Rosalía, Cunqueiro, Murguía, Plinio, Fernández Flórez ou Pardo Bazán escribiron sobre as covas do noso país. Referencias das súas obras, canda as de moitos outros nomes compoñen Tesouro espeleolóxico galego, un inventario por cavidades do país ou vencelladas a el desde o século I ata 1970. ACentral Folque publica este traballo do Clube Espeleolóxico Maúxo coa colaboración da poeta Alba Cid, todo un compendio que amosa a complexa relación da sociedade galega co mundo subterráneo.
En 1992 botaba a andar o Clube Espeleolóxico Maúxo. Desde o seu comezo, os membros do colectivo comezaron a documentar canta referencia a covas, minas e todo tipo de cavidades que atopaban. Ese arquivo foi a base da publicación que agora ve a luz. Segundo lembra Xavier Groba, membro da entidade, "este é un libro que se leva formando desde que se fundou o Clube hai trinta anos. Comezou como un cartafol no que íamos recollendo referencias sobre cavidades que tiñamos pendente visitar. Case sempre eran citas escritas sobre sitios onde podía haber covas e subterráneos. A certa altura pensamos que chegara o momento de lle dar saída a toda aquela documentación, e aí apareceu aCentral Folque, que leva un tempo co proxecto Rupestre Sonoro, a vincular espazos xeográficos e pétreos con características relacionadas co son". Comezou aí unha procura e selección máis sistemática de informacións deste tipo para lle dar forma a este material.
Nesta conexión incorporouse ao proxecto Alba Cid, tamén vinculada a Rupestre Sonoro. O seu labor na obra "foi darlle unha última volta ao libro, reformular como presentar e organizar os contidos. De min procurábase unha ollada máis aberta, ligada á poesía, que tivese en conta que acontece coa nosa ollada sobre o subterráneo". Canda a isto, aborda unha introdución literaria, Unha memoria ilustrada do inframundo na que realizou "un percorrido bastante libre, punteado por poemas e pequenas historias culturais e curiosidades, como toda a fascinación polas grutas", construcións humanas a imitar cavidades naturais. "Son como covas domesticadas que se desenvolven no século XVIII. Dáse aí como un reencantamento da nosa ollada cara ás covas, que comezan a se estetizar. Como ese, hai fíos como as memorias de viaxe con forma de lenzos ou postais que permitirían contar esa historia de reencontro cas covas. Podería ter seguido escribindo nese texto por semanas ou meses, non tiña fin".
O tesouro
O propio título da obra quere dar idea das olladas que se poden atopar no interior. A explicalo, o membro de Maúxo sinala que "é un tesouro no significado de compendio enciclopédico de autoridades, porque está referendado por autores que escribiron sobre estas covas no pasado. Isto que súmase tamén ao concepto de tesouro en galego como encanto". A falar da obra, Groba asegura que "é a envexa de calquera libro que se poida facer, con referencias a covas galegas", sexan cavidades graníticas, covas calcarias ou buracos de calquera tipo, a incluír os artificiais. "Pero tamén de todo o mundo, e todo cunha importante calidade literaria, porque son xeólogos, historiadores, xeógrafos, pintores, escritores, poetas, cregos, xornalistas ou enxeñeiros os autores dos textos. Nós só nos ocupamos das notas ao pé, de transcribir e de traducir". Con estes vimbios o resultado "é un libro coral e polifónico, ao tempo aparentemente anárquico porque non sabes o que vai vir despois, se unha referencia mitolóxica a un tesouro encantado ou un texto industrial sobre a explotación do wolframio nos anos 40". Coincide con el Alba Cid en que "este é un artefacto, un libro estraño cun punto enciclopédico que permite pasear por moitas capas da historia de Galicia desde unha perspectiva diferente. Poderiamos percorrer o libro desde moitas ópticas. Temos a Plinio a insistir na cantidade de ouro que había en Galicia, Asturias e na Lusitania. Un pouco máis adiante no libro podemos atopar a Risco que fala duns ananos que custodian o que podería ser ese mesmo ouro e o levan en saquetas a lavar no río. E así de xeito continuo". A apuntar posibles lecturas, "pódese seguir o fío do ouro, o dos animais que desaparecen nas covas, ou o do emprego deses animais para medir as distancias. Aparece moitas veces no libro como se botaba un galo, un can ou unha cabra a unha cavidade para saber onde rematan, e sempre acababa por aparecer a moitos quilómetros. Tamén todo o tema do son, ata que punto foi outra maneira de saber o tamaño dos subterráneos, a tirar unha pedra e ver canto tarda en soar ou a atender ao eco".
