30/06/2017
A película 'Trote' de Xacio Baño competirá no Festival de San Sebastián
A película actualmente en rodaxe
Trote será o debut como director do cineasta Xacio Baño e con ela irá á sección de competición oficial do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. O filme producido por Frida Films, rodado integramente en galego e que conta co apoio de Agadic, a Deputación de Pontevedra e coa participación da TVG será a primeira película no noso idioma que compita no prestixiosos festival vasco. O proxecto entra directamente nesta sección oficial ao ter sido seleccionado para participar no programa de residencias Ikusmira Berriak promovido polo festival. para a promoción do audiovisual. A película, que se filma nestes meses de xuño e xullo por diversas localizacións galegas, estará gravando na Rapa das Bestas de Amil os vindeiros días 15 e 16 de xullo en Moraña. .
Amplía a nova>>
23/06/2017
A Xunta asina un acordo con Arxentina para coproducións audiovisuais
Conecta Fiction, o encontro audiovisual que acolleu a Cidade da Cultura esta semana e que pretende impulsar a coprodución de series de televisión entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos remata hoxe con novidades para o sector galego. Por unha banda, a Xunta anunciaba esta mañá a sinatura dun memorándum para promover a coprodución de traballos audiovisuais con Arxentina. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Argentina (INCAA), Ralph Douglas Haiek, asinaron este acordo que contempla a creación dunha coordinadora entre as dúas entidades que "deseñará e redactará convocatorias públicas de axudas ao desenvolvemento e á coprodución", segundo explica a Xunta. "O obxectivo é obter obras de calidade que reúnan elementos culturais dos dous territorios e favorezan o intercambio de talento técnico e artístico". .
Amplía a nova>>
23/06/2017
O III Chanfaina Lab ten xa na rede todos os seus vídeos
Ocultas na paisaxe é o título do filme de Sabela Pernas que fecha as estreas en liña do III Chanfaina Lab. Coa publicación na rede desta peza están xa dispoñibles todas as producións dos 21 cineastas que participaron na cita audiovisual de San Sadurniño e que se foron publicando cada venres na canle de Youtube do evento desde o pasado mes de febreiro.
Deuteronomio 7:11 de Marta Piñeiro,
O libro de Sebastián Rodríguez e Bieito Beceiro,
O ollo cobizoso de Lara e Noa Castro,
O meu traxecto ao cole de Pablo Martínez,
Sibila de Carla Andrade,
Mañá cocemos de Abel Vega,
Pois iso, que te quero de Beatriz del Monte,
Españolizer-pro e
Flipacan do colectivo Con suma conciencia,
Sentimentos de Fran Bermúdez,
Here de Natalia Porca,
Tempo morto de Marcos Lourido,
Soli, soli de Eloi Domínguez,
Superficial, de Jorge Coira,
Próxima estación, San Sadurniño de Angeles Huerta
Tres videohistorietas de Claudia Brenlla e
Negra sombra de Pablo Millán son as outras producións que se realizaron durante o 3 e o 4 de setembro do 2016.
.
Amplía a nova>>
19/06/2017
Coruña Dixital medra e crea o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación
O programa Coruña Dixital, que busca visibilizar as comunidades que traballan neste eido e formar a poboación nas novas tecnoloxías no Concello Herculino, amplíase na súa segunda xeira. O edil de Cultura, José Manuel Sande, presentaba este vernes a nova edición da iniciativa que ten como principal novidade a posta en marcha do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación. Este proxecto pretende "potenciar e dar a coñecer as novas linguaxes audiovisuais e favorecer a creación entre a veciñanza, así como de tecer alianzas con centros de ensino, a Universidade, empresas de produción audiovisual e comunicación dixital, institucións e colectivos profesionais e outras entidades cidadás que compartan obxectivos similares", segundo explicou a súa coordinadora, María Yáñez. Nas actividades do mesmo abordaranse "as novas linguaxes audiovisuais, desde as micro-narrativas populares ata o documental interactivo ou a realidade virtual. Tamén se prestará atención aos novos modelos de distribución e produción: desde como se profesionalizan os contidos en YouTube ata as posibilidades do cinema crowd e das comunidades online como impulsoras de proxectos audiovisuais"..
Amplía a nova>>
16/06/2017
AGADIC convoca as axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais
A Axencia galega de Industrias Culturais (AGADIC) ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega. A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual o que inclúe o custe da xestión de dereitos e asesorías relacionadas co guión ou concepto; custe do persoal de produción e dirección do proxecto; materiais de produción e promocionais; gastos de transporte e aloxamento relacionados directamente co desenvolvemento do proxecto; gastos xurídicos e asesoramento contable. A administración pública destina a este fin 200.000 euros de orzamento dos que 25.000 euros serán con cargo ao exercicio 2017 e 175.000 euros con cargo ao exercicio 2018. .
