O festival Intersección será punto de encontro de estudantes e profesionais do cinema contemporáneo

A oitava edición ofrecerá sete estreas mundiais entre máis de 100 películas de 17 países

A oitava edición ofrecerá sete estreas mundiais entre máis de 100 películas de 17 países
O programa presentouse en rolda de prensa polo director do festival, Gonzalo E. Veloso, acompañado de Jacobo Sutil (Director da Axencia Galega de Industrias Culturais), Natividade González (Deputada de Cultura da Deputación Provincial, Gonzalo Castro (Concelleiro de Cultura de A Coruña) e Carmen Jiménez, directora da Fundación Luis Seoane
O festival Internacional Intersección da Coruña celebrará a súa oitava edición do 26 de setembro ao 4 de outubro para ofrecer máis de 100 de películas independentes de 17 países. Desenvolverase en espazos clave da cidade como Cantones Cines, Filmoteca de Galicia, Fundación Luis Seoane e Sala Palexco. O festival actuará ademais como punto de encontro do cinema contemporáneo co seu espazo profesional Nexus, que reunirá a cineastas, produtoras e escolas de cinema de diversos países. Dentro del estará tamén o apartado Intersección Lab. Con esta iniciativa, o festival coruñés ofrece titorías especializadas a creadoras e creadores galegos en fase de desenvolvemento. Este ano, os proxectos que gozan deste acompañamento son 'Antes de nada', de Sabela Eiriz; 'Cando as árbores choran', de Miguel Bouzas; 'GRISGRIS', de Raúl Capdevila Murillo; 'Lembrarás como bailabas', de Alba Gallego; 'Miñacora', de Eva Vaeli; 'Resonancias do escultor', de Uxía Caneda e Javier Darriba; 'Só o ruído', de Santos Díaz; 'SOS', de Nicolás Martínez, e 'Wólfram', de Sara Gil Méndez. Na Sección Galicia competirán este ano 11 filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, ou da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Destacan, neste sentido, as proxeccións de 'Deuses de pedra', de Iván Castiñeiras, 'Maldito Espírito', de Carlos Martínez-Peñalver e Alboroque, de Sabrina Fernández Casas.

Baixo a dirección de Gonzalo E. Veloso, Intersección 2025 programa 17 filmes inéditos en España, dos que sete serán estrea mundial. A sección Internacional ofrece unha viaxe polas grandes preguntas do presente a través de linguaxes radicais e inesperadas, onde destacan filmes rodados en formato de videoxogos como 'World at Stake' (Total Refusal, Austria), retratos da desigualdade como 'Fear Fokol' (Tuva Björk, Suecia) ou a inmersión no cinema erótico filipino en 'Bomba Bernal' (Khavn, Filipinas). Pola súa banda, a sección Fulgor estará dedicada ás voces máis novas e, nesta edición, reúne 11 obras que exploran a memoria, o corpo e a intimidade. O festival tamén acollerá a retrospectiva máis completa de Travis & Erin Wilkerson, incluíndo a estrea mundial da exposición expandida 'Nuclear Family: Fieldwork', inicialmente ideada para a Bienal de Venecia 2020. Esta experiencia compleméntase coa mostra 'Todo o que herdamos', que reúne unha nova xeración de artistas galegos en diálogo co traballo dos Wilkerson. Unha novidade de Intersección 2025 será o World Film School Meeting, que reunirá estudantes e docentes de escolas de cinema de distintos países para compartir proxeccións, diálogos e experiencia profesional e situará A Coruña como un lugar clave para pensar e construír o cinema contemporáneo.