O volume
En conxunto, a obra achega máis de 500 referencias a covas que van desde Plinio o Vello, no século I, ata 1970. "A data vén porque foi cando se creou o Comité Rexional Galego de Espeleoloxía, e aí foi cando arrinca a espeleoloxía actual, formada por clubes e con técnicas modernas. Deuse unha explosión na creación de clubs e proliferaron as investigacións, as fotografías e as topografías", lembra Groba. Dado este limite, "hai covas como a de Valdavara ou a de Eirós que entón eran descoñecidas e non aparecen no libro. Sabes que sempre van quedar cousas atrás", recoñece. Canda a isto, o libro conta con máis de 120 ilustracións entre planos, fotografías, mapas, litografías, debuxos de espadas ou de ósos que apareceron en covas. "Temos fotografías do arquivo Vidal, de Ramón Caamaño, de Gustav Henningsen ou Ángel Llanos entre moitos outros autores. En total o libro reúne máis de 1.200 referencias documentais sobre 176 concellos galegos máis as covas en zonas estremeiras e extraterritoriais".
De Galicia a Marrocos
A obra organízase en tres bloques, o primeiro deles dedicado ao actual territorio galego e organizado de xeito alfabético polos concellos nos que hai cavidades. "Esas son a maioría, unhas catrocentas das cincocentas que ten o libro", explica Groba. Dentro deste está o apartado Un país de covas "nas que recollemos referencias xerais sobre covas ou minas no país" que non están vencelladas a un espazo concreto. E aínda outro apartado chamado En parte incerta "que fala de cavidades concretas pero que non se sabe onde están", como a cova da Curuxa ou a mina Albucrarense. Unha segunda sección aborda as formacións estremeiras por Asturias, o Bierzo e Norte de Portugal. "Non se pode falar da minaría romana e deixar atrás as Médulas, por exemplo", explica este espeleólogo e músico. "Neste ámbito non documentamos todas, atendemos ás máis importantes e ás que teñen vencellos particulares co país. Por exemplo unha cova de Monção na que había luces que se ollaban desde Galicia. Ou o santuario da Virgem da Peneda, onde peregrinaba xente desde esta banda da raia". En total 44 furados compoñen esta parte do catálogo. O libro complétase con catorce covas extraterritoriais, na que aparecen cavidades de diferentes lugares do mundo con vencellos galegos. Francia, Suíza, Cuba, Marrocos ou Granada son algúns dos espazos que están presentes neste apartado. Deste xeito, a referencia a un aguador galego, Pedro Gil, nos contos de Washington Irving sobre a Alhambra xustifica a inclusión dunha cova granadina. Á súa vez, na da Quilama, de Salamanca, uns albaneis galegos tiveron un accidente cando se meteron na cavidade a procurar un tesouro no século XIX. En Marrocos, pola súa banda, Constancio Veiga, montañeiro e espeleólogo do Club de Montañeiros Celtas, meteuse a investigar a cova de Aisha Kandisha cando facía a mili. Son só algunhas das covas afastadas que se recollen pola súa relación co noso país.
Alén da ciencia
Desde o seu nacemento, o grupo Maúxo ten claro o aspecto cultural das covas e conta cun importante arquivo de testemuños da poboación sobre estas cavidades, recollido en diferentes traballos de campo. "Teriamos para facer outro libro", advirte Groba. "Para nós a espeleoloxía é unha ciencia que interpreta e coñece fisicamente as covas pero tamén debe atender ao seu papel cultural, ver que implicacións teñen para a sociedade que vive onda elas, que as visita de cando en vez ou que as emprega como ferramentas simbólicas". Segundo lembra, neste grupo "non somos profesionais, facemos as investigacións en fins de semana ou vacacións. As primeiras covas que investigamos foron as do Folón e levounos dez anos. Máis do que espeleoloxía deportiva facemos espeleoloxía científica, non só no aspecto xeolóxico senón tamén no cultural", un aspecto que ten un particular peso na composición do colectivo. "Cando comezamos a maioría do clube eran de enxeñarías e hoxe somos maioría de humanistas. Temos interese pola historia, a cultura inmaterial, a xeografía, a toponimia ou o mundo das lendas". Deste xeito, o arqueólogo Eduardo Méndez-Quintas, a profesora de historia Tereixa Otero, o etnógrafo Alberto Romero "Romer", a historiadora da arte Andrea Serodio, o enxeñeiro Miguel G. García, o especialista en petróglifos Angel de Prado e os polifacéticos exploradores José Bernardino Costas e Zrus López Mosquera fan parte, xunta ao propio Groba, da autoría desta obra a través do seu traballo de compilación e selección de referencias.
