Unha roda vestida de seixo

Remata a intervención na roda prehistórica de Adai (Lugo) constatando a similaridade entre todas as xa escavadas

Remata a intervención na roda prehistórica de Adai (Lugo) constatando a similaridade entre todas as xa escavadas
Castrillón (ou Corro dos Mouros) de Adai.
Un equipo da USC dirixido pola profesora Pilar Prieto remata a principios desta semana a intervención arqueolóxica no Castrillón, ou Corro dos Mouros en Adai (Lugo), un monumental xacemento circular da Idade do Bronce. Con oito rodas escavadas nos últimos anos en Galicia, a especialista considera que é o momento de non abrir novos xacementos e estudar en profundidade os que xa se empezaron a investigar. Polo de contado, os datos de Adai confírmanlle que as rodas galegas son unha versión singular da cultura funeraria e ritual que se estendeu por Europa na segunda metade da Idade do Bronce.

Durante décadas, o Castrillón de Adai, ou Corro dos Mouros (Lugo), foi un misterio para os arqueólogos que traballaban ao redor da cidade e a súa comarca. Situada na marxe occidental do río Miño, pero non lonxe de Lugo, aquela misteriosa estrutura circular foi obxecto de diferentes interpretacións. Desde un castro moi pequeno, un posto militar romano ou algún tipo de fortificación altomedieval: un xacemento anómalo e difícil de clasficiar. De aquela os científicos nin se imaxinaban que ao longo de toda Galicia aparecerían, na última década, coa revolución tecnolóxica do LiDAR, preto de 60 novos xacementos moi parecidos a este. Hoxe están a transformar a visión da prehistoria galega.

Con todo, o Castrillón de Adai é, posiblemente, a roda máis monumental e mellor preservada das localizadas ata o momento. Está inmersa nunha paisaxe prehistórica de petróglifos, dólmenes e numerosos achados de cerámica da Idade do Bronce. Nestes primeiro días da semana rematará a primeira campaña arqueolóxica neste coñecido xacemento e a súa directora, a profesora da USC Pilar Prieto, xa ten claro que o xacemento non responde a ningunha das hipóteses que se tiñan formulado de aquela. Nin castro pequeno, nin posto militar romano, nin castelo altomedieval. A campaña foi promovida polo grupo de investigación ECOPAST, co apoio do grupo Síncrisis, ambos da Universidade de Santiago de Compostela. O proxecto contou coa colaboración da comunidade de montes de Adai, propietaria do monumento.

"A xulgar polos materiais que aparecen, estou valorando unha cronoloxía entre o final da Idade do Bronce e os inicios da Idade do Ferro. É demasiado bonito, non?", di Prieto ríndose. A beleza e a sospeita dos datos coa que ironiza a arqueóloga estriba en que o Corro dos Mouros coincide e encaixa á perfección coas cronoloxías que tamén se teñen obtido nas campañas das outras sete rodas xa investigadas en Galicia, o cal en arqueoloxía é como mel nas filloas. Todas as rodas escavadas ata agora teñen moitas proximidades na súa estrutura, momento fundacional, tempo de uso e abandono e tamén no tipo de restos atopados.


Parapeto e enlousado no Corro dos Mouros.

Un longo corte de 17 metros secciona o monumento, partindo do interior, atravesando a muralla e chegando a un foxo do que o equipo acaba de verificar a súa existencia. "Queriamos definir as diferentes partes do xacemento", sinala Prieto, "apenas ao principio de comezar xa nos apareceu o paramento interior da muralla, en moi bo estado de conservación", indica Pilar. A muralla tiña certas particularidades, como un misterioso enlousado que discorre paralelo á muralla. "Por baixo del apareceu un recipiente cerámico. Non se conserva enteiro, só a panza e dous fragmentos de cuarzo. Está colocado conscientemente aí, aínda que penso que non é funerario". A muralla é distinta á dun castro. O paramento de pedra só aparece na cara interior. De aí cara o exterior son unhas tres ou catro capas de xabre, "é moi similar ao xabre que nos atopamos no fondo das cabanas prehistóricas, só que aquí é moito máis groso". A particularidade está en que o parapeto non parece ter unha cara exterior de pedra similar á interior. Prieto traballa coa hipótese de que un conxunto de pedras de seixo coroarían a muralla e poderían tamén decorar a súa cara exterior. "Hai todo un conxunto de seixos dun tamaño bastante regular, de entre 30 e 40 centímetros, alí colocados. Estamos valorando que sexa algo consciente, construír un nivel con seixos entre a parede exterior do parapeto e o foxo para conseguir un impacto visual" a quen chegue. Aínda hoxe, a elevada presenza de grandes e pequenos bloques de seixo no xacemento e no perímetro inmediato sorprende os visitantes e fai pensar que, en efecto, algún papel debeu xogar este tipo de pedra no xacemento. O equipo tamén localizou un foxo de gran envergadura que non será explorado na súa totalidade na campaña actual.

