A verdade é que os nosos montes non son pródigos en covas. "Galicia é unha comunidade que non ten moitas covas e son todas pequenas", explica Juan Prego, presidente da Federación Galega de Espeleoloxía. "É axeitada sobre todo para se iniciar neste deporte. Trátase de covas sen grandes verticais e a miúdo con pasos estreitos polos que hai que se arrastrar, que tamén hai a quen lle gusta", apunta. As condicións poden non ser óptimas, pero de calquera xeito esta práctica conta cunha certa historia no país e involucra a algo máis de trescentas persoas que contan con licencias federativas e que se organizan en dezaseis clubs por toda a nosa xeografía. Aínda que pode parecer unha masa pequena de afeccionados, a calidade dos espeleólogos galegos pode sorprender a quen non coñeza a disciplina."Temos xente que mesmo está a participar en expedicións internacionais de elite, coma as de National Geografic, por todo o mundo", apunta Prego, o que nos pode dar unha idea do nivel dalgúns dos practicantes.
Amor, deporte e ciencia
Sobre o que atrae a xente ás covas, este veterano espeleólogo destaca "sobre todo o afán de aventura, ir un pouco ao descoñecido, dentro dese furado na terra. Todas as cavidades de Galicia e do mundo teñen un mundo de lendas e misterios asociados, e iso é un pouco o que chama á xente". A partir desta pulsión básica, a disciplina conta con dous grandes grupos de adeptos. "Por unha banda temos xente a quen o único que lle interesa é o deportivo, explorar lugares descoñecidos e baixar a grandes profundidades", sinala Prego. "Outros queren estudar a Bioloxía e a Xeoloxía do interior das cavidades, e hai unha clara diferenza entre as dúas vertentes".
O nacemento dunha afección
Hai xa vinte e cinco anos que nacía a Federación Galega de Espeleoloxía, que agrupou toda unha serie de clubs que funcionaban a un nivel máis local ou comarcal. A historia desta afección en Galicia, de calquera xeito, é moi anterior a estes eventos. Os espeleólogos consideran precursores deste deporte a nivel estatal a Casiano de Prado e Jesús Carballo, galegos que desde mediados do século XIX visitaron diferentes cavidades, a investigar a súa importancia xeolóxica ao tempo que os restos arqueolóxicos que podían encontrar no interior. "Cando se comezou a falar de espeleoloxía foi en 1954 coa primeira expedición á cova do Rei Cintolo do Grupo de Exploración Subterránea do vigués Club de Montañeiros Celtas", lembra Prego. Aquela experiencia pioneira transcendeu en boa medida o ámbito espeleolóxico, xa que contou coa presenza de Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro o xeólogo Isidro Parga Pondal e outras ilustres personalidades da ciencia e da cultura galegas do momento, que se interesaron por descubrir qué agochaba aquela cavidades escenario de tantas lendas. Foi na década seguinte cando se foi afianzando a espeleoloxía en Galicia, "nos anos setenta foi despuntando, primeiro integrada dentro da Federación Galega de Montaña e despois co nacemento, hai vinte e cinco anos, da Federación de Espeleoloxía", sinala o actual presidente desta entidade.
A importancia da Federación
Nesta altura, a Federación Galega de Espeleoloxía é unha realidade consolidada que emite as licenzas necesarias para visitar cavernas e oferta unha ampla gama de actividades aos afeccionados, ademais de xestionar tres refuxios. "Agora enténdese a natureza e o deporte dun xeito diferente, e as federacións e os clubs dan un servizo a sociedade. Antes o único afán era a aventura e o compañeirismo entre os membros, mentres que agora pasa a ser un pouco coma unha empresa de servizos", sinala, con certa nostalxia, Prego. Dentro desta entidade mantense unha escola e un grupo especializado en espeleosocorro que colabora con forzas de seguridade e equipos de rescate, aproveitando a súa experiencia única neste tipo de terreos. En xeral, ao longo do ano sucédense cursos de iniciación e de espeleosocorro ou campamentos, ademais da edición da revista "Furadas", na que se dan cita os principais coñecedores destes buracos na pedra do país.
