21/09/2017
Cinemas de Galicia e a Rede Galega de Salas inician as súas novas xeiras
Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo acollerán ata fin de ano 60 funcións escénicas no marco da Rede Galega de Salas que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A montaxe musical
Letras e notas, de Magín Blanco na Fundación SGAE e
Camiñando entre estrelas de Ghazafellos en Teatro del Andamio abren este sábado a segunda xeira do ciclo neste 2017. En total serán 30 compañías, maioritariamente galegas, as que actuarán no marco deste programa que busca apoiar a actividade de salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida e que completará así 119 funcións en 2017.
.
Amplía a nova>>
20/09/2017
Dhogs faise co premio a mellor longa no Festival de Cine de Split
O filme galego
Dhogs, a primeira longa do lugués Andrés Goteira, gañou o premio á mellor longametraxe no Festival de Cine de Split (Croacia). No filme, que conta varias vidas cruzadas, participan actores como Antonio Durán "Morris", Melania Cruz ou Carlos Blanco. É unha coprodución de Gaitafilms e PixelFilms e está rodada integramente en galego. Pola súa banda, en Bueu entregáronse os premios a mellores curtas ao remate dun Festival Internacional de Curtas (FIC) que contou con 6500 espectadores nas súas diferentes sesións. A Ánfora de Ouro do Festival foi para a curta grega
Fox, dirixida por Jacqueline Lentzou, e quere está dotada con 2500 euros. .
Amplía a nova>>
19/09/2017
Ames acollerá o Festival Internacional Cinema Crianza
Un festival de cinema orientado ao público máis novo. Esta é a proposta de
Cinema Crianza, o evento que acollerá o concello de Ames entre os vindeiro 15 e 17 de novembro e que se presentaba onte en colaboración coa Deputación da Coruña. O proxecto, coordinado pola cooperativa Urdime, pretende "ofrecer unha proposta cultural de calidade para as familias ao tempo que se promove o gusto polo cinema entre os máis cativos e contribúe á formación dun público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual". Animación, ficción ou documental, clasificados por rangos de idade, farán parte desta oferta pioneira na nosa axenda cultural. Co programa aínda por fechar, o festival achegará dúas seccións competitivas de curtametraxes e unha programación fóra de concurso. O prazo para a inscrición de pezas audiovisuais remata o 30 de outubro e xa recibiu arredor dun milleiro de filmes..
Amplía a nova>>
14/09/2017
Curtocircuito medra con actividades, concertos e estreas
A décima cuarta edición do festival audiovisual Curtocircuíto de Santiago presentou hoxe o seu programa completo coas intervencións do seu director, Pela del Alamo, e de representantes das tres administracións públicas que colaboran para sacar adiante o evento ademais de outros patrocinadores e axentes culturais: o Concello de Santiago, a Deputación Provincial da Coruña e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) da administración autonómica. Del Álamo presentou as principais novidades remarcando que para eles o reto de Curtocircuito consiste en facer que
"cada edición sexa diferente á anterior, non só en nomes" e daí a importancia de ir engadindo novidades como este ano os encontros
Arredor do Son, un programa de actividades formativas sobre o o concepto do son como forma de expresión e que para Del Álamo demostra a aposta do festival por dialogar con outras disciplinas artísticas que compoñen o cinema,
"enriquecemos a proposta", asegura o director. En canto a presenzas destacadas o cineasta inglés Peter Greenaway (Newport, 1942) será o convidado estelar desta edición, celebrando un encontro co público ademais dunha exhibición de obras seleccionadas por el e unha retrospectiva dos seus primeiros traballos como realizador. Greenaway é coñecido por obras como
O contrato do debuxante (1982),
Drowning by numbers (1980),
O ventre do arquitecto(1987) ou
O cociñeiro, o ladrón, a súa muller e maila amante(1989), coas que acadou un gran recoñecemento de público e crítica nos anos oitenta. Outro dos nomes coñecidos que traerá o festival a Compostela entre o 1 e o 8 de outubro é o de Alberto García-Alíx (León, 1956). Maís coñecido pola súa faceta como artista fotográfico pola que acadou o Premio Nacionald e Fotografía, neste caso o festival presenta unha retrospectiva do seu menos coñecido traballo como cineasta do que se realizarán dúas proxeccións, ademais García-Alix tamén formará parte do xurado desta edición do Curtocircuíto..
Amplía a nova>>
14/09/2017
Un laboratorio audiovisual presenta na Coruña modelos de innovación
Onte presentouse na Coruña o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), un evento que ten como obxectivo converterse nun "espazo de encontro, colaboración e aprendizaxe para persoas e colectivos interesados na cultura audiovisual contemporánea". De cara aos próximos meses, sucederanse charlas e encontros, pero tamén obradoiros, impartidos por profesionais de referencia como o cineasta Miguel Ángel Rolland, o booktuber galego Sebas G. Mouret, a axencia de talento dixital 2btube, ou colectivos de creación dixital como Zemos98, Monkey Laboratory e Bermudas.land. En total será unha decena de actividades as que o LAIC programará para este outono. Sergio Lago e María Yáñez son os responsables de Coruña Dixital.
