As primeiras BDs da Península eran galegas

As Cantigas de Santa María supoñen un exemplo temperán de narración gráfica

Fragmento da cantiga 63
Fragmento da cantiga 63
Banda deseñada na Idade Media. Produtos multimedia no século XIII. Conceptos que poden semellarnos propios dunha novela fantástica son parte da nosa historia e da nosa literatura. As Cantigas de Santa María do rei Afonso IX son un exemplo único destas dúas ideas. O investigador Breixo Harguindey explícanos polo miúdo esta curiosa historia de cadriños.

Os catro códices que se conservan das Cantigas de Santa María levan aí desde mediados do século XIII. Era sabido que nalgúns deles se conservan, para alén das ilustracións habituais nos manuscritos medievais, inseridas no texto ou como adornos para as letras capitulares, páxinas enteiras de debuxos que ilustran as cantigas. No entanto, en todo este tempo pasara practicamente desapercibido o feito de que boa parte destas páxinas teñen características que fan delas auténticas bandas deseñadas.

A descuberta dos cadriños
Breixo Harguindey, editor, crítico e investigador da banda deseñada publicara xa en 2007 un artigo no Boletín Galego de Literatura no que diseccionaba esta cuestión. Este mesmo outono, o Salón do Cómic de Cangas acollía unha exposición que daba a coñecer ao público xeral esta cuestión. Segundo explica Breixo “o meu interese polas Cantigas xurdiu a partir da exposición La BD avanta la BD da Biblioteca Nacional de Francia, que se pode en liña. Alí amósanse moitos exemplos de precursores do cómic anteriores a imprenta, e recensiona de xeito destacado as Cantigas”. A revisar o material orixinal en Madrid, Harguindey decatouse de ata que punto estaba presente a banda deseñada nesta obra, cumio da lírica galego-portuguesa medieval. “Sorprendeume decatarme de que, de xeito espontáneo e intuitivo, estaba diante dun cómic. Iso era para min algo incuestionable, aínda que logo tivese que o razoar e explicalo, era nidio. Tratábase de narracións secuenciais en cadriños, dipostos en páxinas, en formato libro”.

Narración
E é que grande parte das páxinas ilustradas que acompañan as cantigas están organizadas cadriños que se distribúen en dúas columnas e tres ringleiras. En cada un dos cadriños represéntase, polo xera, un momento concreto da acción, compondo narracións completas e comprensibles de xeito independente que contan con textos de apoio que explican máis polo miúdo as accións dos debuxos.
É certo, no entanto, que non todas as ilustracións presentes na obra teñen características propias da BD. “as páxinas das que falamos son a adaptación en cómic da versión en poema. Acontece que había cantigas máis narrativas e outros que eran louvanzas á Virxe. Estas últimas, cando se adaptan, resultan menos narrativas e máis ilustradas, pero o resto son historias contadas mediante a imaxe e o texto”. Ata o de agora, a obra supón o primeiro exemplo de narrativa secuencial que existe en toda a Península Ibérica, e un dos máis destacados da Idade Media. No entanto, non é nin moito menos o único ou o máis antigo. De feito, o propio Harguindey, entre outros investigadores sinalan que o emprego de debuxos para contar historias era moito máis habitual nesta época do que pensamos, e que foi coa progresiva alfabetización da sociedade e coa aparición da imprenta que se foi impondo a ilustración “estática” que a día de hoxe coñecemos e que foi preponderante ata a aparición da BD no século XIX.

