San Sadurniño bota a andar mañá o IV Chanfaina Lab

Óliver Laxe, Cristina de la Torre, Vicente Vázquez ou Carlos Viana participan no encontro de cineastas

Os obradoiros de formación abren mañá, 1 de setembro a cuarta edición de Chanfaina Lab. San Saduniño volve a se converter por unha fin de semana no principal foco de creación audiovisual do país, cun evento no que máis de vinte e cinco creadores e creadoras desenvolverán as súas pezas no concello. Entre os participantes desta xeira destaca a presenza do multipremiado Óliver Laxe; do
director, programador e dinamizador portugués Carlos Viana, que amosará unha escolma de curtas de cinema rural; do investigador e programador Ángel Rueda ou da documentalista Cristina de la Torre. Canda a eles, nomes coma Alberte Lobelle, a parlamentaria Ana Pontón, Anxos Fazáns, Carmen Rey, Olaia Sendón ou o cineasta experimental Vicente Vázquez fan parte da experiencia.


Nas xornadas haberá tamén unha importante presenza de creadores locais. Segundo destaca a organización, contarase co labor dos "os axitadores socioculturais de Silvalonga Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, o veterano de Igrexafeita Abel Vega, o “adoptado” na Lobeira Fran Bermúdez, os mozos de Bardaos Bieito Beceiro ou Sebastián Rodríguez de Lamas, o neno de San Sadurniño Pablo Martínez, as xa famosas labregas de "Teño unha horta en San Sadurniño" -Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce e Carmen Bouza-, así como cineastas ferrolás como Lara e Noa Castro e a novísima Carmen Leira".

A nivel formativo, abren o encontro o obradoiro de María Yáñez sobre memes audiovisuais e outro de Juan Lesta e Belén Montero sobre edición de vídeo con tablets e teléfonos móbiles. O domingo será Óliver Laxe o responsable da clase maxistral que fechará o programa.