Galegos no berce do amor

Os trobadores galegos participaron na creación, no século XII das convencións que hoxe mantemos sobre o amor

En xeral, temos a idea de que o amor é un fenómeno fundamentalmente biolóxico e común a toda a humanidade. No entanto, existen autores que apuntan que o xeito en que concibimos hoxe as relacións sentimentais ten a súa orixe nun momento histórico concreto. A aparición do amor cortés no século XII marca o nacemento de boa parte das convencións románticas que aínda mantemos. E naquela orixe había un bo feixe de galegos que cos seus temas, ao xeito de antigas estrelas do pop, contribuíron a fixar as normas do xogo do amor.

En boa medida, amamos do mesmo xeito desde hai novecentos anos. "Tal e como o coñecemos agora, o amor nace no século XII e está nos trobadores", explica Mercedes Brea, Catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Compostela. "Aínda que non o inventan todo, e toman moitos elementos de autores clásicos, é a primeira vez que se dá esa simbiose de diferentes procedencias". Esta teoría deféndea, entre outros, o autor Denis de Rougemont, autor de "Amor e occidente", que apunta entre as características que nos legou aquela época, a idea do amor imposible, a adoración da amada, ou a dor da ausencia. "Non se conserva tanto o código completo do amor como aspectos particulares, sobre todo o que ten que ver coas manifestacións externas", sinala Brea. Como mostra, un paxaro: "Unha das metáforas máis difundidas da lírica trobadoresca occitana é a do paxaro que vai voando e, ao sentir o calor do sol nas súas ás, o goce é tan grande que se abandona e se deixa caer pola dozura que lle chega ao corazón. E esa é a sensación do namorado ante a contemplación da dona", explica esta estudosa.

O amor de actualidade
Na descrición do amor medieval que fai esta especialista en Literatura Románica encontramos descricións que ben poderían ser dos nosos días. Deste xeito na tradición medieval "o amor non se basea unicamente na beleza física, senón que esa beleza debe ir acompañada dunha serie de calidades. A dama é un ser perfecto e fermosísimo, pero non só fisicamente, senón que deber ser unha persoa culta, intelixente e xenerosa." Do mesmo xeito que na actualidade, conquistar a persoa amada "é o fin último ao que se tende, aínda que no texto este encontro plásmase pouco. Como acontece agora, os poetas cantan máis a pena, o sufrimento ou a busca do que a consecución do amor", destaca a catedrática. "O trobador canta sempre toda a dor que experimenta e as manifestacións físicas desa dor. Que perde a fame, o sono, que non pode deixar de chorar, que non pode deixar de lle dar voltas á cabeza, que lle dá pena a todos os que están arredor... Son sempre variantes sobre o mesmo motivo", unhas variantes que non pararon de se repetir en todo este tempo. Tamén desta época chega a idea de que o namoramento ennobrece a persoa. "O amor é visto tamén coma un proceso de perfeccionamento para a alma. É imposible estar namorado e non ter sentimentos nobres".

Crooners galegos medievais
Aínda que a orixe desta concepción do amor e da lírica asociada a ela aparecen en Occitania, a moda non tardou moito en chegar ao noso país, onde rapidamente se adoptou. "En pleno século XII houbo moitos trobadores occitanos na Península Ibérica, e relacionáronse cos autores galego-portugueses. Non digo que esta lírica xurdise a imitación da occitana, pero si que lle serviu de impulso para florecer", sinala Brea. Deste xeito, boa parte dos nosos trobadores foron `número un´ dos seus tempos a cantar aquela nova forma de amar, e contribuíron a difundir e a fixa esa idea na cultura occidental. "Os galegos estaban á última, aquí chegaba todo o que estaba a acontecer no Sur de Francia e en Europa en xeral", asegura. Nomes coma Johan Airas, Don Dinís, Paio Soares de Tabeirós, Nuno Eanes Cerzeo, Marín Codax, Johan de Cangas ou Meendinho foron só algúns dos nosos crooners da época. "A lista sería moi longa", asegura Mercedes Brea, quen coloca a Don Dinís de Portugal á cabeza destes autores. "É de quen se conserva unha tradición máis extensa e, ao tempo, recólleo todo. É coma un compendio de toda a lírica francesa, occitana e galego-portuguesa anterior. Na súa obra pódense encontrar todos os xéneros e os motivos".

Mudanzas
É evidente que na actualidade non mantemos todas as normas do amor cortés. Por exemplo, o costume occitano (que aquí polo visto non se daba moito) de que a amada fose unha dona casada. Ou o tópico do segredo, que os trobadores cumprían escrupulosamente. "Non se podía revelar nunca o nome da dama, era unha indiscreción que podía ter consecuencias graves", explica Brea. Tampouco se mantén o costume de se afastar da dama como parte do xogo amoroso, que non sempre se daba, pero que non era un acontecemento estraño. "En ocasión a dama obrígao a marchar lonxe dela, ás veces é propio namorado quen debe partir. O que predomina é a insistencia, a capacidade para vencer todos os obstáculos e se manter sempre leal", sinala esta filóloga. Sobre a supervivencia desta parte do amor cortés na sociedade actual podemos dicir que, cando menos, é un pouco relativa. Tampouco é xeral (por sorte, podemos pensar) a imposibilidade de acceder á persoa amada, na actualidade (e de novo para a nosa fortuna) non é estraño que se formen parellas unidas polo amor, un acontecemento moi estraño nas composicións medievais. Tamén mudou o papel pasivo que o amor cortés reserva á muller. Aínda que tamén sobre ese papel pasivo xa dicían algo no século XII.

As mulleres e o sexo
As cantigas de amigo amosan a voz da muller na relación amorosa. "Son un xénero que só teñen entidade propia na lírica galego-portuguesa", explica Brea. É certo que en Occitania existiron trobadoras que deron a súa versión do amor, mentres que na nosa literatura son trobadores homes os que lles dan voz ás donas. Ademais, como é evidente, non todo era contemplación e amor platónico na Idade Media (se non estariamos extinguidos). O sexo, ademais de se practicar, tamén encontrou o seu oco na literatura, pero fíxoo fóra das castas cantigas de amor. "Nas cantigas de escarnio aparece o amor na súa carnalidade total. Non só se recolle o amor físico de xeito evidente, senón que aparecen prostitutas, homes e mulleres homosexuais, algún posible caso de pederastia ou relacións interraciais", explícanos Mercedes Brea. "Nestas cantigas pode haber de todo menos ese sentimento puro e ennobrecedor do amor". Tamén neste xénero, a nosa lírica medieval é ben máis fecunda que outras desa época.

Resumindo
Os nosos sentimentos entón poden ser ben semellantes aos que, hai case novecentos anos, expresaban Martin Códax e Meendinho, nos mesmos lugares que hoxe habitamos e na mesma lingua. O mesmo é que temos o amor no aire.
Cantares de cando o amor era novo.
Ofrecésmoche unha mostra das primeiras composicións amorosas que existiron na nosa lingua. Selección realizada por Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica da USC.