Vangarda narrativa
Para alén de contar unha historia con debuxos, as Cantigas achegan ademais exemplos sobranceiros de recursos narrativos moi avanzados. “Moitas cousas que asociamos ao cómic contemporáneo xa se poden atopar nas cantigas”. Cuestións como o coidado na disposición de páxina ou solucións como a ruptura do cadriño (como se pode ver na cantiga 63), a representación de varios momentos temporais nunha mesma ilustración aparecen representadas nos exemplos que Harguindey seleccionou para esta exposición.
“Busquei exemplos nos que se verificase a transición entre imaxes e representasen a idea contemporánea da imaxe como instantánea, a que temos hoxe ao ollar un cadriño ou unha fotografía”, explica. “Aínda que isto non é norma nas Cantigas, estas páxinas exemplifican as transicións que forman a linguaxe da BD contemporánea e permiten comprobar o raccord de espazo, tempo e acción que se verifica tamén no cinema”. É dicir, a coherencia gráfica que permite seguir unha historia mediante as súas representacións visuais, mantendo a acción nun mesmo lugar e narrada de xeito cronolóxico. “Hai un exemplo claro do interese na disposición na páxina nunha secuencia que representa a tortura dun home” (cantiga 124). A manter unha mesma disposición dos elementos en cada cadriño, amósanse os diferentes suplicios aos que é sometida a vítima, facendo de cada ilustración unha auténtica instantánea e reforzando a sensación de repetición da acción. Pero hai aínda outro exemplo no que se amosa claramente a vontade por manter determinada distribución da páxina. “Hai unha cantiga na que se fala sobre a caza cun falcón, na que se representa nunha das columnas a El-Rei e a súa corte e na outra un río. Para manter esta distribución, os autores racharon mesmo a orde de lectura, mantendo un paralelismo no espazo. Isto é algo abraiante para o século XIII, xa que o paralelo narrativo non se estableceu ata o século XIX na narrativa" (cantiga 142).

Personaxes pioneiros
Canda ás páxinas que se centran máis nos recursos narrativos propios da banda deseñada, Harguindey tamén se preocupou de recoller outros aspectos pioneiros da obra que se elaborou no obradoiro de Afonso IX. “Organicei unha segunda parte da mostra na que se amosan cousas que son máis curiosidades pero que teñen tamén un valor relevante. En concreto amósanse as que penso que son as primeiras aparicións do meigo Merlín e mais dun morto vivinte en cómic” (cantiga 108). En concreto, no primeiro caso o feiticeiro aparece a discustir cuestións teolóxicas cun xudeu e a pregarlle á Virxe que o castigue, con grande éxito. No segundo, o demo introdúcese no corpo dun home morte e fai falcatruadas facéndose pasar por el ata que, de novo, a intercesión mariana o expulsa.

Multimedia medieval
Para alén da súa importancia como banda deseñada, as Cantigas contan coa peculiaridade de ser un auténtico produto multimedia. Primeiro realizáronse as composicións poéticas, despois elaborouse a notación musical para as mesmas, e logo fíxose a adaptación a banda deseñada, integrándose todo nun mesmo volume. “Agora, cando vemos un filme como Batman Dark Knight, hai filme, cómic e bonecos, e ese tipo de acontecemento asociámolo unicamente aos nosos días. No entanxo, xa Afonso IX planificara unha obra para se distribuír en diferentes medios, coa Virxe María como actuando nexo do mesmo xeito que hoxe o fai Batman”.

A mostra que se puido ver no Salón de Cangas estará dispoñible en breve para a súa distribución no país, de xeito que os interesados en comprobar cos seus propios ollos se xa nos tempos de Afonso IX eran tan avanzados, é ben posible que teñan novas ocasións en breve no noso país.

Galería: A BD nas Cantigas de Santa María

Galería: A BD nas Cantigas de Santa María

Representación da cantiga 63: Como Santa María sacou de vergonna a un cavaleiro que ouver’a seer ena lide en Sant’ Estevan de Gormaz, de que non pod’y seer polas suas tres missas que oyu

Cantiga 74: <i>Como Santa Maria guareceu o pintor que o demo quisera matar porque o pintava feo</i>

Cantiga 74: Como Santa Maria guareceu o pintor que o demo quisera matar porque o pintava feo

Cantiga 108: <i>Como Santa Maria fez que nacesse o fillo do judeu o rostro atras, como llo Merlin rogara</i>

Cantiga 108: Como Santa Maria fez que nacesse o fillo do judeu o rostro atras, como llo Merlin rogara

Cantiga 124: <i>Como Santa Maria guardou un ome que apedraron que non morresse ata que ssemefestasse, porque jajava as vigias das sas festas</i>

Cantiga 124: Como Santa Maria guardou un ome que apedraron que non morresse ata que ssemefestasse, porque jajava as vigias das sas festas

Cantiga 142: <i>Como Santa Maria quis gua[r]dar de morte un ome dun rei que entrara por ha garça en un rio</i>

Cantiga 142: Como Santa Maria quis gua[r]dar de morte un ome dun rei que entrara por ha garça en un rio