30/09/2025
'US-HER' gaña o premio a mellor curtametraxe galega no Galician Freaky Festival
A película 'US-HER' de David Salgado Marcote (A Coruña, 1979) ven de gañar o Premio do público á mellor curtametraxe galega no Galician Freaky Film Festival de Vigo. Esta adaptación libre do conto de Edgar Allan Poe, 'A caída da Casa Usher' é a quinta curtametraxe de David Salgado, baixo o seu propio selo creado en 2012, Dama Negra Films. O festival vigués de cine de terror, ciencia ficción e fantasía pechou a súa novena edición proclamando o seu palmarés de premiados con alcance internacional. O Gran premio desta edición vai para a curta polaca de animación 'Martyr's Guidebook' de Maks Rzontkowski. .
Amplía a nova>>
29/09/2025
A Semana de Cine de Lugo entregou o seus galardóns
Este sábado 27 de setembro fechaba as súas portas, coa concesión de galardóns, a 47 Semana de Cine de Lugo. No palmarés destaca como Premio do Público á Mellor Película da Sección Oficial a española
Las chicas de la estación, de Julieta Tobío. As votacións seleccionaron tamén
París 70 como mellor curtametraxes e
O interrogatorio como mellor curta galega..
Amplía a nova>>
29/09/2025
Morre o investigador e documentalista Carlos Fernández Santander
Con oitenta anos de idade falecía onte na Coruña o historiador, xornalista, realizador e mariño Carlos Fernández Santander (A Coruña, 1944 -2025). Fai menos dun ano que recollía na súa cidade o Premio Sellier de Cine "pola súa contribución invalorable ao cine documental en Galicia, con máis de medio ceno de títulos (avalados por premios) e a súa dedicación á preservación da nosa historia, coa intención de que o seu legado cinematográfico sexa coñecido tan ben como o literario, de forma que continúe inspirando a futuras xeracións de cineastas e historiadores". .
Amplía a nova>>
25/09/2025
Todo listo para o 30 Ourense Film Festival
A 30ª edición do OUFF • Ourense Film Festival xa está a punto de comezar e tras meses de anuncios a organización xa ven de presentar o programa completo co que comezará este venres, 26 de setembro. Dous filmes de cineastas vinculados co festival e que poderán verse por primeira vez en Galicia serán os que inaugurarán e clausurarán esta edición. 'Playa de lobos', comedia escrita e dirixida por Javier Veiga, inaugurará o certame o día 26, mentres que 'La deuda', o último traballo de Daniel Guzmán, o clausurará o día 5 de outubro. Guzmán recibirá, ademais, a Calpurnia de Honra do festival durante a gala de clausura. O OUFF • Ourense Film Festival está coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Entre as moitas novidades para esta edición, destacan a residencia audiovisual para creadores mozos Faíscas, a composición dun tema musical propio a cargo de Jose Manuel Cancela, novas seccións como Xeración OUFF, Agarimo, Colleita e Made in OU, ou o redeseño da Calpurnia polo escultor Manuel Buciños.Como sempre a programación co0mplétase con outras actividades literarias, artísticas e musicais..
Amplía a nova>>
23/09/2025
Lugo será a sede dos XXIV Premios Mestre Mateo
O novo Auditorio Fuxan os Ventos, de Lugo, acollerá a gala da XXIV edición dos Premios Mestre Mateo o vindeiro 21 de marzo de 2026.Así o anunciou hoxe a Academia Galega do Audiovisual nunha rolda de prensa celebrada nese mesmo espazo e, na que participaron , ademais de membros da academia, Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo; Iria Castro, deputada provincial de Cultura; Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo; e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Esta celebración supón un fito ao será primeira vez que a entrega destes galardóns da excelencia audiovisual galega se dan na provincia de Lugo, a única na que aínda non tivera lugar ningunha gala nestes vintetres anos de edicións. A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, cualificou o anuncio de "día histórico para Lugo". e quixo lembrar que Lugo, "a pesar de ser periferia da periferia", é lugar de orixe de moitas figuras do audiovisual coma os irmáns Coira, Melania Cruz, Margarita Ledo ou de Carmen Méndez..
Amplía a nova>>
19/09/2025
Fernanda del Nido recibirá o IV Premio de Honra Dolores Ben
A produtora executiva Fernanda del Nido foi recoñecida este 19 de setembro co IV Premio de Honra Dolores Ben que outorga anualmente a AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes). O galardón, que leva o nome da que fora presidenta da entidade, recoñece "as persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba". .