O Congreso
Coa intención de celebrar os 25 anos da súa fundación, a Federación puxo en marcha o I Congreso Galego de Espeleoloxía, un evento que, do trece ao quince de outubro, analizará desde os máis variados puntos de vista esta disciplina no Barco de Valdeorras. Desde as posibilidades de colaboración entre espeleoloxía e arqueoloxía, ata a fauna que se pode encontrar nas covas, pasando pola cultura inmaterial e as lendas asociadas a estas cavidades, as persoas xordas na espeleoloxía ou, como non, as formacións xeolóxicas que se poden encontrar no interior, a lista de propostas que se van tratar é ben ampla e diversa, e inclúe ademais a proxección de audiovisuais e varias mostras para dar a coñecer o mundo subterráneo.
A imaxe
A respecto das posibilidades das novas tecnoloxías na exploración das covas, na Federación preocúpanse especialmente por estar á última nas posibilidades que a fotografía dixital (en dúas e tres dimensións) e o vídeo achegan á hora de rexistrar as marabillas de debaixo da terra. Neste sentido, Prego recoñece a importancia que estes medios teñen para o colectivo de espeleólogos. "Somos o único deporte que non se practica á vista do público, e xa desde hai moitos anos temos claro que a captación de xente nova ten que ser a base de ensinar o medio no que nos desenvolvemos mediante proxeccións ou exposicións". Canda a isto, a cartografía, o emprego de sistemas de posicionamento global e os recursos dispoñibles na rede para esta práctica tamén son temas que se tratan mediante obradoiros no congreso.
Do medo
De cara a aqueles a quen a idea de se meter nun buraco baixo terra lles impón un pouco de respecto, o presidente dos espeleólogos sinala que "non cabe dúbida de que é un medio hostil, incómodo para a vida, pero desde os niveis máis básicos de formación a seguridade é unha preocupación e os riscos están sumamente controlados", sinala. "O que acontece é que cando hai calquera tipo de accidente ten moita repercusión nos medios. Eu compároo co transporte en avión, é un medio seguro, pero os contratempos
acadan moito eco e as consecuencias adoitan ser graves".
Futuros e esperanzas
Sobre as preocupacións e esperanzas máis importantes para o colectivo galego de espeleólogos, Prego só sinala unha. "A grave preocupación que temos no colectivo polo proxecto da Cova do Rei Cintolo", unha proposta de explotación turística que o Concello de Mondoñedo quere desenvolver neste destacado espazo. "Vimos mantendo desde o comezo que pode haber unha explotación racional do recurso, e parécenos que o proxecto que se pensou non era moi respectuoso nin consideraba uns parámetros mínimos para manter o ecosistema da cavidade", sinala. Agora mesmo, o proxecto está paralizado á agarda dunha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Desde os espeleólogos manteñen a súa esperanza de acadar un acordo. "Agardamos que nun futuro próximo se inicien contactos neste sentido". E é que o amor polos espazos subterráneos destes afeccionados é grande, e queren loitar por conservalos. "Indubidablemente somos uns privilexiados que desenvolvemos o noso deporte nunhas paisaxes incribles", sinala Prego. Quedamos á agarda das novidades que nos poidan achegar desde debaixo da terra estes namorados das profundidades.
Entre as rochas
Un grupo practica o descenso de canóns, nun barranco na zona de Mondoñedo durante un curso da Federación de Espeleoloxía sobre esta disciplina
Fotografía: Federación Galega de Espeleoloxía
Entre as rochas
Imaxe do interior da cova dos Peites en Castro Urdiales, Cantabria. A fotografía tomouse durante un dos campamentos anuais que fai a Federación fóra de Galicia. A masa de auga é un "gours", "trátanse de pequenas lagoas que non teñen corrente de auga e que se forman por precipitación e quedan estacadas pero límpidas", explica José Prego.
Fotografía: Federación Galega de Espeleoloxía
Entre as rochas
Exploración da Cova da Raposa, en Pedrafita do Cebreiro, en 2005. Nesta visita desenvolvéronse traballos topográficos sobre o interior da cavidade.
Fotografía: Federación Galega de Espeleoloxía
Entre as rochas
Xornadas de espeleosocorro na zona da zona do Sil, perto dos Peares. Os espeleólogos na imaxe están a trasladar un suposto ferido nunha padiola.
"Houbo algún accidente de afeccionados dentro da cova do Rei Cintolo, e para tirar alguén dunha distancia a oitocentos metros da boca, tiveron que traballar máis de vinte e cinco persoas ao longo de doce horas", explica José Prego para nos das unha idea da complexidade destas manobras.
Fotografía: Federación Galega de Espeleoloxía