mesmo título a cargo do mestre e crítico Miguel Anxo Fernández); tamén estará a exposición
Retratos Documentados, de José Abalo, que se poderá visitar no Auditorio Municipal. Esta última mostra é tamén a protagonista dunha das publicacións das Xociviga deste ano, xunto co libro-programa que incluirá textos asinados por José Luis Cuerda sobre Fernando Rey. .
Amplía a nova>>
14/07/2017
Repartidas as axudas públicas autonómicas á produción audiovisual
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo hoxe pública a distribución de axudas á produción de novos filmes, que chegarán a 11 empresas audiovisuais galegas para a produción dos seus novos traballos para cinema e televisión. A través desta convocatoria, dotada con 2 millóns de euros subvenciónanse en concreto 12 novos títulos: catro longametraxes de ficción, outras catro documentais, unha de animación, dúas series para televisión e unha curtametraxe.
.
Amplía a nova>>
13/07/2017
A curtametraxe 'Plus Ultra' de Helena Girón seleccionada para o Festival Internacional de Locarno
A curtametraxe
Plus Ultra da cineasta compostelá Helena Girón estrearase en competición no Festival de Locarno en agosto. A obra foi seleccionada para participar na sección Pardo di Domani do festival internacional suízo. A curtametraxe dirixida, escrita, realizada e producida por Helena Girón e o tinerfeño Samuel M. Delgado, co apoio de El Viaje Films e Filmika Galaika mestura ficción histórica e experimentación a partir do lema institucional
Plus ultra . que alentaba a conquistar novas terras. “Canarias –banco de probas das tácticas utilizadas na colonización de América– convértese en escenario dunha fábula sobre o territorio” Segundo apunta a sinopse. A cinta de Girón é unha das dúas únicas producións de orixe española que se poderán ver no festival de Locarno.
.
Amplía a nova>>
12/07/2017
O Concello da Coruña abre unha liña de subvencións a festivais audiovisuais
O Concello da Coruña ven de presentar un plan de axudas á celebración de festivais audiovisuais na cidade dotado con 40.000 euros. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este martes a convocatoria municipal de subvencións para a organización de festivais audiovisuais que, como sinalou, servirá para fomentar e dar apoio a este tipo de eventos audiovisuais "tendo en conta a pegada que ten o sector na cidade e a súa ampla variedade". Como tamén indicou Sande na presentación, esta nova convocatoria forma parte dun plan "máis ambicioso", relacionado con este sector, que se formalizará a través dun convenio coa Academia Galega do Audiovisual, e se suma ao ciclo de apoio ás pre-estreas e actividades iniciada polo Concello o ano pasado. A convocatoria, segundo informou esta mañá o concelleiro, vai destinada ao fomento e apoio aos festivais audiovisuais de carácter contrastado, xa realizados neste ano ou por realizar antes do 30 de novembro deste ano. Entre os requisitos para concorrer está a ubicación do mesmo, que deberá celebrar no termo municipal da Coruña, e que deberá ter unha duración mínima de tres xornadas e un mínimo de doce proxeccións; para optar a estas subvencións é requisito tamén que o evento teña realizado dúas edicións consecutivas inmediatamente anteriores á deste 2017, "para propiciar aqueles proxectos consistentes e asentados", e que a súa proposta de programación contemple un mínimo do 10% de títulos ou sesións de produción cinematográfica galega, ou ben con dirección galega, "de cara a favorecer a produción local". ”. O consistorio coruñés tamén ven de publicar no BOP de hoxe a convocatoria de axudas a salas de teatro, artes escénicas e musicais que ofrece – en función do aforo e da disciplina artística- subvencións de entre 15.000 euros e 3.000 euros para o apoio a programacións culturais durante o presente ano. Estas axudas contan cunha partida de 30.000 euros..
Amplía a nova>>
11/07/2017
Agadic convoca as axudas para promover películas nos festivais de cine
O Diario Oficial De Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para a promoción e difusión do cinema galego en festivais e mostras de cinema fóra da comunidade. A Axencia galega das Industrias Culturais, dependente da Consellería de Cultura destinará un total de 30.000 euros para apoiar a promoción de obras audiovisuais para o 2017 no circuíto nacional e internacional de eventos cinematográficos entre os que están os 19 festivais recoñecidos e clasificados pola FIAPF (Federación Internacional de Asociacións de Produtores Cinematográficos) e outros tantos a maiores. A contía da axuda para cada obra audiovisual pode variar , segundo o festival e segundo a sección á que a película vaia en función de se é na sección oficial competitiva ou noutras seccións. As películas que se presenten nas seccións oficiais ao Festival de Cannes, a Berlinale, a Bienal de Venecia ou ao Festival Internacional de Cine de San Sebastián poden obter ata 5.000 euros de axuda para os gastos promocionais. Estas subvencións teñen como obxecto promover a distribución e comercialización dos produtos culturais no mercado global..
Amplía a nova>>
05/07/2017
A Deputación da Coruña apoia 25 festivais en concellos
A Deputación da Coruña, ven de facer pública a resolución das axudas a festivais de música, artes escénicas e audiovisuais organizados polos concellos da provincia. O ente repartirá nesta fase máis de medio millón de euros para apoiar estes eventos e nunha seguinte resolución repartirá unha cantidade semellante entre festivais organizados por entidades. Dos 518.187,14 € que a área de Cultura destina a festivais organizados por concellos máis da metade (267.428, 69 euros) vai para apoiar citas de carácter audiovisual. Dos vinte e cinco beneficiarios desta liña de axudas aqueles que reciben as maiores partidos son o Curtocircuíto de Santiago e o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, con 90.000 euros cada un deles para a súas edicións do presente ano. A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón é o evento teatral que maior cantidade recibe con 21.288,38 euros asignados. Festivais como Cineuropa, Rock in Cambre, Festival Carballo Interplay , Festival Desordes Sonoras, Mostra de Teatro de Cariño, Traz outro amigo Também de Cedeira, Fartar de Arteixo ou Val de Rúa de Betanzos son algúns dos outros beneficiarios da liña de axudas para concellos en concorrencia competitiva seguindo criterios obxectivos como traxectoria, impacto social, número de edicións ou presenza de grupos, bandas e producións galegas..
Amplía a nova>>
03/07/2017
Damien Manivel imponse no II Festival Novos Cinemas con Le Parc
Onte, domingo 2 de xullo, botaba o feche en Pontevedra a segunda edición do festival Novos Cinemas. A xeira rematou cunha entrega de premios na que se impuxo o filme
Le Parc, de Damien Manivel, a quen o xurado recoñeceu co premio oficial á mellor longametraxe en recoñecemento á "verdade coa que retrata os primeiros encontros amorosos e a súa arriscada proposta narrativa". Ademais, acordou outorgalle unha mención a
I Tempi Felici Verranno Presto, de Alessandro Comodin,"pola forza e a suxerencia das súas imaxes que viaxan dunha maneira moi libre da realidade ao mito". Canda a estes, destaca o premio do público, que seleccionou
Estiu 1993 de Carla Simón como a súa favorita. O premio permitirá que o filme se integre na rede de distribución
Cinemas de Galicia da Axencia Galega das Industrias Culturais..
Amplía a nova>>