Amplía a nova>>
18/09/2025
O Galician Freaky Film inaugura mañá a súa novena edición
O certame internacional de cine
freak e fantástico de Vigo celebra a súa novena edición do 19 ao 27 de setembro nos Cines Tamberlick da Praza Elíptica, cunha programación que vai máis alá das proxeccións habituais. A proposta da sección oficial chega con cifras de récord: 74 curtametraxes procedentes de 34 países. Máis de 14 horas de cine freak que converterán Vigo na capital internacional do cinema fantástico e de terror. Este ano, o festival consolida a súa vontade de expandir fronteiras e tecer alianzas con outros festivais de xénero, tanto do panorama nacional como internacional. Nesta liña o Galician Freaky Film Festival contará con tres actividades especiais: o II Encontro Irmandades do Norte, con mesa redonda e sesión de curtas de festivais galegos, vascos, navarros e cataláns; unha selección de curtametraxes do ToHorror Fantastic Film Fest de Turín; e, dentro da sección Pequefreak, a chegada do Lobo Mau de MotelX desde Lisboa, cun programa de animación infantil titulado Sustos Curtos. .
Amplía a nova>>
18/09/2025
Youtubeiras+ ábrese a contidos en todas as redes sociais
A organización do certame Youtubeiras+ daba a coñecer este 17 de setembro as novidades da súa IX edición. A principal mudanza na convocatoria é que poderán participar contidos publicados en calquera rede social, cando ata o momento estaba restrinxido unicamente a Youtube e TikTok. A dotación mantense en 7.500 euros que se repartirán entre as sete categorías de Canle, Creación de Contidos, Revelación, Calidade Lingüística, Rede, Premio do Público e, como novidade nesta xeira, Podcast..
Amplía a nova>>
18/09/2025
O festival Intersección será punto de encontro de estudantes e profesionais do cinema contemporáneo
O festival Internacional Intersección da Coruña celebrará a súa oitava edición do 26 de setembro ao 4 de outubro para ofrecer máis de 100 de películas independentes de 17 países. Desenvolverase en espazos clave da cidade como Cantones Cines, Filmoteca de Galicia, Fundación Luis Seoane e Sala Palexco. O festival actuará ademais como punto de encontro do cinema contemporáneo co seu espazo profesional Nexus, que reunirá a cineastas, produtoras e escolas de cinema de diversos países. Dentro del estará tamén o apartado Intersección Lab. Con esta iniciativa, o festival coruñés ofrece titorías especializadas a creadoras e creadores galegos en fase de desenvolvemento. Este ano, os proxectos que gozan deste acompañamento son 'Antes de nada', de Sabela Eiriz; 'Cando as árbores choran', de Miguel Bouzas; 'GRISGRIS', de Raúl Capdevila Murillo; 'Lembrarás como bailabas', de Alba Gallego; 'Miñacora', de Eva Vaeli; 'Resonancias do escultor', de Uxía Caneda e Javier Darriba; 'Só o ruído', de Santos Díaz; 'SOS', de Nicolás Martínez, e 'Wólfram', de Sara Gil Méndez. Na Sección Galicia competirán este ano 11 filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, ou da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Destacan, neste sentido, as proxeccións de 'Deuses de pedra', de Iván Castiñeiras, 'Maldito Espírito', de Carlos Martínez-Peñalver e Alboroque, de Sabrina Fernández Casas..
Amplía a nova>>
17/09/2025
'Sirât' representará a España nos Premios Oscar
A Academia de Cine de España ven de dar a coñecer a elección dos académicos respecto selección da película que representará á cinematografía española na vindeira 98ª edición dos Premios Oscar de Hollywood. 'Sirât', dirixida por Oliver Laxe, foi a elixida das tres finalistas, entre as que estaba tamén o filme 'Romería', de Carla Simón rodado en Vigo. A longametraxe do cineasta galego, gañadora do Premio do Xurado do Festival de Cannes, está protagonizada por Sergi López e traslada ao espectador ao deserto, a unha "rave" perdida en medio das montañas do sur de Marrocos. O seu anterior filme, 'O que arde', xa estivo entre as tres finalistas a representar a España nos Oscar en 2020, pero non foi finalmente a seleccionada. 'Sirât' é unha película orixinal Movistar Plus+ producida en colaboración con Filmes da Ermida (a produtora de Oliver Laxe), El Deseo (dos irmáns Almodovar), Uri Films e 4A4 Productions. Agora haberá que agardar ata o vindeiro 16 de decembro a que se dea a coñecer a lista curta ou "shortlist" dos Oscar, para saber se 'Sirât' continúa o percorrido dentro da competición polo galardón á Mellor Película Internacional. O 22 de xaneiro de 2026 saberanse xa as cinco películas candidatas de todo o mundo nesta categoría e a cerimonia dos Oscar terá lugar o 15 de marzo de 2026 en Los Ángeles..
Amplía a nova>>