O Pórtico tal e como o viron os ollos de Mateo

O proxecto Kosmotech_2000 reconstrúe nun vídeo a fachada orixinal do Pórtico da Gloria e a policromía dos seus profetas

19/12/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: artehistoriapatrimonio
104 lecturas | Compartido 0 veces

Francisco Prado-Vilar / Alexandre González Rivas (Kosmotech_2000)

A construción da gran fachada barroca da catedral de Santiago transformou o xeito no que desde o século XIII as xentes se achegaban á maxestosa fachada deseñada polo Mestre Mateo. Agora, un audiovisual producido polo CCG e elaborado polo proxecto Kosmotech_2000 preséntanos de xeito espectacular a disposición orixinal das personaxes na parte perdida da fachada que protexía o Pórtico da Gloria. O vídeo, elaborado por Francisco Prado-Vilar (dirección científica) e Alexandre González Rivas (virtualización e restauración dixital), reconstrúe as cores orixinais das esculturas baseándose nos estudos de pigmentos e motivos decorativos da primeira policromía do Pórtico e en documentación comparativa, para facilitar unha lectura iconográfica da composición e movemento das vestimentas e do simbolismo dos personaxes. O vídeo foi elaborado por Francisco Prado-Vilar (dirección científica) e Alexandre González Rivas (virtualización e restauración dixital) co apoio do Consello da Cultura Galega. O vídeo complemente o especial do cCG "Os profetas do Pórtico da Gloria e a cultura galega", no que Francisco Prado-Vilar dá conta da traxectoria das esculturas mateanas e a súa reivindicación ao longo do século XX. O vídeo pódese ver tamén na exposición do Museo do Pobo Galego na que se exhiben estas figuras trala súa devolución ao concello de Santiago por parte da familia Franco.

Universo culturagalega.gal