As ciencias das covas

Novas exploracións e achados elevan o interese das cavernas galegas

Interior da sima de Romeor, no Courel. Fotografía de Nino Santos Rielo.
Interior da sima de Romeor, no Courel. Fotografía de Nino Santos Rielo.
Un buraco aparece de xeito repentino nun prado de Romeor, no Courel. Restauran unha estalagmita. Descóbrese unha nova especie de brión que habita nas cavidades da rocha. Unha experiencia pioneira de espeleomergullo amosa espazos inéditos das entrañas do país. Por non falar das exploracións arqueolóxicas que están a reescribir a nosa prehistoria. Dun xeito ou doutro, as covas están de moda no noso país.

Hai uns meses aparecía nunha ladeira da localidade de Romeor, no Courel, un burato de grande tamaño. Ao parecer, a acción dun río subterráneo provocou o derrubamento dunha cova subterránea que turrou cara abaixo polo chan e provocou a aparición do burato. Esta repentina modificación amosa a dinámica subterránea que existe no noso país. Malia a non sermos unha zona rica en covas, existen no noso país toda unha serie de cavidades, en moitos casos aínda pouco coñecidas, que están a dar pé nos últimos tempos a achados destacados.

Restos da prehistoria
Un dos focos que nos últimos anos está a levar a atención do público xeral cara ás covas son os importantes descubrimentos arqueolóxicos que se están a realizar en varias simas do noso país. En concreto, as cavidades do Xato, Eirós e Valdavara está a reescribir as ideas que tiñamos sobre o Paleolítico no noso territorio. A maior protección que outorgan estes espazos cubertos e pouco concorridos aos restos do pasado facilitou enormemente a conservación de testemuños únicos como ferramentas, adornos ou ósos, así como pegadas que revelan o clima e o ambiente daquela época, moi difíciles de localizar noutros espazos.

Fauna e flora
Non é a arqueoloxía a única ciencia que ten algo que facer nas covas. Nos últimos tempos tamén estamos a ver investigacións que inciden na importancia da fauna e da flora nestes lugares. Deste xeito, por exemplo, no Parque Nacional das Illas Atlánticas realizouse un catálogo de furnas que cifrou en preto de 40 as cavidades que existen nestes espazos, mentres investigacións como o Atlas de Morcegos de Galicia revelaron novos datos sobre esta especie de mamíferos, que habitualmente se poden atopar nas cavernas. No entanto, a última descuberta neste sentido é a dun raro brión luminiscente que se localizou na Cova das Choias, en Pobra do Brollón. O Chistotega Pennata xa fora documentado na comarca de Lemos en 1921, e foi este mesmo ano que o profesor de botánica José Ramón Casanova verificou a súa existencia neste buraco.

Espeleoloxía e ciencia
Para alén dos fenómenos xeolóxicos que dan na aparición de novos buracos, boa parte da responsabilidade das novas descubertas en canto a covas é do Clube Espeleolóxico Maúxo. Este colectivo vigués, nado en 1992 aposta pola exploración das covas desde unha perspectiva que integra a práctica deportiva coa investigación. Cando a Marcos Vaqueiro, presidente deste colectivo se lle pregunta pola proliferación de información e descubertas sobre covas, amósase estrañado. “Levamos 18 anos investigando covas, e iso non mudou, mantemos liñas de investigación fixas e estamos a facer máis ou menos o mesmo agora que daquela”, explica. “Nós traballamos sobre todo covas fora das rochas solubles, traballamos no Pico Sacro ou na Costa Atlántica, con covas en seixo e granito”. En canto a liñas de investigación, o Maúxo traballa desde as formacións das propias covas a nivel xeomorfolóxico. Canda a isto o colectivo desenvolve traballos sobre etnografía e patrimonio inmaterial asociado á cova e ao seu contorno. A paleontoloxía e o paleoclima son outros dos ámbitos nos que traballa o colectivo, que se especializa en covas graníticas.