Amplía a nova>>
14/09/2017
TVE levará á animación a serie de libros ilustrados de El Hematocrítico e Alberto Vázquez
Os contos
O lobiño riquiño e
Axente Riciños, con texto de Miguel López
El Hematocrítico e ilustracións de Alberto Vázquez, terá unha versión animada da man de TVE. A produtora vasca Uniko levará á pantalla esta serie de 52 capítulos de sete minutos no que se recrean con novas perspectivas os personaxes dos contos tradicioais. Un lobo bo, a madrasta de Brancaneves e outros caracteres clásicos atópanse en
Felices feroces, un proxecto no que Vázquez e El Hematocrítico amplían o universo dos libros xa publicados e que aposta pola animación en 2D para o seu desenvolvemento..
Amplía a nova>>
14/09/2017
Nieve de Medina estrea o Premio de Honra do FIC Bueu
A coincidir coa súa décima edición, o Festival Internacional de Curtas de Bueu acaba de presentar un novo galardón. O Premio de Honra quere recoñecer a traxectoria dunha ou dun profesional de prestixio no eido cinematográfico, e comeza a súa andaina a recoñecer o traballo da actriz madrileña Nieve de Medina. A intérprete, coñecida especialmente polo seu traballo en producións como
El bola,
Un franco 14 pesetas,
Los lunes al sol,
Cuéntame ou
El ministerio del tiempo é para a organización "unha das grandes actrices do cine español cuxa enorme versatilidade nos deixou excelentes interpretacións" en cine, televisión e teatro. A homenaxeada recollerá o galardón o vindeiro sábado na clausura do festival, e participará en diferentes actividades do programa ademais de ser entrevistada por Javier Gallego
Crudo no programa
Carne cruda que se realizará ese mesmo día no Centro Social do Mar. .
Amplía a nova>>
13/09/2017
O festival OUFF abre un foro sobre posprodución e premiará dous proxectos fílmicos
Ata o 23 de setembro teñen de prazo cineastas ou produtoras para presentar producións galegas e portuguesas ao Foro de posprodución ÁNCORA do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Este foro que ofrece o OFF por primeiro ano en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e Agadic, terá lugar durante a celebración do festival en 2017, do 20 ao 27 e outubro. O obxectivo de ÁNCORA é ofrecer asesoramento e favorecer o investimento en proxectos cinematográficos nunha fase de produción avanzada, axudándoos a que se completen nas mellores condicións posibles. O OUFF seleccionará de entre todos os solicitantes catro proxectos en total, dos cales un como mínimo será de produción ou direción galega. Tres profesionais do sector formarán parte do comité asesor de ÁNCORA que ofrecerá asesoramento aos/ás cineastas e elexirá dous filmes para os premios que consistirán en acceder a dúas solucións técnicas de posprodución: o Premio Cinemar Fims (premio de posprodución de Son en Cinemar Films valorado en 7.000 €) e o Premio NUMAX (premio de posprodución de imaxe no Laboratorio NUMAX, valorado en 4.000€)..
Amplía a nova>>
06/09/2017
O Festival de Curtametraxes de Bueu cumpre dez anos esta fin de semana
A celebrar unha década de existencia, o Festival Internacional de Cinema de Bueu e celebra a súa nova edición entre o 9 e o 16 de setembro. O evento homenaxeará de xeito especial o actor Antonio Durán
Morris, que recibirá na clausura o premio Cinema Galego e manterá un encontro co público do festival. Canda a el, os asistentes terán ocasión de coñecer catorce cineastas participantes, chegados de media ducia de países, en diferentes coloquios abertos. En total serán un cento as proxeccións previstas nesta xeira do certame. Na sección oficial competirán un total de 25 curtas internacionais, cunha especial presenza do cinema francés, mentres que nos espazos dedicados á produción galega e española achegarán cadanseus seis traballos, entre eles títulos xa recoñecidos como
Decorado de Alberto Vázquez ou
Einstein-Rosen, de Olga Osorio.
.
Amplía a nova>>
31/08/2017
San Sadurniño bota a andar mañá o IV Chanfaina Lab
Os obradoiros de formación abren mañá, 1 de setembro a cuarta edición de Chanfaina Lab. San Saduniño volve a se converter por unha fin de semana no principal foco de creación audiovisual do país, cun evento no que máis de vinte e cinco creadores e creadoras desenvolverán as súas pezas no concello. Entre os participantes desta xeira destaca a presenza do multipremiado Óliver Laxe; do
director, programador e dinamizador portugués Carlos Viana, que amosará unha escolma de curtas de cinema rural; do investigador e programador Ángel Rueda ou da documentalista Cristina de la Torre. Canda a eles, nomes coma Alberte Lobelle, a parlamentaria Ana Pontón, Anxos Fazáns, Carmen Rey, Olaia Sendón ou o cineasta experimental Vicente Vázquez fan parte da experiencia.
.
Amplía a nova>>