Os paralelos europeos

Pilar Prieto designa estas novidosas estruturas arqueolóxicas como ‘xacementos tipo roda’ e non henges, como se denominaron cando comezaron a ser descubertos. De feito, segundo a arqueóloga, pertencen a unha dinámica distinta. Os henges británicos aos que se parecen rematan de construírse ao redor do 1500 a.C., xusto cando comezan a se construír as rodas do noroeste peninsular. "Eu creo que este espazo é unha necrópole", afirma Pilar Prieto. Pero nese momento en Europa continental comezan a xurdir un tipo de necrópoles das que as rodas galegas parecen ser unha versión local. "En Europa, sobre todo no norte de Francia, aparecen un conxunto de pquenos recintos circulares de 20 ou 30 metros de diámetro, que teñen 5 ou seis foxas con enterramentos no medio, e que están agrupados entre eles. En Galicia funciona doutro xeito: faise un único recinto, pero moito máis grande. É outro xeito de expresar o comunitario", afirma Prieto. Os recintos galegos teñen paralelos tamén co mesmo sistema de enterramento da Europa do momento: "son necrópoles con foxas de incineración, e con moi pouco enxoval. Cando queren facer unha tumba rica empregan cerámica, ou algunha fíbula de bronce". Serán claves tamén as datacións. O equipo obtivo máis de 50 mostras para facer todo tipo de analíticas tanto cronolóxicas como ao redor da ecoloxía do espazo. "Puiden acceder ás datacións do xacemento de Castrullos (Parada de Sil) e dannos unha cronoloxía de base de construción da muralla do 1400 a.C., de uso ao redor do ano 1000 a.C. e de abandono entre os séculos IV-III a.C., en plena Idade do Ferro".

Prieto opina que, fronte ás propostas de interpretación destes xacementos como protocastros, os datos conducen máis ben a un sentido máis ritual. "Non atopamos fondos de cabanas, como sería habitual, só algúns buracos de poste, achados de cerámica e durmintes de muíño. É o mesmo tipo de cultura material que se atopa noutras necrópoles da época en Europa". Porén, a investigadora afirma que é moi difícil ter clara o sentido destas rodas mentres non se dispoñan de escavacións en área que permitan coñecer toda a súa estrutura.

Prieto xa valora a realización de máis campañas no Corro dos Mouros de Adai para comprender máis sobre o xacemento. "Xa levamos oito rodas escavadas en Galicia. Precisamos parar de abrir novos sitios arqueolóxicos e traballar máis en profundidade nos que xa comezamos a coñecer", sinala a profesora da USC, "porque se non vainos pasar como cos castros, que levamos vinte anos con moi pouco avance de coñecemento porque se abren continuamente novos xacementos no canto de investigar en profundidade o xa existente". De feito, está valorando a solicitude dun plan nacional que permita compilar toda a información existente e avanzar de xeito máis sistemático no coñecemento destas novas realidades arqueolóxicas.

Outro aspecto importante é a relación deste xacemento coa paisaxe inmediata, repleta de dólmenes, petróglifos e o xacemento coñecido como Altar de Adai, investigada xa por Pilar Prieto e outros investigadores, que identificaron como unha longhouse, unha estrutura característica do Bronce medio.

"Sempre falamos de que Galicia vai máis retrasada nas dinámicas históricas pero iso é mentira", afirma con rotundidade Prieto, "no caso destas rodas da Idade do Bronce as dinámicas nesta época son como no resto de Europa, pero temos que atopar a versión local, que ten características moi propias. É como hoxendía: todos vivimos na cultura dixital pero hai moitas particularidades locais".