Amplía a nova>>
13/06/2017
Novos Cinemas medra na súa segunda edición
Do 27 de xuño ao 2 de xullo Pontevedra acolle a edición 02 do festival Novos Cinemas. O evento medra nesta xeira a incorporar unha nova sección competitiva,
Latexos, que segundo a organización quere "achegar ao público a un cinema máis oculto e emocional, máis fráxil, pero tamén potente que merece ter unha cabida dentro das salas de proxección". Catro producións optarán nela ao Premio Numax, que inclúe a proxección dentro desta sala compostelá. Canda a esta, a sección oficial contará de novo con nove producións a concurso, das que dúas serán españolas. Ángel Santos e Suso Novás, membros da dirección de Novos Cinemas presentaron onte o evento nun acto que contou con representantes da Deputación e do Concello de Pontevedra. Na rolda revelaron tamén que
Mimosas, de Oliver Laxe, será o filme que clausurará esta edición cunha proxección o 2 de xullo no teatro principal. .
Amplía a nova>>
12/06/2017
O mercado da ficción televisiva reunirase en Santiago no Conecta Fiction
Representantes de máis de 35 canles de televisión de referencia internacional daranse cita en Santiago de Compostela do 20 ao 23 de xuño para asistir a Conecta FICTION, primeiro encontro dedicado á coprodución de ficción televisiva (series e miniseries) entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos. Atópanse entre eles directivos de cadeas e plataformas de televisión, produtoras, distribuidoras, empresas inversoras, de servizos e asesorías xurídicas, ademais de creadores, guionistas e axentes de vendas. Así, Conecta FICTION reunirá en Galicia marcas tan coñecidas como Arte, Atresmedia, Fox Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix, Radio Televisión Española, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo, Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV Azteca e Univisión, entre moitas outras..
Amplía a nova>>
08/06/2017
A Academia do Audiovisual entrega os Premios de ensaio María Luz Morales
A primeira edición do certame de Premios María Luz Morales de Ensaio sobre o Audiovisual convocados pola Academia galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións provinciais chegou onte ao seu fin coa comunicación dos traballos gañadores e a entrega dos premios. Dous videoensaios e dous ensaios escritos para as diferentes categorías e máis un accésit a outro ensaio escrito recibiron onte na Deputación da Coruña os galardóns e os premios monetarios que os acompañan. O ferrolán Brais Romero resultou premiado por dupla partida xa que o seu videoensaio
Films From Galicia (?) gañou na categoría dedicada ao audiovisual galego e o seu ensaio escrito
O galego no cinema galego foi o merecedor dun accésit por parte do xurado. Nos dous traballos Romero indaga na presenza do idioma galego nas producións cinematográficas desde unha visión crítica coas institucións. Cunha perspectiva de reflexión sobre os elementos de estilo do discurso audiovisual a vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con
A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social. A perspectiva de xénero, tan reclamada nos últimos premios Mestre Mateo, está presente grazas ao traballo de Noelia Álvarez (Lugo) e Nazaré Estévez (Cortegada) que recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con
Análise da representación da muller no cinema español da última década, que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español. Cibrán Tenreiro (Oleiros) gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con
Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega ,polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento..
Amplía a nova>>
06/06/2017
O persoal do CGAI leva o Premio CREA de Honra
Aínda que a entrega de galardóns celebrouse o pasado sábado, non foi ata hoxe que a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia non fixo pública a listaxe íntegra de gañadores dos Premios Crea na súa segunda edición. Entre estes homenaxes, nados para recoñecer "dun xeito público a aqueles colegas que destaquen nunha faceta de dirección ou realización audioviual. E de paso axudar a promocionar o seu traballo", a asociación acordou recoñecer co premio de honra o persoal do Centro Galego das Artes da Imaxe "polo seu traballo -non sempre nas mellores condicións- a prol da conservación do patrimonio audiovisual galego, asi como pola súa contribución á educación das nosas miradas". Canda a este, acordou outorgarlle unha mención especial á Visibilidade do cinema galego no exterior a Olga Osorio, Óliver Laxe e Alberto Vázquez, mentre outra mención especial á Promoción da igualdade de xénero foi para o Proxecto Cinema e Muller..
Amplía a nova>>
05/06/2017
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico recoñece o filme belga L'eau sacrée
O Museo do Pobo Galego acolleu este sábado a entrega dos premios da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. Nesta xeira, as preferencias do público e mais as do xurado coincidiron plenamente. Deste xeito, o filme
L'eau Sacrée do director belga Olivier Jourdain levou o galardón popular e mais o do xurado ao mellor filme do evento. Pola súa banda, os premios á mellor película galega nas dúas categorías foron para o documental
Esquece Monelos, dirixido por Ángeles Huerta..
Amplía a nova>>