O Galician Freaky Film inaugura mañá a súa novena edición

O festival internacional ofrecerá en Vigo proxeccións e actividades arredor do xénero da fantasía, ciencia ficción e horror

O certame internacional de cine freak e fantástico de Vigo celebra a súa novena edición do 19 ao 27 de setembro nos Cines Tamberlick da Praza Elíptica, cunha programación que vai máis alá das proxeccións habituais. A proposta da sección oficial chega con cifras de récord: 74 curtametraxes procedentes de 34 países. Máis de 14 horas de cine freak que converterán Vigo na capital internacional do cinema fantástico e de terror. Este ano, o festival consolida a súa vontade de expandir fronteiras e tecer alianzas con outros festivais de xénero, tanto do panorama nacional como internacional. Nesta liña o Galician Freaky Film Festival contará con tres actividades especiais: o II Encontro Irmandades do Norte, con mesa redonda e sesión de curtas de festivais galegos, vascos, navarros e cataláns; unha selección de curtametraxes do ToHorror Fantastic Film Fest de Turín; e, dentro da sección Pequefreak, a chegada do Lobo Mau de MotelX desde Lisboa, cun programa de animación infantil titulado Sustos Curtos.

Nesta edición continúa a subir o número de filmes que o público poderá ver en exclusiva: 1 estrea mundial, 2 estreas internacionais, 1 estrea europea, 27 estreas en España e 34 estreas en Galicia. En total 65 das 74 pezas proxectaranse por vez primeira en Galicia. Entre as actividades especiais desta edición haberá unha homenaxe a un dos grandes descoñecidos do cinema galego e da cidade olívica: o actor e especialista Luis Barboo, nado en Vigo en 1927. Inmortalizado como 'el Rojo' no clásico Conan, el Bárbaro (John Milius, 1982), Barboo compartiu pantalla ao longo da súa carreira con figuras como Clint Eastwood, Kirk Douglas, Charlton Heston, Sean Connery ou Arnold Schwarzenegger. A homenaxe incluirá a proxección de Conan, el Bárbaro, que terá lugar o martes 23 de setembro ás 22:00 horas nos cinemas Tamberlick. Antes da proxección, celebrarase un coloquio especial na sala Ap’ostrophe.arte, co título “Luis Barboo: o vigués que camiñou coas estrelas”, conducido polo escritor e cineasta vigués Josiño Araujo e a subdirectora do GFFF, Miriam P. Álvarez, que están traballando nun documental sobre a súa figura.

Diálogo entre festivais e sesión de curtas
O venres 26 de setembro, o GFFF acollerá unha dobre cita baixo o paraugas de Irmandades do Norte, unha iniciativa que busca estreitar vínculos entre festivais de fantasía e terror da península e dar visibilidade á creación audiovisual das distintas comunidades autónomas. A primeira parte terá lugar ás 11:00 na sala Apo’strophe.arte da Praza Elíptica, onde se celebrará o II Encontro Irmandades do Norte, en colaboración coa Vigo Film Office. Trátase dunha mesa cadrada na que participarán representantes de festivais de Euskadi, Navarra, Catalunya e Galicia, que debatirán sobre o estado do cine fantástico en cada territorio, os desafíos da programación e a promoción do talento local. Entre os participantes estarán Josemi Beltrán (Semana de Cine Fantástico y de Terror de San Sebastián, de Euskadi), Roger Sàbat e Agustí Lloberas (Terror Molins, de Catalunya), Jacint Espuny (FangoFest Amposta, de Catalunya), Miguel Suárez del Cerro (Festival Internacional de Cine Fantástico y de Terror de Navarra), Anabel Soto (Festival Lóstrego , A Coruña) e Luis M. Rosales (Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa).
A segunda parte será unha sesión especial de curtametraxes, ás 17:00 nos Cines Tamberlick, na que cada festival convidado presentará unha peza significativa do seu territorio. O público poderá descubrir así unha panorámica ampla e diversa do cine de xénero que se está a realizar nos últimos anos no norte da península. O espírito internacional continúa coa colaboración co TOHorror Fantastic Film Fest de Turín, que celebra 25 anos de historia. O xoves 25 de setembro ás 20:00, o público de Vigo poderá gozar dunha selección de curtas programadas polo festival italiano. O TOHorror, caracterízase pola súa aposta polas voces novas e independentes do cine fantástico e pola súa vocación multidisciplinar, que inclúe desde proxeccións ata música, cómic, literatura ou exposicións.
A colaboración internacional chega tamén ao público infantil grazas ao Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa, que traerá a súa sección para pequenos, Lobo Mau, ao GFFF. A cita será o domingo 21 de setembro ás 12:30, dentro do programa Pequefreak. En Vigo presentarase a sesión ‘Sustos Curtos’, para maiores de sete anos, unha escolma de curtametraxes de animación portuguesa que percorre desde clásicos da animación portuguesa, contos inspirados na literatura nacional, ata aventuras diabólicas.