Epeleomergullo e resturacións
Nas últimas semanas, dúas das súas actuacións chamaron especialmente a atención. Por unha banda a experiencia de espeleomergullo que realizaron nun lago subterráneo na cova da Ceza, no Courel. A exploración, rexistrada en video, constatou a grande profundidade desta masa de auga. Segundo explica Xurxo Gago, un dos integrantes esta expedición, “temos un lago terminal a 700 metros no interior da cova do que xorde un regato de auga que logo chega ata o río Lor. Iso ten moita importancia. O lugar é espectácular, cunha auga cristalina. Chegamos a 13 metros de profundidade e o foxo seguía cara abaixo”, lembra. Canda a isto, no marco dun campamento de espeloloxía, realizaron a restauración dunha estalagmita na do Carballo(Santalla de Louzara), que fora serrada nunha agresión vandálica coa aparente intención de a roubar. Segundo explica Vaqueiro “nos campamentos de espeleoloxía que facemos estamos a abordar cuestións ambientais, e nese sentido abordamos algunha limpeza grande de covas. O pasado ano pensamos en facer algo máis, e levamos a un comité internacional unha proposta de reconstrución de estalagmitas coas resinas que estaban dispoñibles en España, que son un pouco diferentes das que se empregan noutros lugares para isto. Vendo o éxito da iniciativa, pensamos en o facer nunha cova auténtica, e escolleuse a de Santalla porque os anacos que racharan foran moi grandes”. Unha ampla reportaxe fotográfica da fe do xeito de traballo e do resultado desta experiencia, que se desenvolveu o pasado mes de setembro. De cara ao futuro, nesa mesma liña, o Club Maúxo quere traballar no estudo dunha síndrome que está a afectar a morcegos por medio mundo e desenvolver unha avaliación de impacto ambiental nunha cova, comprobando en qué xeito as visitas afectan ao contorno.

Novas tecnoloxías nos abismos
Canda ao Club Maúxo, e en ocasións a colaborar con eles, o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal é unha das entidades que máis están a avanzar no coñecemento das cavidades subterráneas do noso país. Segundo recoñece o seu director, Juan Ramón Vidal Romaní, as novas técnicas de investigación están detrás de moitas das novas recentes relacionadas coas covas galegas. “Nós levamos trinta a anos a traballar en covas, especialmente no Courel. É certo que agora temos todas as novas técnicas de datación, e iso, xunto a todo ese tempo de traballo, está a dar resultados”. Ademais do Courel, o Parga Pondal, en colaboración co Club Maúxo, realizou as primeiras exploracións de covas graníticas no noso país, “estamos a descubrir cousas novas, nun territorio no que se supuña que non había nada”. Canda a isto, non obstante, recoñece a existencia dunha certa sensibilidade mediática a estes espazos. “Achados como os que se están a dar na Cova de Eirós poñen un pouco de moda isto”. A nivel das novas técnicas que están a mudar o xeito de nos achegar ás profundidades, Vidal destaca a aplicación de novos sistemas de datación “por isótopos cosmoxénicos e luminiscencia, un novo xeito de datar as rochas que ata o de agora só se fixera con mostras que viñeran da Lúa e nós empregámolas agora en Galicia. Isto permítenos datar sedimentos que ata o de agora non había xeito de lles entrar porque non tiñan nin materiais orgánicos nin isótopos”. Canda a isto, destaca a investigacións que o centro está a facer en bioloxía molecular. “Estamos a preparar xente para a reconstrucion do ADN fósil, que é moi difícil e nunca se fixera en España. Isto vai achegar moitos datos novos sobre paleofauna”, explica.

Paleoclima
Para alén da xeoloxía, o traballo desde esta entidade está a ser orientar de xeito especial a estudar o clima da antigüidade e cara á paleontoloxía, investigando os restos animais aparecidos en covas. “En paleontoloxía levamos máis de trinta anos traballando, sobre todo en Enciña da Lastra”. Este labor deu na localización dos restos humanos máis antigos do noso país, cunha idade estimada de entre 8.000 e 10.000 anos, ou de importantes rastros de osos das cavernas e osos pardos. “Aínda que hai restos líticos máis antigos, é a primeira vez que aparecen restos humanos dunha idade tan antiga.

O que aínda agochan as covas
Entre as vindeiras novidades que chegarán do fondo da terra, Vidal Romaní adianta que en breve o Parga Pondal publicará un traballo no que se fai un rexistro climático continuo dos últimos 15.000 anos no noso país reconstruído grazas a restos conservados nas covas. “Temos xa rexistros desa idade en estalactitas, e estamos a buscar algunha que chegue a ter 300.000 anos e nos dea un rexistro continuo do clima de Galicia en todo ese tempo. Temos varias covas candidatas para isto, e iso será un adianto moi importante”. Para el, ademais, non cabe dúbida que escavacións como a de Eirós darán aínda moitas novidades. “Con todo o que apareceu alí, non temos explorado máis do que a parte superficial. É primeira vez que se fai unha investigación como esa, e non teño dúbida de que un día próximo se vai atopar unha cova con restos máis antigos”. Desde o Club Maúxo, Marcos Vaqueiro destaca a celebración en Galicia, en 2012, dun simposio internacional de covas. “No último encontro, en 2007, veu xente de 14 países, e moitos quedaron impresionados con algúns dos nosos traballos. O Folón, por exemplo, é unha das dez covas máis grandes do mundo en granito que se coñecen, e estamos xa a investigar outra en Ribadelouro que vai ser aínda maior. A verdade é que aos poucos comezamos a aparecer nos atlas mundiais desta disciplina”.