A pegada nas letras
O Tesouro corrobora como a fascinación polas covas se expresa a través dos múltiples textos compilados. "A referencia máis antiga a unha cova natural en Galicia que atopamos é do ano 915. Trátase dun privilexio do rei Ordoño II que fala dunhas Covas de Pedra, Concavis Petrarum onde a xente se refuxiaba ante as incursións sarracenas", lembra Groba. "Logo Plinio falaba das 20.000 libras de ouro que se explotaban na Gallaecia, e tamén da mina Albucrarense, que hai quen identifica cun complexo mineiro que apareceu en Vila Pouca de Aguiar, no norte de Portugal". Desde aquela, a cantidade de textos sobre estes espazos multiplicouse, xa que as covas e cavidades "están máis tratadas polos autores galegos do que pensamos". Deste xeito, a repasar referencias que se poden atopar no libro, Groba lembra como "Wenceslao Fernández Flórez, en O bosque animado, conta como o protagonista ao facer un pozo atopa a entrada dunha cova e alí pásanlle cousas fantásticas, aínda que na realidade o que lle acontece é que se lle derruba o pozo enriba e morre. Tamén están as Cantigas de Santa María, Rosalía que fala do Encanto da Pedra Chan en Follas Novas, Pardo Bazán, Vítor Said Armesto, Uxío Novoneyra... son moitísimas referencias", apunta este espeleólogo. Segundo Alba Cid "por determinadas covas, as máis populares, observamos como pasan todo tipo de sinaturas, tamén literarias. No Cintolo por exemplo, podemos ter a Murguía a falar da cova ou a Filomena Dato a narrar os seus mitos nun poema. Outro indicio moi nítido nesa relación é a presenza de covas na literatura infantil e xuvenil actual, están por todas partes", advirte a sinalar a vixencia destes espazos na creación contemporánea. A sumar máis nomes á listaxe, Xavier Groba apunta casos como o prego de cordel de 1853 que os irmáns Félix e Cástor Castro Vicente achegaron á obra. "Conta a historia de Manuel Blanco Romasanta e aparece retratada a boca da cova na que o suposto lobishome ocultaba os restos das súas vítimas. Tamén incluímos un fragmento da obra Ponto, rei de Galicia do século XIV. Hai citas que se presentan salteadas polo libro, sen se asociar a concellos concretos, a xeito dun relax literario". Entre outros textos que se poden atopar na obra, Cid destaca "o de Montero Díaz, a recompilación fascinada de cavidades do mundo que fai Castroviejo, o de Pardo Bazán a describir as profundidades do Puzo do Lago ou o de Gil y Carrasco".
As covas que non existen
O patrimonio inmaterial que se mantén na nosa sociedade arredor do mundo subterráneo achega unha peculiaridade á espeleoloxía galega. E é que "temos unhas covas que non existen noutras partes do mundo que son aquelas das que non hai certeza de que existan. O camiño subterráneo que comunica a Illa de Ons coa costa, podes dicir se existe ou non? Documentada non está, pero existe na cultura galega", explica Groba. "O mesmo a conexión da cova do Pico Sacro co Pozo de San Xoán da Cova do Río Ulla onde os mouros levaban os cabalos a beber. Fisicamente hoxe en día se existe está obstruído. Desde un punto de vista positivista iso é unha fantasía. Pero nós queremos contar con esas cavidades". Cunha perspectiva similar Alba Cid considera que "aínda que o mundo dos espeleólogos pode semellar moi afastado, para min este é un libro de buscadores de tesouros nos nosos días". Na súa relación con estas cavidades "sempre penso que non me interesa nada un mundo desmemoriado ou que faga desaparecer o misterio, e esta obra consegue o contrario, permite contactar co fascinio por todo o invisible, un fascinio que nos precede. Non é estraño que nos fascine isto, todas as culturas que apontoan os seus mitos fundacionais no que temos baixo os pés, chámenlle inframundo, submundo, inferno ou o que sexa".
Unha relación densa
A sociedade galega mantivo con estes espazos unha relación "moi fonda, moi por investigar e moi densa. Hai unha relación simbólica e outra física", e mentres a primeira deixou unha importante pegada no patrimonio inmaterial, a segunda non era tan habitual. "A veciñanza non era moi afeccionada a meterse en buracos, eran os nenos os que as exploraban. Considerábase cousa de tolos, ese era o lugar dos mouros", explica Groba. A exemplificar isto cita "unha referencia de Vicente García de Riego en 1953 na que fala de que en Galicia hai dúas poboacións superpostas, unha na superficie, que son os galegos, e outra baixo a terra, que son os mouros. Existen dous mundos paralelos que aínda hoxe funcionan. Nos últimos anos hai quen se mete adrede nas covas pero na maior parte dos casos as referencias da poboación son culturais e simbólicas", e manteñen en grande medida a súa vixencia. "Aínda hoxe hai xente que cando falas con ela a visión que teñen do mundo subterráneo é moi próxima á que recollía Vasco da Ponte no século XV. Hai unhas constantes de prevalecen, e logo unha modernidade, representada pola espeleoloxía", apunta. Encol da facilidade coa que as covas adquiren ese carácter mítico. Groba recoñece que "aínda hoxe a xente entra nunha cova e ve cousas, é o fenómeno coñecido como pareidolia. Como quen vai ao Monte Pindo e ve guerreiros escuplidos nas rochas. Nas covas pasa aínda máis. Está escuro, vas cunha luciña e alí ves sombras, cadeiras, camas, cousas raras. Tamén a distancia que se percibe é moi superior, baixo terra percorrer douscentos metros seméllanlle quilómetros a unha persoa que non está afeita".
O mellor e o peor baixo o solo
Segundo apunta Alba Cid, na súa aproximación a este ámbito para o libro "pasei por obras contemporáneas que lle dan unha ollada a todo isto moi desprexuízada, como o Baixo terra de Robert Macfarlaine. Gustoume moito unha bisectriz que sinala, que é que baixo os nosos pés está todo o que tememos pero tamén todo o que desexamos conservar e o que amamos. Por iso é tamén o lugar dos tesouros e das riquezas". No mesmo sentido, á hora de abordar a relación da sociedade galega con estas cavidades, Cid recoñece que "é unha cuestión complexa". Así "sempre teño a sensación de que se ollamos o mundo dos sucesos, seguramente a parte xornalística é a máis arrepiante. Aí aparecen os espolios aos que historicamente se somete ás covas ou mesmo o comercio de estalactitas e estalagmitas. Temos aí tamén os fuxidos, que son todo un capítulo, ou os bebés que aparecen en covas. E os desprendementos e os perigos das minas, todo episodios moi lutuosos". Fronte a estes "aparece tamén o contrario, a relación natural cos habitantes do subterráneo. Cunqueiro fai múltiples xogos e infinitas mencións a determinado encanto ou mouro que garda tesouros nunha cavidade e con quen a xente do lugar ten unha relación directa". Un anaco do discurso Algunhas imaxinaciós sober tesouros, co que o mindoniense ingresou na RAG, foi o escolleito para fechar o libro. Segundo lembra Cid "fala dun home que cae nun furado no monte, atópase no fondo dunha cova e descobre alí un mouro. Este dille se quere mudar o lugar con el e quedar alí, e o home dille que non, que el quere é voltar para a casa con todo o tesouro que ve no lugar. O mouro deixouno ir, pero de alí a uns días o home arrepentiuse do que fixera e levoulle un agasallo de volta coa promesa de que o mouro lle contaría onde había máis tesouros. Esa naturalidade que se observa no relacionamento é tamén algo moi galego", apunta.